domingo, 17 de setembro de 2017

30 E TANTOS ÓSOS


Estimado/as compañeiro/as: 

aquí vos envío o dossier da proposta teatral 30 e tantos ósos xunto coa unidade didáctica. Os cursos aos que vai destinado son: 3º e 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato. Podedes encaixalo dentro de materias vinculadas coa língua, arte e ética, entre outras. Adiántovos que xa a representamos con éxito para moitos centros educativos de concellos galegos tales como A Cañiza, Cangas, Teo, Ponteareas, Nigrán etc. Tanto profesorado como alumando quedaron moi satisfeitos. Apetécenos agora que chegue ao maior número de institutos de Vigo, xa que consideramos que a actividade ten un alto valor pedagóxico, ademais de facernos especial ilusión representala na cidade olívica, sede oficial da compañía.

30 e tantos ósos é unha peza de creación que naceu na ESAD de Galicia, estreouse no FITO, foi seleccionada no VI CENIT de Sevilla, no Galicia Escena Pro na modalidade de showcase e recibiu o María Casares 2016 ao mellor texto orixinal. 

O título da peza fai alusión ao feito de todas as actrices seren mulleres de 30 e tantos anos que pretenden despoxarse das capas alleas para chegar ao máis esencial de si mesmas, aos seus ósosA resposta do público está sendo moi calurosa e emocionante, os comentarios dos/as espectadores/as coinciden ao salientar como estimulante a forza plástica da peza cunha estética contemporánea, a oscilación entre a comedia e o drama, así como a calidade dos textos que apelan ao riso, a emoción e a reflexión.

A obra afonda na problemática da muller en relación ás etiquetas impostas socialmente, propoñendo un camiño para rompelas e tratar de liberarse delas. Consideramos que é un asunto de actualidade, que se presta á realización dun breve coloquio despois do espectáculo, establecendo un diálogo co público sobre as liñas máis relevantes da peza e do proceso de creación. 

Un cordial saúdo e moitas grazas pola voso interese.
diana

--

Contacto:
661 722 106 Diana Mera
666 193 137 Merche Pérez
654 505 304 Teté García
facebook.com/aporiateatro

Curso de achegamento á lingua galega "Achégate ao galego, nivel 2" Temática: Normalización Lingüística

PERSOAS DESTINATARIAS:
O curso Achégate ao galego nivel 2 está concibido como unha continuación da formación adquirida nos cursos de achegamento dos niveis anteriores (0 e 1) e diríxese a todas aquelas persoas, de dentro e fóra de Galicia, que posuíndo uns coñecementos xerais do idioma e tendo algunha formación previa en lingua galega, busquen mellorar e ampliar a súa competencia lingüística no uso do galego estándar.
PROBA DE NIVEL:
Co obxecto de conseguir unha maior homoxeneidade na formación do grupo e garantir o máximo rendemento e aproveitamento do curso, no primeiro día de clase farase unha proba de nivel para avaliar o grao de competencia e o nivel de dominio do idioma do alumnado.
OBXECTIVOS:
A finalidade primordial das nosas aulas consiste en motivar e guiar o alumnado nunha aprendizaxe activa e autónoma do idioma, dotándoo dos recursos necesarios para se converter nunha ou nun usuario competente, capaz de utilizar adecuada e eficazmente a lingua galega nun amplo repertorio de situacións comunicativas propias de diferentes ámbitos, cun grao crecente de formalidade e complexidade; sabendo desenvolverse con certa seguridade e sen moitas dificultades nos contextos en que o galego é lingua de traballo e interacción.
CONTIDOS:
-A expresión oral e escrita das necesidades comunicativas, afectivas e creativas en lingua galega.
-A elaboración do discurso: produción de textos coherentes e cohesionados.
-Variedades da fala. Rexistros e modismos.
-Vocabulario e rexistros relativos a diferentes situacións formais e informais presentes na vida diaria.
-A planificación da aprendizaxe. Recursos de autoaprendizaxe e autoavaliación.
METODOLOXÍA:
Posto que a mellor maneira de aprender a escoitar, falar, ler e escribir é escoitando, falando, lendo e escribindo, traballaremos estas habilidades lingüísticas básicas mediante a exposición directa na aula a un uso auténtico do idioma, fomentando a participación activa do alumnado e facendo fincapé nos aspectos de maior dificultade e nas dúbidas de tipo teórico-práctico coas que nos enfrontamos tanto na oralidade coma na escrita, na nosa práctica diaria como usuarios da lingua.
Datas: 9, 11, 16, 18, 23, 25 e 30 de outubro; 6, 8, 13, 15, 20, 22, 27, 28 e 29 de novembro de 2017
Horario: Os luns e os mércores, de 18.30 a 21.00 horas
Lugar: 2.º andar do Centro Local de Emprego e das Ocupacións (edificio Fernando Carreras, da rúa Areal-O Porto -antiga reitoría-)
Inscrición: Deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (poñer no asunto: curso galego nivel 2)

Documentación

mércores, 13 de setembro de 2017


CURSOS DO CIOV, 2017-18


SAÚDOS

Ola a tod@s! Un ano máis disposta a partillar e propoñer actividades para desenvolver a nosa tarefa de fomento do uso do galego nas aulas.
Coma sempre colgaranse nesta páxina as propostas do ENL do Concello de Vigo, e anuncios de actividades e propostas para realizar actividades que se poidan realizar nas aulas ou fóra delas que proveñan doutras fontes. Tamén publicarei actividades, anuncios, fotografías, artigos...e outras que queirades partillar dos vosos centros de ensino, disposta coma sempre a traballar en prol do noso e poñer en valor o que o profesorado desenvolve.
Máis nada, un pracer comenzar este novo curso ao abeiro de manter con ilusión esta páxina. Conto con vós para encher as redes de fomento do galego!!!

* Podedes enviar ao enderezo electrónico da Coordinadora: cdedlg@gmail.com, ou a mabel.esperanza@edu.xunta.es
 Apertiñas.
Mabel