domingo, 6 de maio de 2018

OBRADOIRO DE CREACIÓN E INTERPRETACIÓN POÉTICA

A Concellaría de Normalización Lingüística vai levar a cabo un obradoiro gratuíto de Creación e Interpretación poética de 8 horas (impartido por Silvia Penas): Para maiores de 16 anos

O obradoiro (8 horas) terá lugar no Instituto Municipal de Educación-IME (camiño do Chouzo, 2):

Creación de textos poéticos (4 horas): repaso pola poesía oral galega, composición individual e colectiva de textos poéticos, procurar formas de creación, ideas e xogos para conseguir resultados na escritura automática e na improvisación oral de textos poéticos, etc. Lectura e interpretación (4 horas): aprender técnicas e exercicios básicos para un quecemento vocal, tratar de dominar a expresión facial e corporal,

Creación de textos poéticos-4 h: o luns, 28 e o martes, 29 de maio de 2018 de 18:00 a 20:00 (prégase puntualidade)
 Lectura e interpretación-4 h: o luns, 4 e o martes, 5 de xuño de 2018 de 18:00 a 20:00 (prégase puntualidade)

Para se inscribir deben enviar os seus datos (nome completo, idade, teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (deben poñer no asunto: obradoiro creación e interpretación)

Máis información na web: snl.vigo.org Normalización Lingüística / Praza do Rei, 1 -36202 -Vigo- / Telf.: 986 81 02 81 Correo: ofi.normalizacion@vigo.org / http://snl.vigo.org / facebook: vigo en galego


OBRADOIRO DE SLAM

Aberto o prazo de inscrición
A Concellaría de Normalización Lingüística vai levar a cabo un obradoiro gratuíto de Slam, de 2’5 horas (impartido por Silvia Penas):
Obxectivos:
Saber e coñecer que é o Slam
Achegarnos á composición de textos propios: humorísticos, líricos, épicos, clásicos...
Ler e interpretar os textos poéticos
Educar a voz
Experimentar coa música
E... participaremos nun Slam
Para maiores de 16 anos.
O obradoiro terá lugar o:
martes, 22 de maio de 2018
no Instituto Municipal de Educación-IME (camiño do Chouzo, 2) de 18:00 a 20:30 (prégase puntualidade)
Para se inscribir deben enviar os seus datos (nome completo, idade e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (deben poñer no asunto: obradoiro slam)

Documentación

xoves, 3 de maio de 2018

QUEREMOS GALEGO: MANIFESTACIÓN POLA LINGUA, 17 DE MAIO


Queremos Galego convoca manifestación o 17 de maio baixo o lema En galego día a día

Reivindicará o esforzo de miles de persoas e colectivos para normalizar a lingua fronte ao 155 lingüístico da Xunta
Marcos Maceira “É o pobo galego quen mantén a lingua viva, en solitario, e quen exerce as obrigas da Xunta de Galiza e coa mobilización diaria consegue avances”
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2018-. A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 500 colectivos sociais de todo tipo, anunciou hoxe a convocatoria dunha multitudinaria manifestación para o 17 de maio baixo o lema “En galego día a día”. A manifestación percorrerá as rúas de Santiago de Compostela saíndo ás 12h da Alameda.
O anuncio foi realizado hoxe polo voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, acompañado de membros da Xestora da plataforma cidadá, que sinalaron que ao longo dos próximos días e até a data da convocatoria desenvolveranse diversos actos nas comarcas galegas para informaren da convocatoria. Na web www.queremosgalego.gal indicaranse os horarios e prezos dos buses que se porán a disposición de todas as persoas que desexaren acudir a Compostela a impulsar a plena normalización da lingua galega.
En galego día a día
Queremos Galego reclamará este 17 de maio o día a día das persoas que fan que a lingua viva mais ás que se lles exixe un esforzo que non terían que facer se quixeren utilizar unha lingua plenamente normal.
Este día a día é que consegue manter viva unha lingua que non só non conta con amparo institucional senón que recibe desamparo e agresividade sistemática.
Co lema “En galego día a día” a plataforma cidadá pretende reivindicar o apoio social crecente á lingua galega que contrasta coa actitude da Xunta de Galiza que mantén un 155 lingüístico de facto. Segundo indicou o voceiro da Plataforma, Marcos Maceira, “en Galiza é o propio goberno galego, co presidente Feixó á cabeza, quen actúa como un vulgar delegado do goberno español, renegando das funcións que lle dá o estatuto de autonomía e da alta representación de Galiza que debería exercer”. Como consecuencia, sinalou, “o galego é o único idioma oficial do Estado que diminúe en falantes e carece de apoio do seu propio goberno”.

