luns, 28 de marzo de 2011

NAVEGADOR GPS TOM TOM.

O ENDLG do IES de Beade vén de crear unha voz en galego para os GPS da marca TomTom. A voz é de Irene Luaces, alumna de 3º ESO-C.
Unha interesante iniciativa que nos permite empregar a nosa lingua en actividades tan habituais coma os desprazamentos polas cidades.
A voz está compartida no servidor de TomTom, polo tanto podedes utilizar o programa TomTom HOME para descargala e instalala automaticamente no voso navegador GPS. Para buscar a voz escribide Irene-IES Beade ou poñede galego como filtro.
Seravos de moita utilidade, de seguro.
Para acceder ás instrucións de descarga e instalación premede neste enderezo:

http://centros.edu.xunta.es/iesbeade/ENDL/tomtom.htm

sábado, 19 de marzo de 2011

A AUTOXENREIRA LINGÜÍSTICA ENTRE OS XOVES. OS PREXUÍZOS.

Presentámosvos un traballo excelente para desenvolver nas aulas elaborado por Xosé María Moreno, do IES de Beade. Toca de novo o tema da autoxenreira tendo como base á polémica concursante de GH, pero desde un punto de vista instructivo en comparación cos prexuízos raciais. Un material que dará pé a un interesante debate nas aulas.
ADXUNTÁMOSVOS UNHA UNIDADE DIDÁCTICA ORIENTADA A ESE DEBATE.

xoves, 17 de marzo de 2011

PROPOSTA DE RECUPERACIÓN DOS NOMES HISTÓRICOS DAS RÚAS DA CIDADE VELLA DE VIGO E DOUTRAS DO CENTRO URBANO

Conscientes da importancia que ten a recuperación da memoria histórica da cidade de Vigo, e da cal a parte antiga constitúe a súa esencia, propomos que o proceso de rexeneración que o Concello e os veciños desexan para a cidade vella vaia acompañada da recuperación dos seus sinais de identidade, parte dos cales, residen nos nomes históricos das súas rúas; nomes que nos recordan antigas actividades relacionadas con elas, así como suxestivas resonancias medievais.
Durante séculos estas rúas mantiveron o seu nome orixinal, perdéndoo moitas delas na segunda metade do s. XIX e primeira do s. XX, por un mal entendido sentido do progreso que consideraba excesivamente rural e pouco oportuno para a cidade que Vigo aspiraba a ser, nomes como o da Praza da Herba, ou a da Leña, ou mesmo a Baixada da Pulga, que algúns confundían co do parasito, esquecendo que a súa orixe estaba na torre de mesmo nome que nese lugar existiu. Outras veces foi a louvábel intención de honrar algunha persoa ilustre o que provocou a mudanza do nome; consideramos que este fin nobre non se debe facer á custa de perder o respecto pola historia.

XORXE RODRIGUES GOMES
IES POLITÉCNICO.

Con este traballo podedes practicar e ensinarlle ao alumnado o nome antigo das rúas, cómo se chamaba antes a rúa onde viven e as colindantes, ou significativas para eles, ubicación do centro, casa de amigos...e incluso engadir datos a esta recuperación, cómo lle chaman os seus avós as distintas rúas, e os seus pais? Aquí vos deixamos carta libre para un traballo didáctico e divertido.

LEMBRANDO O PRESTIGE. X.M. MORENO: IES BEADE.

O Prestige foi un petroleiro que afundiu fronte ás costas galegas en 2002 producindo unha inmensa marea negra, que afectou a unha ampla zona comprendida dende o norte de Portugal ata as Landas ou Vendée en Francia, tendo especial incidencia na Galiza.
O Prestige era un petroleiro monocasco de titularidade grega que viaxaba con bandeira das Bahamas, cuxo propietario era supostamente liberiano e fora fretado por unha compañía petroleira rusa baseada en Suíza. Tivera como nome anterior Mt Gladys. Medía 243 m de eslora, 34,4 m de manga e 18,8 m de calado. A capacidade de carga era de 85.000 m³ e o combustíbel (fuel oil) ocupaba 4.500 m³. Transportaba fuel oil en 12 tanques, de entre 3.200 e 12.000 m³.
O 13 de novembro de 2002 un dos tanques rebentou durante unha tempestade á altura de Galiza. Temendo que se afundise, o capitán, Apostolos Mangouras, solicitou a axuda dos servizos de rescate españois, agardando poder refuxiarse nun porto. Non obstante, as autoridades demoraron en actuar e decidiron finalmente obrigar ao capitán a afastar o buque da costa e dirixirse cara o noroeste, crendo así evitar o risco. A secuencia de acontecementos é confusa; é posíbel que as autoridades francesas presionasen para que se dirixise cara o sul; Portugal tamén lle prohibíu achegarse.
Nesta tesitura, a tripulación abandonou o barco e este, a mercé das ondas, deteriorouse e unha sección da proa rachou e deitou ao mar unha grande cantidade de fuel oil. Ás oito da mañá do 19 de novembro, o petroleiro fendéuse pola metade e afundiu completamente esa mesma tarde. Estaba a uns 250 km das costas galegas e a marea negra xa chegara á costa. O capitán foi detido e acusado de non cooperar cos equipos de salvamento e de causar danos ao medioambiente.
Vertéronse ao mar 5.000 toneladas métricas de fuel oil. Logo de afundirse continuou deitando unhas 125 ao día, creando unha maré negra que contaminou o leito mariño e contaminou a costa, afectando especialmente á Costa da Morte entre Muxía e Carnota. A área afectada non só constitúe unha rexión ecolóxica moi importante, senón que ten na pesca unha das súas fontes de ingresos máis importantes. A contaminación provocada forzou ao goberno autonómico a suspender as actividades pesqueiras durante seis meses.
A pesares de ter propietario o barco, as investigacións xudiciais pertinentes non chegaron ata un 'responsable direito' deste accidente. As investigacións amosaron de igual xeito as fallas no buque, e a falla de medidas de seguridade na costa atlántica.

