PERSOAS DESTINATARIAS:
O curso Achégate ao galego nivel 2 está concibido como unha continuación da formación adquirida nos cursos de achegamento dos niveis anteriores (0 e 1) e diríxese a todas aquelas persoas, de dentro e fóra de Galicia, que posuíndo uns coñecementos xerais do idioma e tendo algunha formación previa en lingua galega, busquen mellorar e ampliar a súa competencia lingüística no uso do galego estándar.
PROBA DE NIVEL:
Co obxecto de conseguir unha maior homoxeneidade na formación do grupo e garantir o máximo rendemento e aproveitamento do curso, no primeiro día de clase farase unha proba de nivel para avaliar o grao de competencia e o nivel de dominio do idioma do alumnado.
OBXECTIVOS:
A finalidade primordial das nosas aulas consiste en motivar e guiar o alumnado nunha aprendizaxe activa e autónoma do idioma, dotándoo dos recursos necesarios para se converter nunha ou nun usuario competente, capaz de utilizar adecuada e eficazmente a lingua galega nun amplo repertorio de situacións comunicativas propias de diferentes ámbitos, cun grao crecente de formalidade e complexidade; sabendo desenvolverse con certa seguridade e sen moitas dificultades nos contextos en que o galego é lingua de traballo e interacción.
CONTIDOS:
-A expresión oral e escrita das necesidades comunicativas, afectivas e creativas en lingua galega.
-A elaboración do discurso: produción de textos coherentes e cohesionados.
-Variedades da fala. Rexistros e modismos.
-Vocabulario e rexistros relativos a diferentes situacións formais e informais presentes na vida diaria.
-A planificación da aprendizaxe. Recursos de autoaprendizaxe e autoavaliación.
METODOLOXÍA:
Posto que a mellor maneira de aprender a escoitar, falar, ler e escribir é escoitando, falando, lendo e escribindo, traballaremos estas habilidades lingüísticas básicas mediante a exposición directa na aula a un uso auténtico do idioma, fomentando a participación activa do alumnado e facendo fincapé nos aspectos de maior dificultade e nas dúbidas de tipo teórico-práctico coas que nos enfrontamos tanto na oralidade coma na escrita, na nosa práctica diaria como usuarios da lingua.
Datas: 9, 11, 16, 18, 23, 25 e 30 de outubro; 6, 8, 13, 15, 20, 22, 27, 28 e 29 de novembro de 2017
Horario: Os luns e os mércores, de 18.30 a 21.00 horas
Lugar: 2.º andar do Centro Local de Emprego e das Ocupacións (edificio Fernando Carreras, da rúa Areal-O Porto -antiga reitoría-)
Inscrición: Deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (poñer no asunto: curso galego nivel 2)
Ningún comentario:
Publicar un comentario