mércores, 4 de outubro de 2017

CARTAS AO APALPADOR


Este ano tamén! Todas as cartas que recibamos do 1 de outubro até o 31 de decembro entrarán no Premio de Cartas ao Apalpador 2017. Só tendes que enviar a vosa carta ao enderezo de abaixo.
Valoraremos as máis creativas, as mellor escritas e as que amosen valores naturais, sinceros e positivos.
Tamén é importante pór a idade, pois clasificarémolas por tramos aproximados. O premio está aberto a todo o mundo que lle escriba ao Apalpador. Tamén poderán participar grupos cunha carta común; pensamos en aulas, asociacións, clubes, equipos deportivos, familias, ou mesmo unha panda de colegas.
Participarán todas as cartas que estean no noso poder o 31 de decembro, tanto para as que cheguen por correo como as escritas na web. O resultado coñecerase a través deste sitio web: www.apalpador.com antes da volta das vacacións de Nadal aos colexios. Ollo, non mandedes cartas ao apartado dos outros anos!
Escribe a túa carta!
O Apalpador
Antonio Santiago (Nito) n.º 1 – 3.º C
15002 A Coruña

luns, 2 de outubro de 2017

VIGO LITERARIO

A Concellería de NL, a través do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, oferta unha actividade dinamizadora do galego dirixida á poboación escolar.
- Obradoiros literarios Proxecto Vigo Literario
Vigo tivo e ten unha presenza destacada na literatura galega e na literatura noutras linguas. A cidade foi, e ségueo a ser, referida nas páxinas do mellor da nosa literatura. Na obra de escritores e escritoras como Cunqueiro, Méndez Ferrín, Domingo Villar, Cid Cabido, M.ª Xosé Queizán, Rexina Vega, Vigo adquire, como territorio narrativo, un valor propio. Houbo tamén autores noutras linguas como Torrente Ballester, Jules Verne,  Ernest Heminway, Fialho de Almeida que narraron Vigo.

O proxecto Vigo e Literatura pretende mostrar Vigo como espazo literario e como recurso educativo. Entendemos que un proxecto destas características pode servir para facer visíbel a obra de autores e autoras galegos, que non sempre atopan espazo nos medios de comunicación social. Este proxecto debe servir, tamén, para dar a coñecer a propia cidade e a súa historia aos seus habitantes, os vigueses e as viguesas.

O obradoiro inclúe unha breve introdución centrada na presenza de Vigo na literatura galega e outras literaturas, como a española, portuguesa, inglesa. Trataranse cuestións como a evolución urbana e social da cidade, como nos ollan desde fóra.
Haberá unha outra parte do obradoiro cunha dinámica participativa. Valéndonos de fragmentos de obras literarias de diferentes épocas, e que teñan como marco diferentes espazos de Vigo, trataremos de que o alumnado sexa quen de os identificar sobre cartografía e imaxes da cidade. Utilizaríamos ferramentas dixitais para a confección de mapas interactivos, como Ikimap.

Duración: 1 hora e 30 minutos
Dirixido a: alumnado de 3.º, 4.º ESO e 1.º, 2.º Bacharaleto
Lugar de realización da actividade: no propio centro de ensino
Necesidades técnicas da actividade: aula de informática, proxector de vídeo

Para calquera dúbida sobre o desenvolvemento da actividade poden consultar con Beatriz Collazo 647 47 05 05


Para solicitar a actividade é necesario enviar cuberta, a solicitude que se achega, o día 16 de outubro ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org a partir das 9:30 e até as 14:00 (deben poñer no asunto: proxecto vigo literario)


Amais: os obradoiros concederánselles, en primeiro lugar, aos centros de ensino nos que a actividade non foi impartida o pasado curso escolar.


OBRADOIRO DE IMPROVISACIÓN TEATRAL

A Concellaría de Normalización Lingüística vai levar a cabo un obradoiro de improvisación teatral, de 28 horas.
O teatro e a vida non están tan afastados como semella. Todos os días empregamos distintos recursos expresivos e amosamos aspectos da nosa personalidade diferente en función do contexto no que nos atopemos. Somos, dalgún xeito, actrices e actores das nosas vidas. Neste obradoiro tomaremos consciencia desta semellanza, trasladando eses recursos que utilizamos na nosa vida cotiá a un espazo ficcional. Atopando tamén nesa viaxe unha serie de principios propios do teatro. Bases específicas das artes escénicas, que traballaremos dende un punto de vista eminentemente lúdico.
Por outra banda, empregaremos a creatividade teatral como recurso para fomentar a normalización da oralidade en galego como lingua de cultura e de ocio, para o que contemplamos dúas liñas de accións:
Incorporación de textos da literatura dramática galega contemporánea
Emprego da lingua como pauta nos xogos teatrais e nas improvisacións
O obradoiro será fundamentalmente práctico. Calquera concepto teórico desenvolverase a partir das problemáticas prácticas que xurdan no desenvolvemento das clases.
Este obradoiro está destinado a maiores de 18 anos non profesionais no eido das artes escénicas.
O obradoiro terá lugar os días 10, 17, 24, 31 de outubro; 7, 14, 21, 28 de novembro de 2017, de 17:00 a 20:00, no IME-Instituto Municipal de Educación (camiño do Chouzo, 2-salón de actos)
Para se inscribir deben enviar un correo electrónico a actividades.snl@vigo.org, co seu nome completo e teléfono (poñer no asunto: obradoiro teatro)

Documentación