AQUÍ VOS PRESENTAMOS OS VIDEOS ELABORADOS POR ESTE PROFESOR, E UNHAS UNIDADES DIDÁCTICAS PARA TRABALLAR NAS AULAS DE SECUNDARIA E BACHARELATO.

NON PODEMOS ESQUECER PARA QUE NON SE REPITA.

" NUNCA MENOS" Actividade teatral para 2º ciclo de ESO e Bacharelato.

Co gallo da celebración do Día Mundial do Teatro o Verbum ofrece esta programación especial na que a compañía Fulano, Mengano e Citano fará un percorrido en clave de humor a través da historia de Galicia. Nunca Menos lévanos por todos eses períodos de luces e sombras, ás veces de apagón total, que fixeron de nós o que hoxe somos. Trátase dunha viaxe de ida e volta ao alucinante pasado de Galicia do que os libros  de historia nunca nos falaron. Nunca Menos é un paseo polas orixes, os costumes e as tradicións desta terra de bispos e reis, nobres e servos, heroes e tiranos, situada entre a fin do mundo e o norte de Portugal.

A obra está construída en base a niveis diferentes de lectura e interpretación, o que permite un achegamento igualmente válido tanto para mozos como para adultos.
Ao mesmo tempo, a fidelidade das fontes consultadas danlle a Nunca Menos un valor didáctico engadido que axuda a espertar a curiosidade pola nosa historia, mediante a utilización dunha linguaxe próxima e directa.
                                 
Datas:  Martes 29, mércores 30, xoves 31 de marzo e venres 1 de abril de 2011  
Horario: de 11h a 12:30h                                 
Lugar: Salón de actos – Verbum Casa das Palabras
Destinatarios: alumnos a partir  de 2º ciclo de secundaria e Bacharelato
Entrada: gratuíta
Aforamento: 120 persoas



Reservas a través do teléfono 986 240 130 ou do enderezo electrónico verbum@vigo.org en horario de 10 a 14h. e 16 a 19h.

NOVIDADES XERAIS: LOIS PEREIRO.

http://dl.dropbox.com/u/22728933/Poes%C3%ADa%20completa%20de%20Lois%20Pereiro.doc
http://dl.dropbox.com/u/22728933/A%20princesa%20Sabela.doc
http://dl.dropbox.com/u/22728933/O%20meu%20gato%20%C3%A9%20un%20poeta.doc
http://dl.dropbox.com/u/22728933/Recendos%20de%20aire%20sonoro.doc
http://dl.dropbox.com/u/22728933/Ti%20non%20xogas.doc
http://dl.dropbox.com/u/22728933/O%20misterio%20das%20badaladas.doc

XXV ENCONTRO DE EDUCADORAS/ES POLA PAZ

 O XXV ENCONTRO de Educadores/as pola Paz, vai ser a nova cita das educadoras e educadores pola paz de Galicia e Portugal, así como doutras terras de España e outros países que nos adoitan acompañar e, xa está programada.
Será en Allariz-Ourense, unha das cidades na que antes abrollou a semente da paz. Vai ser un Encontro especial, por ser a vixésima quinta edición, logo de organizarse nela os primeiros da man de Xesús (Suso) R. Jares. Seguiremos a afondar nas liñas de traballo encetadas fai 25 anos, mais nos novos escenarios do século XXI, enmarcándoas na actualidade desta temática na nosa comunidade, a través do estudo, creación e intercambio de Alternativas, estratexias e recursos para unha convivencia democrática no marco da Educación para Paz.

Agardamos a vosa presenza e participación activa nesta nova cita.
Ata abril, mes da liberdade e da paz, en Allariz ( Ourense).

Horas de formación: 16

Tríptico premendo no título do artigo.

luns, 7 de marzo de 2011

SEMANA DA ACCIÓN MUNDIAL POLA EDUCACIÓN (SAME).


A Campaña Mundial pola Educación (CME) promove a educación como un dereito humano básico e a presión política sobre os gobernos e a comunidade internacional para que cumpran as súas promesas de prover educación básica gratuíta, obrigatoria e pública a todas as persoas; en particular á infancia, as mulleres e os sectores desfavorecidos da sociedade.
A Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME) 2011 ponse en marcha baixo o lema:
"A educación non é un conto. Polos dereitos das nenas e as mulleres"

COMO PARTICIPAR NA SAME 2011?

1. Traballando as propostas didácticas.ESO, EPA E BACHARELATO.
2. Participando en A Gran Historia e algúns dos actos que se organizarán en toda España durante a SAME, nos que recordaremos aos representantes do goberno español os seus compromisos e a necesidade de que poñan a educación das mulleres e as nenas na primeira páxina da súa axenda.
3. Uníndote á campaña e deixando o teu conto na nosa páxina web. Ademais de asinar en apoio desta, coñecerás a importancia da educación das mulleres e as nenas, as noticias da campaña ou as actividades que se están a realizar noutras partes do mundo.
Para ter mais información poden visitar a nosa páxina web  http://www.cme-espana.org/ .

75 millóns de nenas e nenos non poden ir ao colexio SÚMATE PARA RESTAR.
Dpto. de Educación e Comunicación, Educación Sen Fronteiras,  Galicia

Podedes acceder ás unidades didácticas premendo na noticia.

domingo, 6 de marzo de 2011

QUEN POIDERA NAMORALA

Poema de Álvaro Cunqueiro, musicado por Emilio Batallán,  e parte da banda sonora do filme " Pradolongo".

BLOGUE DINAMIZA CDEDLG

Poñemos á vosa disposición un novo blogue da CDEDLG de Vigo, o Dinamiza cdedlg.  http://dinamizacdedlg.blogspot.com/ Abrimos cun monográfico sobre Álvaro Cunqueiro. Nesta páxina podedes atopar información variada sobre o autor para levar a cabo traballos e actividades nas aulas.
Nesta primera andaina aportamos información aplicable a ESO e Bacharelato, biografía, bibliografía, videos e artigos de interese sobre o autor e a súa obra. Iremos engadindo actividades enfocadas a E. Infantil e Primaria, e subiremos as aportacións dos centros, que axudarán a profundizar na figura do prolífico autor galego, todo isto no marco do proxecto : " A semana de Cunqueiro" que proximamente levaremos a cabo nas aulas dos centros vigueses.

martes, 1 de marzo de 2011

PORTAL DO IES A SANGRIÑA DE A GUARDA.

