Facendo unha breve análise comparativa e reflexiva atopámonos, revisando os anais da historia, con que un século- ou dous- despois do xurdimento de movementos intelectuais en defensa da lingua, a pervivenza da lingua de noso atópase, de novo, no vertixe dun conflito social, que algúns provocan e queren asociar a ideas políticas maniqueas, e de novo, xorden agrupacións en prol da súa defensa, as CEDLG, (Coordinadoras de Coordinadoras/-es de Equipos de Dinamización Lgtca. e docentes ) o que fai pensar que política e intelectualmente non temos avanzado nada.
Xa no século XVIII, xorden as voces de denuncia dos chamados "ilustrados", que demostran a súa inquedanza polo subdesenvolvemento de Galicia e ofrecen propostas renovadoras da vida económica, social e cultural. Entre este minoritario grupo de intelectuais, despunta con forza a figura do Pai Frei Martín Sarmiento, personaxe polifacético (naturalista, lingüista, bibliófilo...) que defendeu o uso do galego no ensino, na Administración e na Igrexa, isto é, a súa normalización como lingua propia dos galegos.
En 1915, Aurelio Ribalta, realizou un chamamento desde a revista “ Estudios Galegos” para defender a lingua galega. Un ano máis tarde Antón Vilar Ponte recolleu esa chamada e comezou desde La voz de Galicia unha campaña para a creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego cuias máximas eran a defensa, dignificación e fomento do uso da lingua galega. O 18 de maio de 1916, convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron arredor de 20 persoas nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia.
As Irmandades da Fala creáronse para a defensa, dignificación e cultivo do idioma, do mesmo xeito que as CEDNLG; a primeira das Irmandades fúndase na Coruña en 1916, séguena outras repartidas polas principais cidades e vilas de Galicia (Ferrol, Ourense, Betanzos, Santiago..). Do mesmo xeito, en 2009, un conxunto de docentes de lingua galega, habilitadas/-os para tal fin,- un grande avance secular-, vense na obriga de retomar esas ideas inaugurais e as accións fundacionais por comarcas, co fin de que a dignificación merecida á que tiña chegado a lingua galega, non esmorecera de novo a causa de políticas restritivas, personalistas, leis irresponsables e descoñecedoras da realidade lingüística do galego e alleas á realidade social que vive Galicia.
Sen entrar en consideracións doutro tipo, a lingua galega, na primeira década do século XXI, aínda non chegou ós niveis de uso da lingua castelá. Por iso, hoxe, xorden voces discordantes que integran as Coordinadoras, e cuia finalidade non é política, nin serve a intereses partidistas, como algúns e algunhas queren facer ver á sociedade, senón única e exclusivamente, á defensa da lingua de noso que volve pasar por un dos seus momentos máis críticos. Para difundiren o seu ideario as Irmandades editaron unha publicación periódica totalmente en galego: A Nosa Terra. Hoxe, as Coordinadoras publican blogues.
As Irmandades promoveron a elaboración de diccionarios e gramáticas, de estudos linguísticos e reivindicaron a presencia do galego na Administración e no ensino. As Coordinadoras publican actividades, concursos, poñen a disposición dos seus usuarios ferramentas lingüísticas, técnicas de traballo intelectual, espallan o uso da lingua de noso, e reivindican, de novo, e como antano, o uso da lingua galega no ensino, non en igualdade de uso co castelán, á que non é igual, senón a través dunha discriminación positiva que faga desta unha lingua de prestixio e coñecida e competente no ámbito social. As Irmandades déronlle pulo á actividade editorial nas principais cidades galegas, ademais de frecuentes seccións en galego na prensa en castelán, as Coordinadoras fano a través da rede, e o profesorado – que se sinte comprometido e magoado- nas aulas, actuando libremente e seguindo estritamente o establecido na Lei- considerada inxusta e ilegal -, aínda que os e as antes mencionados, se empeñen en cualificar este xeito de tratamento de “imposición”. No contexto das Irmandades aparece a revista Nós, da man de V. Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, que conforman o coñecido "Grupo Nós". A eles lígase a figura de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, que ademais do ser un dos máximos referentes literarios do século XX, insigne representante da política galega respectado e reinvindicado por distintas instancias políticas de tendencias ben diferentes na actualidade, literatos non recoñecidos hoxe, que se saiba, coma “ terroristas da lingua” "radicais" ou impositores de ideas nacionalistas na sociedade, senón como defensores, fundamentalmente, da lingua galega.
Os membros de "Nós", cunha ampla formación intelectual, marcan como finalidade a eliminación do lastre folclorista da cultura galega, mediante a súa actualización, normalización e universalización. A revista contaba coa colaboración de autores estranxeiros (portugueses, irlandeses, cataláns, franceses...), que a poñían en contacto coas correntes europeas, ademais de traducións variadas e artigos, tanto de carácter científico (arqueoloxía, etnografía, antropoloxía, socioloxía...) coma literarios. Hoxe en día as Coordinadoras realizan ese traballo nas redes sociais, e poñendo en coñecemento da poboación en xeral, entre outras, a recuperación das tradicións que se perderon na nosa cultura polo influxo do castelán e o catolicismo, pero que se conservan noutras culturas afíns á nosa: O Samaín, o Apalpador..., e presentan tamén nos seus traballos unha ampla gama de propostas de modernidade, para facer da nosa lingua algo vivo, e non ancorado a un pasado decadente.
A obra literaria destes intelectuais, que recuperan campos como o ensaio, outórgalle á prosa galega un grao de desenvolvemento pleno e integra a nosa cultura no contexto europeo, obras que forneceron a nosa literatura de novas técnicas de creación que se estaban a desenvolver na literatura europea incorporándolle temáticas universalistas, lendarias e exóticas, urbanas e pensamentos filosóficos, cousa que, os membros que integran as Coordinadoras, fornecen e espallan a través do coñecemento e a formación que se intercambian.
“Imposición do uso do galego” din os detractores do espallamento destes movementos sociais e intelectuais, “xustiza histórica e lóxica aristotélica” que se ve reflectida nas verbas, tan actuais, de Vilar Ponte: “A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. [...] Eu penso que as únicas setas que van sempre rectas a furar o branco do futuro son aquelas que se lanzan valéndose do arco da nosa lingua, xa que só entón nos mostramos orixinais. Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza” ( 1916).
Entre todos os homes e mulleres de Galicia, solidariamente, como fixeron os de antano, debemos manter a idea de que a lingua galega constitúe unha reivindicación primordial. Trátase do máis rico tesouro do pobo galego.
Mabel Pérez
Fontes: Wikipedia, www.galicia espallada.com.ar
Ningún comentario:
Publicar un comentario