O 155 lingüístico de Feixó
“O  155  de Feixó anula as competencias e a capacidade da Xunta de actuar e lexislar a favor do galego, e polo tanto todos os artigos ao respecto do Estatuto, a LNL,  ou acordos parlamentares unánimes como o PXNLG. En Galiza nin se aplica nin se aproba ningunha lexislación a favor do galego mais si se aplican as máis de 500 disposicións legais que obrigan ao uso do español en diferentes ámbitos”.
“Existe unha sociedade que actúa día a día para repor e normalizar a lingua galega, a través de centos de colectivos e entidades e en ámbitos moi diversos” e que estarán representados como todos os anos no acto final da manifestación. Indicou tamén que “son moitas as persoas que sen falar galego aspiran a vencer as barreiras de todo tipo que lle impeden o mínimo de seguridade precisa para facelo e que demandan mudanzas que faciliten a súa instalación na lingua propia de Galiza”.
“É o pobo galego quen mantén a lingua viva, en solitario, e quen exerce as obrigas da Xunta de Galiza e coa mobilización diaria consegue avances. Grazas ao activismo social o galego conseguiu pequenas vitorias que dan mostra forza do pobo galego, mais tamén de todo o que falta por avanzar”.
Como exemplo citou as compañías de seguros que comezan a cumprir a lei e ofertar pólizas en galego; compañías de telefonía móbil que se obrigadas a rectificar anuncios de desaparición das opcións en galego; ou transnacionais que modificaron regulamentos internos que impedían o uso do galego, non porque actúe a administración senón por acción da sociedade. “Canto mellor estaría o galego se a administración actuase minimamente?”, perguntouse.
Propaganda fronte ao día día
Porén por parte do goberno galego a única actuación é a propaganda coa anuncio dun novo Plan, esta vez para a mocidade. Maceira instou á Secretaría Xeral de Política Lingüísitica e ao Presidente Feixó, a comezar por eliminar as prohibicións de uso do galego e a consideración como lingua extranxeira no ensino.



OS MAIOS. CELEBRACIÓN DA CHEGADA DA PRIMAVERA.

                            
 A Concellaría de Normalización Lingüística organiza esta actividade para celebrar a chegada da primavera
 Os Maios 2018

Festa cíclica presente na cultura rural europea dende tempos inmemoriais. Manifestación agraria a través da cal as xentes do campo celebraban o traballo da recollida dos froitos da primavera, representada no maio, adornando con elementos vexetais e froitos do campo.
A rapazada levará a cabo a danza das cintas, despois dun pequeno obradoiro de aprendizaxe.

Duración: 60 - 90 minutos Para todos os públicos

Día (abril- maio)

Hora

Lugar

30 (abril) luns

18:00
No Calvario (diante do mercado,Urzaiz, 183)
(colaboración de  ACECA-Asociación de              Comerciantes do Calvario- e do mercado do Calvario)
5 (maio) sábado

12:00
En Navia (entre os números 18 e 20 da rúa As Teixugueiras)
(colaboración da A.VV. Novo Vigo)

8 (maio) martes

18:00
En Coia, praza da Gurulla (entrando pola rúa Baiona, preto da gasolineira)
(colaboración coa Concellaría de Xuventude)
9 (maio) mércores

18:00
Na praza da Independencia
(colaboración coa Concellaría de Xuventude)
11 (maio) venres

18:00
En Bouzas (na alameda praza Suárez Llanos)
(colaboración da A.C. Vila de Bouzas)

12 (maio) sábado

11:30
En Teis (diante do mercado, rúa Toural de Abaixo cara á Sanjurjo Badía)
(colaboración do mercado de Teis)