Unha páxina interesante, aquí podedes visualizar as actividades que se fan noutras bisbarras, neste caso no Baixo Miño.

luns, 28 de febreiro de 2011

CURSO DE REGUEIFA POLOS CENTROS EDUCATIVOS DE VIGO.

Luís Caruncho e Pinto d’Herbón, dous dos mellores improvisadores da regueifa en Galicia, percorren estos días varios centros educativos de Vigo para lle dar ao noso alumnado as claves necesarias para construíren regueifas.
A regueifa é unha cantiga improvisada entre dúas ou máis persoas que seguen un mesmo cantar ou son durante o tempo que dura unha disputa sobre un tema determinado. Ademais, ten a característica de que cada regueifeiro canta unha estrofa de catro versos octosílabos nos que riman os pares e quedan libres os impares (de maneira que formalmente coincide coa copla popular). Pode verse certo parecido coa tençón medieval, na que tamén había unha disputa entre dous trobadores sobre un tema determinado, mais a regueifa foi e é máis popular.
A orixe desta controversia cantada ten que ver coa regueifa, que era un molete de pan -ou unha rosca de ovo e azucre- que antigamente se regalaba nas vodas aos convidados e aos mozos e mozas da parroquia non convidados (ou de fóra dela). A parte divertida consistía en "cantar a regueifa": un cantador dos de fóra da parroquia botaba unha copla meténdose cos de dentro, e entón un cantador da parroquia respondíalle. Iniciábase así entre os dous unha disputa dialéctica de coplas improvisadas cada vez máis incisivas, ás veces escarnecedoras para os noivos ou para as súas familias, de xeito que o certame poético podía rematar nunha pelexa. Por esta razón, os da casa escollían unha madriña para bailar a regueifa e armaren unha foliada salvadora. O regueifeiro gañador, aquel que cantaba a última copla, era quen tiña a honra de partir e repartir a regueifa.
Os temas da regueifas son variados, mais polo xeral, hai unha boa dose de humor ou retranca, o que fai que este tipo de cantares sexan moi divertidos para todos os públicos. A controversia entre os regueifeiros pode durar horas, e gáñaa o que canta a última copla.
O alumnado, tras unha primeira sesión de dúas horas donde coñecen a tradición e a orixe da regueifa e empezan a iniciarse na rima, acaba improvisando con soltura e inxenio versos, e o máis importante, facéndoo en lingua galega, e tirando do noso léxico. Pintos e Caruncho promoven esta habilidade no noso alumnado ao longo de todo o país, tanto en centros ubicados no rural, como en zonas urbanas. No mes de Abril haberá unha segunda volta, donde tras unha selección por parte do profesorado, e co asesoramento destes especialistas, @s mellores improvisadores prepararanse para participar nun certame que terá lugar a finais de Maio. Esta actividade está promovida polo ENL do Concello de Vigo, e ten moita aceptación por parte do alumnado e o profesorado. Aquí poñemos unha mostra dunha primeira sesión do curso, tomada do IES Beade TV, onde Luís Caruncho explica, cantando, a diversidade de improvisadores en verso que hai no Estado Español.

Fonte: IES Beade TV.

XUNTANZA DA COORDINADORA DE EDLG DE VIGO. 3 de MARZO 2011.

O vindeiro xoves 3 de Marzo ás 19/00 horas, terá lugar no IES Sto. Tomé unha xuntanza da Coordinadora de EDLG de Vigo, coa presenza de coordinador@s, profesor@s e outros docentes interesad@s na dinaminación da lingua galega no ensino, entre outras cousas trataranse actividades que imos desenvolver, en conxunto, en vindeiras datas.
Estades tod@s convidad@s, e contamos coa vosa participación.

CDEDLG de Vigo e bisbarra.

domingo, 27 de febreiro de 2011

8 DE MARZO: DÍA DA MULLER TRABALLADORA.

O 8 de marzo DIA DA MULLER TRABALLADORA, é unha historia de solidariedade dos pobres. Son os empobrecidos os que comezan a unirse para a súa promoción. As mulleres loitan polos dereitos de ambos sexos, son sensibles pola vida en xeral, abordan o tema da fame, da guerra, da escravitude e explotación dos nenos. Todas as súas declaracións avogan por unha solidariedade claramente global e internacional. Como cita a doutora en historia M. Araus: " A muller pasou á historia do movemento obreiro como a nai da Solidariedade, sen a súa capacidade de resistencia e de loita non habería movemento obreiro." O 8 de marzo foi cambiando de orientación ao longo dos anos desde as súas orixes.

O 8 de marzo de 1550, morre San Juan Divos (nace outro 8 de marzo) que liberou a moitas mulleres empobrecidas da época, en particular a prostitutas, que sacándoas dos bordeis ofrecíalles formación e traballo, ou as incitaba ao traballo de liberar a outras mulleres coa súa mesma sorte.

O 8 de marzo de 1857, centos de mulleres dunha fábrica de téxtiles de Nova York organizaron unha marcha en contra dos baixos salarios (Os salarios que recibían as mulleres eran inferiores nun 60 ó 70 % ao que percibe o home.) e as condicións inhumanas de traballo.

A policía dispersou ás manifestantes, que dous anos despois crearon o seu primeiro sindicato. Desde aquel histórico 8 de marzo, a data foi un termómetro da loita das mulleres polo recoñecemento nun mundo de homes.

Un dos acontecementos mundialmente coñecidos, e realmente lamentable, foi o sucedido en Nova York polo ano 1908 na fábrica Cotton Textile Factory de Wáshington cando un grupo de traballadoras declararon unha folga en protesta polas insoportables condicións de traballo ocupando a fábrica. Só pedían ter o mesmo salario que os homes, descanso dominical, redución ás 10 horas a xornada, dereito á lactación e redución da xornada laboral. O dono non aceptou a folga, pechou as portas da fábrica e prendeulle lume... morreron 129 mulleres.

