xoves, 20 de xaneiro de 2011

AS VERDADEIRAS COVAS DO FOLÓN.

" Mentres camiñas polo medio do bosque en dirección a unha das entradas do sistema de cavidades pseudo-karsticas do Folón, no concello de Vigo, a terra de súpeto comeza a falar e a tremer. Un son rítmico sae de debaixo das enormes bolas graníticas e, nalgún sitio, mesmo percibes vibracións que se transmiten á terra e aos teus pés. É o Folón, e de aí vén o seu nome, ao balbordo, á folie, á tolemia, ao gurgullo constante que vén das profundidades. O son é o do río da Rega que, máis enriba, desaparece de súpeto da superficie da ladeira e comeza a esvarar no subterráneo entre un enorme complexo de bolas de granito, un inframundo de estreitas cavidades e voltas labirínticas. Mentres, o río peta contra as pedras, remuíña en marmitas. As covas do Folón son un lugar único en Galicia, a terceira cova granítica de Europa. Teñen un percorrido en longo dun quilómetro, pero as incursións que fas nelas fanche avanzar moi pouco. Vinte metros, no Folón, son unha auténtica aventura."

Manuel Gago, xornalista, director de culturagalega.org, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e editor de Capítulo 0.

Ningún comentario:

Publicar un comentario