1909: Nova York foi de novo testemuña das protestas de 15.000 mulleres traballadoras. Baixo o lema "Pan e Rosas", no que o pan simbolizaba a seguridade económica e as rosas a calidade de vida, as mulleres estenderon as súas protestas cara ao dereito ao voto e o fin do Escravitude infantil.

Outra versión xustifica a orixe do 8 de marzo na segunda Conferencia Internacional das Mulleres Socialistas en 1910 en Copenhague, Dinamarca. Alí, a alemá Clara Zetkin -integrante do Sindicato Internacional de Obreiras da Confección- demandou instituir o Día Internacional da Muller para reclamar os dereitos políticos, civís e económicos de todas as mulleres no mundo. Zetkin propuxo o día 8 de marzo.

Outros actos:
1910 España: o rei autoriza ás mulleres a realizar estudos superiores.
1910 Institúese en Cuba a celebración do Día Internacional da Muller

En 1911, ao ano seguinte e en resposta a este decreto, máis dun millón de mulleres e homes europeos participaron en manifestacións por demandas de igualdade para a muller.

En marzo de 1911, a morte de máis de 140 mulleres inmigrantes nun incendio nunha fábrica na cidade de Boston, levou á introdución de importantes cambios nas regulacións laborais.

O 8 de marzo de 1917 as mulleres traballadoras e estudantes de Petrogrado realizaron unha folga por Pan e Paz ante a morte de 2 millóns de rusos na primeira guerra mundial. Esta manifestación, que para algunhas historiadoras é considerada o detonante da revolución rusa, realizouse contrariando as ordes da dirixencia da oposición zarista, renuente a convocar  unha folga xeral nesa data por temor a unha gran represión.

O ano 1976, as Nacións Unidas celebrou por primeira vez o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller.

http://biblogcolmeiro.blogspot.com/2009/03/dia-da-muller-traballadora_08.html
http://www.kaosenlared.net/noticia/dia-da-muller-traballadora
http://issuu.com/colexio/docs/muller_traballadora
http://www.terra.es/personal/cpp28498/39.htm

venres, 25 de febreiro de 2011

Benvida a TEGRIÑA

No apartado " A nosa lista de blogues" incorporamos o blogue da EEI Monte da Guía. Aí podedes atopar unidades didácticas, proxectos de traballo e actividades plurilingües moi interesantes. Benvid@s!

xoves, 24 de febreiro de 2011

O CEIP CAMPOLONGO DE PONTEVEDRA HOMENAXEA Ó MESTRE QUIROGA

Desde o día 22 de Febreiro e ,durante dúas semanas,  ten lugar no CEIP Campolongo de Pontevedra a Exposición - Homenaxe do músico pontevedrés, Manuel Quiroga, dirixida pola mestra de música, Mª Luísa Taboada Rivadulla. Esta exposición conmemora os 50 anos do pasamento deste músico universal. Un dos mellores compositores do mundo na súa època.
A exposición que poderá visitarse de luns a venres en horario lectivo polas mañás, e de luns a xoves de 16.30 a 18.30, contará con documentos orixinais do autor, facilitados por Milagros Bará Viñas, sobriña neta de Quiroga, nela hai tamén datos sobre a súa vida e traxectoria musical así como documentos gráficos e sonoros .
O traballo é o resultado da colaboración de toda a comunidade educativa, a través das distintas aportacións documentais, recollida de datos, preparación e selección do material, e na producción plástica dos rapaces.

Para máis información este artigo enlaza co blogue do Campolongo.

mércores, 23 de febreiro de 2011

ACTIVIDADES SOBRE O ENTROIDO VIGUÉS. CEIP " O POMBAL", VIGO

O Entroido é unha festa popular cuia orixe está na indicación do fin do inverno e comenzo da primavera. É a época na que se poden rachar tódalas normas, cambiar de identidade e ironizar con calquera personaxe.
Os entroidos máis famosos de Galicia son, sen dúbida, os ourensáns de Laza, Verín e Xinzo. Os peliqueiros e cigarróns centran a atención dos visitantes. Pero aínda existen dúbidas sobre a súa orixe.
Sendo éstes os máis salientables, en toda Galicia hai moitos outros. Pega a pena lembrar os de Boqueixón, Vedra, A Estrada, Vila de Cruces, Silleda e Chantada, entre outros.
Pero non debemos esquencer que tamén hai Entroido tradicional na nosa cidade, e que ten como referente a figura do " Merdeiro".
Atrévete a investigar o Entroido de Vigo e descubrirás as orixes, os costumes e as tradicións que rodean esta celebración na nosa cidade e bisbarra.


martes, 22 de febreiro de 2011

PROPOSTA DE ACTIVIDADES PARA O ENTROIDO

A Coordinadora Galega de ENDL vén de poñer á disposición da comunidade educativa unha páxina web dedicada ao Entroido. Neste monográfico especial podedes atopar información bibliográfica e da rede sobre o entroido, especialmente sobre o entroido tradicional galego; unha escolma de recursos educativos (unidades didácticas, propostas de actividades, cazas do tesouro, xogos, léxicos, receitarios, etc.); manualidades (plantillas de máscaras e antifaces, láminas para colorear, etc.); e literatura relacionada con esta celebración.
Estes materiais foron elaborados na súa maior parte por docentes, equipos de normalización, bibliotecas e outros grupos de traballo escolares, por iso queremos recoñecer este grande labor que desenvolvedes nos centros ao tempo que solicitamos a vosa colaboración para achegar novos recursos que poidamos compartir coa comunidade educativa.

venres, 18 de febreiro de 2011

SON DE POETAS

Son de poetas é unha páxina web adicada á antoloxía da poesía galega musicada, donde podedes atopar poemas para traballar nas aulas. Esta antoloxía da poesía galega musicada é un proxecto dos grupos de lingua galega e literatura e do Equipo de Normalización do IES David Buján de Cambre, A Coruña.

DÍA 21 DE FEBREIRO. DÍA MUNDIAL DA LINGUA MATERNA.

O día 21 de febreiro será o día das linguas maternas das diferentes culturas do mundo.

A nosa precisa tamén de coidados.

Salvemos a Cultura Galega!


http://www.blogoteca.com/nlcampolongo/index.php?cod=96529

ESPAZOS WEB DE INTERESE SOCIOEDUCATIVO

Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

LINGUA GALEGA TV

Unha televisión en liña centrada na lingua galega.

GALEGOLAB

GALEGOLAB é unha organización sen fin de lucro, fundada en 2010, que ten como obxectivo o impulso de accións concretas de promoción da lingua galega, cun enfoque de abaixo-arriba, con especial incidencia nas culturas emerxentes e na naturalidade da vida cotiá. A súa ferramenta principal é a web GalegoLab, unha rede social de crowdsourcing, para concitar apoios ás accións propias e as que propoñan os usuarios e outros colectivos. Esta web está en marcha dende o 20 de maio do 2010.
O crowdsourcing é a combinación de traballo e recursos dunha gran cantidade de persoas a través dunha web e cun fin determinado.
O obxectivo da web de GalegoLab é promover novas ideas de actuación a prol da lingua galega, coordinar recursos para esas actuacións, e executar e diseminar os resultados das mesmas.

En GalegoLab podes dar ideas, botar unha man e colaborar en accións a prol do galego.

CORRELINGUA 2011

http://www.correlingua.org/apuntate.aspx

ENCONTRO DE EQUIPOS E DOCENTES POLA NORMALIZACIÓN

A Coordinadora Galega de ENDL convida aos coordinadores/as e membros de Equipos de Dinamización da Lingua Galega e demais docentes interesados na normalización lingüística no ensino a participar no Encontro de docentes e equipos pola normalización, que terá lugar o vindeiro sábado 12 de marzo no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela. Pódese consultar o programa e toda a información relativa nos arquivos anexos a este correo ou no enderezo web http://www.coordinadoraendl.org/entrada.php.
Esta xornada quere servir de espazo de encontro do grande colectivo dos profesionais do ensino que traballa pola normalización da lingua galega nos centros escolares e o seu contorno para seguir ampliando as posibilidades de colaboración co obxectivo de dotar o alumnado da plena competencia lingüística tal e como establece a lexislación. Ao longo da xuntanza teremos a posibilidade de compartir diferentes experiencias que se desenvolven en institutos e colexios por medio de encontros simultáneos que abordarán diferentes perspectivas do labor normalizador e dinamizador.
Dende esta conxunción de esforzos, o encontro quere achegar un discurso optimista que revirta na calidade do ensino para lle outorgar ao galego o lugar que lle corresponde de seu na sociedade, tarefa na que como profesionais do ensino temos a obriga de nos implicar de maneira activa.
A inscrición é gratuíta e formalízase a través de correo@coordinadoraendl.org  sinalando nome e apelidos e centro de ensino.
Por último, pedímosvos que nos axudedes a difundir esta información nos vosos centros e entre os vosos contactos así como a través das páxinas e outros sitios web.

martes, 15 de febreiro de 2011

A CAVERNA DE PLATÓN

A CAVERNA DE PLATÓN
Dirixido ao alumnado de Bacharelato
Preséntase con este espectáculo unha nova actividade para escolares, desta vez cunha temática para invitar á reflexión e o pensamento:
O resultado é un espectáculo de estética atrevida e rompedora que pretende facer máis atractivos os principios fundamentais da tradición clásica, en relación directa co currículo de Bacharelato, e como forma
de aula complementaria ás clases recibidas no centro sobre a temática.
A Caverna de Platón. En forma de instalación multimedia e cunha linguaxe completamente contemporánea (danza, teatro, vídeo) a actividade que se ofrece recrea a metáfora da caverna coma se Platón se erguese na actualidade da súa propia tumba e comprobase que a caverna que el mesmo descubriu como exemplo do máis decadente do ser humano consúmase na actualidade a través do televisor. Con este proxecto trátase de darlle significación á filosofía, deixando patente a súa utilidade no mundo actual.
Datas:
Mércores 2 de marzo ás 10:00 e ás 12:00h
Venres 4 de marzo ás 11:00h
Martes 1 de marzo ás 11:00h.
Lugar:
Salón de Actos - Verbum Casa das Palabras
Duración:
90 min.
Participantes:
80 alumnos/as por sesión
Máis Información e recursos:
http://www.youtube.com/watch?v=WZ1mg13VXiQ
http://vimeo.com/11137554
http://www.oteatroresoante.es/

A ILLA DAS MULLERES LOUCAS

Este venres 18 de Febreiro ás 21:00 horas no Auditorio Municipal de Vigo.terá lugar  a representación da obra A Illa das Mulleres Loucas.  Baseada na obra homónima de Alfonso Pexegueiro, A illa das mulleres loucas é un recital dramático onde a linguaxe do corpo (encarnada polas actrices María Caparrini e Vanesa Sotelo) e a palabra do propio autor en escena se combinan coa música orixinal que os integrantes de Berrogüetto
Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (harpa) compuxeron para a ocasión e interpretan en directo.
Isto, xunto co deseño de iluminación creado por Baltasar Patiño, dá como resultado unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaen para desvelar un tempo suspendido onde unha muller libra a súa propia batalla por definir os límites entre cordura e loucura. http://www.inversateatro.com/

Próximas funcións de A Illa das Mulleres Loucas:
(Rede Galega de Teatros e Auditorios)
3 de Marzo ás 20:30 h no Teatro Colón de A Coruña
24 de Marzo ás 20:30 h no Auditorio Gustavo Freire de Lugo
27 de Maio ás 21:00 h no Teatro Principal de Santiago de Compostela

sábado, 12 de febreiro de 2011

FORO MUSICAL " Percebe Son"

Os estudantes de 2º de Produción de Audiovisuais e Espectáculos en colaboración co EDNL do centro, organizan o vindeiro 17 de febreiro o foro musical "Percebe Son" http://percebeson.wordpress.com/actividades/. Como poderedes comprobar na relación de actividades, é unha excelente mostra do que esta á facer na nosa lingua na actualidade no eido músical.  E pensamos que combina actividades didácticas ( como a charla , ou a gravación ao vivo dun programa de radio) cunhas outras lúdicas que teñen como eixo o galego.

O desexo do noso EDNL é o de convidar ao maior número de  Equipos a que veñan a gozar da xornada canda nós, xa que será unha estupenda ocasión para que os rapaces coñezan unha realidade á que non adoitan a ter acceso. Pensamos que é unha actividade especialmente axeitada para rapaces de bacharelato ou ciclos formativos ( por razóns de idade). Así que os que consideredes que sexa factible vir, seredes máis que benvidos

Máis somos conscientes da dificultade, organizativa e económica, que supón o desprazamento até o noso centro. Cando menos queríamos pedirvos a colaboración, moi especialmente aos de Vigo e arredores, de que difundirades a actividade entre o alumnado que poidades considerar público potencial
Moitas grazas de ante man pola vosa axuda.

mércores, 9 de febreiro de 2011

SEMANA DAS CURTAS

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Audiovisual de Vigo, en colaboración coa Coordinadora Galega de ENDL, ofrece a actividade "A Semana das Curtas", que se levará a cabo do 28 de febreiro ao 3 de marzo.
Esta actividade, que pode ser de especial interese para os Equipos de Dinamización da Lingua Galega (sobre todo de centros de Ensino Secundario), consistirá no visionado de 4 paquetes de curtametraxes, e outros traballos audiovisuais de curta duración como videoclips, dunha hora máxima de duración. Os equipos e centros inscritos na Semana das Curtas poderán descargar estas curtametraxes, que xa podedes coñecer na páxina de referencia da actividade, http://www.semanacurta.com/, que se irá actualizando ao longo dos próximos días. Ademais, o alumnado poderá opinar e intercambiar as súas impresións sobre os traballos proxectados no seu centro a través dun blogue.
Se estades interesados en participar na Semana das Curtas, anotádevos no enderezo correo@coordinadoraendl.org incluíndo os seguintes datos, necesarios para facilitarvos as claves de descarga na semana do 21 de febreiro:
  • Nome do centro,
  • Departamentos/docentes implicados,
  • Niveis educativos en que se vai desenvolver a actividade,
  • Nº de alumnos/as implicados/as,
  • Profesor/a de contacto (tamén correo),
  • Observacións (dúbidas, suxestións, etc.).

xoves, 27 de xaneiro de 2011

CONCERTO ACÚSTICO DE SÉS.

 Airapro, unha produtora audiovisual fundada en Carral (A Coruña) polos actores Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro, levan a representación e producción de artistas musicais e ofrece estos ós servizos de Normalización. Un deles é Sés, o novo grupo de María Xosé Silvar (a que fora cantante de Chámalle Xis!, colaborou nos últimos discos de Xabier Díaz e Zënzar), que ademais de filóloga (Galega) e antropóloga, ten unha voz incrible e un enorme talento como compositora, pois é autora de todas as cancións de Sés, pezas de rock, blues e música latina escritas en galego, cun sentido claro de compromiso coa lingua e de estilo literario.
Convídámosvos a que escoitedes as cancións na súa web http://www.mariaxosesilvar.com/ ou no seu myspace: www.myspace.com/mariaxosesilvar e que valoredes a posibilidade de contar con Sés para calquera acto de normalización lingüística, un tipo de eventos nos que xa ten participado na universidade da Coruña. Estes meses estase movendo un formato acústico da banda, para pequenos eventos, no que María Xosé só está acompañada do guitarrista Tito Calviño. 
Para máis información e teléfonos de contacto podedes facelo a través do correo da CDEDLG de Vigo.

mércores, 26 de xaneiro de 2011

PAZ

A paz, efectivamente, conséguese coa achega individual de cada un. Na seguinte montaxe audiovisual tomase como base unha significativa canción dentro da traxectoria do grupo irlandés The Cranberries que leva por título Zombie.
Trátase dunha composición feita en clase. Sinalar que a letra non se refire a mortos viventes senón ao estado de aturdimiento no cal quedamos cando nos decatamos dunha tráxica notica moi impactante (deambulamos pola rúa, nese caso, como zombies).
Este tema foi composto pola cantante do grupo (Dores Ou Riordan) a partir do sobrecoxedor suceso da morte de dous inocentes nenos nas inmediacións dun centro comercial por mor dun atentado terrorista do IRA.
Consiste no seguinte: cada alumno escribe a palabra paz sobre as liñas do pentagrama en varios idiomas diferentes. Sobre o conxunto, en vermello, engádese diagonalmente o título da canción con letras moito máis grosas.
Para rematar (aínda que no resultado final aparece en primeiro lugar) outra persoa, borrador en man, elimina todo o traballo realizado. Con todo, ao aplicar un movemento de cámara investido (un dos trucos cinematográficos máis antigos) no canto de borrar parece que escribe.

Velaquí o resultado, sobre a música orixinal de The Cranberries.

Video: A PALABRA PAZ EN 83 IDIOMAS.

xoves, 20 de xaneiro de 2011

AS VERDADEIRAS COVAS DO FOLÓN.

" Mentres camiñas polo medio do bosque en dirección a unha das entradas do sistema de cavidades pseudo-karsticas do Folón, no concello de Vigo, a terra de súpeto comeza a falar e a tremer. Un son rítmico sae de debaixo das enormes bolas graníticas e, nalgún sitio, mesmo percibes vibracións que se transmiten á terra e aos teus pés. É o Folón, e de aí vén o seu nome, ao balbordo, á folie, á tolemia, ao gurgullo constante que vén das profundidades. O son é o do río da Rega que, máis enriba, desaparece de súpeto da superficie da ladeira e comeza a esvarar no subterráneo entre un enorme complexo de bolas de granito, un inframundo de estreitas cavidades e voltas labirínticas. Mentres, o río peta contra as pedras, remuíña en marmitas. As covas do Folón son un lugar único en Galicia, a terceira cova granítica de Europa. Teñen un percorrido en longo dun quilómetro, pero as incursións que fas nelas fanche avanzar moi pouco. Vinte metros, no Folón, son unha auténtica aventura."

Manuel Gago, xornalista, director de culturagalega.org, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e editor de Capítulo 0.

VIAXE ÁS COVAS DO FOLÓN. CONCURSO.

PARTICIPA NA CREACIÓN DOS PERSONAXES DO VIDEOXOGO!


 As concellarías de Normalización Lingüística e Xuventude do Concello de Vigo están a desenvolver un VIDEOXOGO sobre a nosa cidade. Xogando esta aventura as rapazas e os rapaces poderán coñecer moitos feitos importantes da historia de Vigo, do noso patrimonio e da nosa lingua. Poden participar os estudantes de 2º ou 3º Ciclo de Primaria dalgún centro de ensino de Vigo.


Para poder xogar esta aventura se necesitan personaxes e pódese colaborar na súa creación participando no concurso de debuxo dos protagonistas do videoxogo.
Cada estudante participará na categoría do seu ciclo de estudos e poderá optar aos premios do mellor personaxe RAPAZA e mellor personaxe RAPAZ.

Para máis información preme neste enlace:
http://www.viaxeascovasdofolon.com/ViaxeasCovasdoFolon_BasesConcurso.pdf


mércores, 19 de xaneiro de 2011

REVISTA " LINGUA VIVA". SNL DE VIGO.

V CERTAME DE RECOLLA DA TRADICIÓN ORAL GALEGO-PORTUGUESA

http://www.pontenasondas.org/gl

Subvencións para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade privada de Galicia

Booktrailer da novela: " O pintor do sombreiro de malvas" Ed. Xerais

O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, premio " Lazarillo de literatura xuvenil " 2009 e premio " Fervenzas Literarias"  ao mellor libro xuvenil de 2010. Esta novela, editada no mes de abril do pasado ano 2010, vai xa pola terceira edición e está recibindo unha excelente acollida tanto da crítica como dos lectores.
A peza audiovisual e a música foi creada por David Rodríguez e as ilsutracións son de Ramón Trigo.

http://www.xerais.es/cgigeneral/newFichaProducto.pl?obrcod=2543106&id_sello

http://www.xerais.es/cgigeneral/ficha_autor.pl?id_autor=100022093&id_sello

xoves, 13 de xaneiro de 2011

UNS BREVES APUNTAMENTOS HISTÓRICOS.

Facendo unha breve análise comparativa e reflexiva atopámonos, revisando os anais da historia, con que un século- ou dous-  despois do xurdimento de movementos intelectuais en defensa da lingua, a pervivenza da lingua de noso atópase, de novo, no vertixe dun conflito social, que algúns provocan e queren asociar a ideas políticas maniqueas, e de novo, xorden agrupacións en prol da súa defensa, as CEDLG, (Coordinadoras de Coordinadoras/-es de Equipos de Dinamización Lgtca. e docentes )  o que fai pensar que política e intelectualmente non temos avanzado nada.
Xa no século XVIII, xorden as voces de denuncia dos chamados "ilustrados", que demostran a súa inquedanza polo subdesenvolvemento de Galicia e ofrecen propostas renovadoras da vida económica, social e cultural. Entre este minoritario grupo de intelectuais, despunta con forza a figura do Pai Frei Martín Sarmiento, personaxe polifacético (naturalista, lingüista, bibliófilo...) que defendeu o uso do galego no ensino, na Administración e na Igrexa, isto é, a súa normalización como lingua propia dos galegos.
En 1915, Aurelio Ribalta, realizou un chamamento desde a revista “ Estudios Galegos” para defender a lingua galega. Un ano máis tarde Antón Vilar Ponte recolleu esa chamada e comezou desde La voz de Galicia unha campaña para a creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego cuias máximas eran a defensa, dignificación e fomento do uso da lingua galega. O 18 de maio de 1916, convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron arredor de 20 persoas nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia.
As Irmandades da Fala creáronse para a defensa, dignificación e cultivo do idioma, do mesmo xeito que as CEDNLG; a primeira das Irmandades fúndase na Coruña en 1916, séguena outras repartidas polas principais cidades e vilas de Galicia (Ferrol, Ourense, Betanzos, Santiago..). Do mesmo xeito, en 2009, un conxunto de docentes de lingua galega, habilitadas/-os para tal fin,- un grande avance secular-, vense na obriga de retomar esas ideas inaugurais e as accións fundacionais por comarcas, co fin de que a dignificación merecida á que tiña chegado a lingua galega, non esmorecera de novo a causa de políticas restritivas, personalistas, leis irresponsables e descoñecedoras da realidade lingüística do galego e alleas á realidade social que vive Galicia.
Sen entrar en consideracións doutro tipo, a lingua galega, na primeira década do século XXI, aínda non chegou ós niveis de uso da lingua castelá. Por iso, hoxe, xorden voces discordantes que integran as Coordinadoras, e cuia finalidade non é política, nin serve a intereses partidistas, como algúns e algunhas queren facer ver á sociedade, senón única e exclusivamente, á defensa da lingua de noso que volve pasar por un dos seus momentos máis críticos. Para difundiren o seu ideario as Irmandades editaron unha publicación periódica totalmente en galego: A Nosa Terra. Hoxe, as Coordinadoras publican blogues.
As Irmandades promoveron a elaboración de diccionarios e gramáticas, de estudos linguísticos e reivindicaron a presencia do galego na Administración e no ensino. As Coordinadoras publican actividades, concursos, poñen a disposición dos seus usuarios ferramentas lingüísticas, técnicas de traballo intelectual, espallan o uso da lingua de noso, e reivindican, de novo, e como antano, o uso da lingua galega no ensino, non en igualdade de uso co castelán, á que non é igual, senón a través dunha discriminación positiva que faga desta unha lingua de prestixio e coñecida e competente no ámbito social. As Irmandades déronlle pulo á actividade editorial nas principais cidades galegas, ademais de frecuentes seccións en galego na prensa en castelán, as Coordinadoras fano a través da rede, e o profesorado – que se sinte comprometido e magoado- nas aulas, actuando libremente e seguindo estritamente o establecido na Lei- considerada inxusta e ilegal -, aínda que os e as antes mencionados, se empeñen en cualificar este xeito de tratamento de “imposición”. No contexto das Irmandades aparece a revista Nós, da man de V. Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, que conforman o coñecido "Grupo Nós". A eles lígase a figura de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, que ademais do ser un dos máximos referentes literarios do século XX, insigne representante da política galega respectado e reinvindicado por distintas instancias políticas de tendencias ben diferentes na actualidade, literatos non recoñecidos hoxe, que se saiba, coma “ terroristas da lingua” "radicais" ou impositores de ideas nacionalistas na sociedade, senón como defensores, fundamentalmente, da lingua galega.
Os membros de "Nós", cunha ampla formación intelectual, marcan como finalidade a eliminación do lastre folclorista da cultura galega, mediante a súa actualización, normalización e universalización. A revista contaba coa colaboración de autores estranxeiros (portugueses, irlandeses, cataláns, franceses...), que a poñían en contacto coas correntes europeas, ademais de traducións variadas e artigos, tanto de carácter científico (arqueoloxía, etnografía, antropoloxía, socioloxía...) coma literarios. Hoxe en día as Coordinadoras realizan ese traballo nas redes sociais, e poñendo en coñecemento da poboación en xeral, entre outras, a recuperación das tradicións que se perderon na nosa cultura polo influxo do castelán e o catolicismo, pero que se conservan noutras culturas afíns á nosa: O Samaín, o Apalpador..., e presentan tamén nos seus traballos unha ampla gama de propostas de modernidade, para facer da nosa lingua algo vivo, e non ancorado a un pasado decadente.
A obra literaria destes intelectuais, que recuperan campos como o ensaio, outórgalle á prosa galega un grao de desenvolvemento pleno e integra a nosa cultura no contexto europeo, obras que forneceron a nosa literatura de novas técnicas de creación que se estaban a desenvolver na literatura europea incorporándolle temáticas universalistas, lendarias e exóticas, urbanas e pensamentos filosóficos, cousa que, os membros que integran as Coordinadoras, fornecen e espallan a través do coñecemento e a formación que se intercambian.
“Imposición do uso do galego” din os detractores do espallamento destes movementos sociais e intelectuais, “xustiza histórica e lóxica aristotélica” que se ve reflectida nas verbas, tan actuais, de Vilar Ponte: “A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. [...] Eu penso que as únicas setas que van sempre rectas a furar o branco do futuro son aquelas que se lanzan valéndose do arco da nosa lingua, xa que só entón nos mostramos orixinais. Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza” ( 1916).
Entre todos os homes e mulleres de Galicia, solidariamente, como fixeron os de antano, debemos manter a idea de que a lingua galega constitúe unha reivindicación primordial. Trátase do máis rico tesouro do pobo galego.

Mabel Pérez

Fontes: Wikipedia, www.galicia espallada.com.ar

martes, 11 de xaneiro de 2011

En galego, e logo!

Galicia segue sendo unica (galego)

Galicia, si, e unica (galego)

Galicia

ORGULLOS@S DO GALEGO.

EN GALEGO PROBA E VERÁS.

HOMENAXE A FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO.




Venres 14 de xaneiro, ás 19:30 h, no Centro Social Novacaixa galicia de Vigo

TEATRO " FAHRENHEIT 451"



O Verbum - Casa das Palabras, en coprodución con Limiar Teatro, presenta o vindeiro mes de febreiro o espectáculo teatral  VERBUM FAHRENHEIT, baseado na novela de Ray Bradbury " Fahrenheit 451" . O argumento xira ao redor de dous personaxes encarceados por cometer o delito de ler nunha sociedade na que bombeiros incendiarios queiman os libros prohibidos. En prisión estes homes perden a súa identidade en favor da dos libros aos que representan e que conseguen salvar mediante a súa transmisión oral.
O espectáculo, que conta con textos de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Manuel Rivas, Pessoa, Amalia Rodrigues, Martín Codax, Álvaro Cunqueiro, Estíbaliz Espinosa ou Castelao, está acompañado de música en directo e unha posta en escea futurista, e procura a participación activa do público na mesma, que deixa de ser un mero espectador para converterse en verdadeiros homes-libro.

DESTINATARIOS. Alumnado de Secundaria e Bacharelato
DATAS. 1, 2, 3, 4, 8, 9, 10 e 11 de febreiro de 2011
HORARIOS. Sesións ás 10 e ás 12h
DURACIÓN. 60 min.
AFORAMENTO. 100 participantes por sesión
ENTRADA DE BALDE
INFORMACIÓN E RESERVAS. 637 123 656 (Candy)

Agardamos a vosa participación!


venres, 7 de xaneiro de 2011

PREMIO APALPADOR

Convocatoria do Premio Apalpador 

O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE TRABALLOS AMPLÍASE ATA O 16 DE XANEIRO.


A Irmandade dos Apañacastañas, asociación sen ánimo de lucro, ten como fin principal o espallamento da figura e a tradición do Apalpador e, para dalas a coñecer ás e aos rapaces galegos, convoca o presente Premio Apalpador 2010 para actividades escolares e extraescolares.
O obxectivo é que se multipliquen as actividades realizadas por moit@s implicad@s na recuperación do Apalpador e que se organicen moitos máis concursos, semanas do Apalpador, viaxes de recoñecemento, desfiles, visitas, cartaces, redaccións...Recibiranse orixinais até as 23,59 h do domingo, 16 de xaneiro do 2011.

FELICITACIÓN DE NADAL DA CDEDLG DE VIGO E BISBARRA

 
A CDEDLG DESÉXAVOS UN BO NADAL, E QUE O VINDEIRO ANO ENCHAMOS DE PEGADAS E PALABRAS FERMOSAS O CAMIÑO DUN FUTURO MELLOR PARA A LINGUA DE NOSO. FELIZ 2011!