O Prestige foi un petroleiro que afundiu fronte ás costas galegas en 2002 producindo unha inmensa marea negra, que afectou a unha ampla zona comprendida dende o norte de Portugal ata as Landas ou Vendée en Francia, tendo especial incidencia na Galiza.
O Prestige era un petroleiro monocasco de titularidade grega que viaxaba con bandeira das Bahamas, cuxo propietario era supostamente liberiano e fora fretado por unha compañía petroleira rusa baseada en Suíza. Tivera como nome anterior Mt Gladys. Medía 243 m de eslora, 34,4 m de manga e 18,8 m de calado. A capacidade de carga era de 85.000 m³ e o combustíbel (fuel oil) ocupaba 4.500 m³. Transportaba fuel oil en 12 tanques, de entre 3.200 e 12.000 m³.
O 13 de novembro de 2002 un dos tanques rebentou durante unha tempestade á altura de Galiza. Temendo que se afundise, o capitán, Apostolos Mangouras, solicitou a axuda dos servizos de rescate españois, agardando poder refuxiarse nun porto. Non obstante, as autoridades demoraron en actuar e decidiron finalmente obrigar ao capitán a afastar o buque da costa e dirixirse cara o noroeste, crendo así evitar o risco. A secuencia de acontecementos é confusa; é posíbel que as autoridades francesas presionasen para que se dirixise cara o sul; Portugal tamén lle prohibíu achegarse.
Nesta tesitura, a tripulación abandonou o barco e este, a mercé das ondas, deteriorouse e unha sección da proa rachou e deitou ao mar unha grande cantidade de fuel oil. Ás oito da mañá do 19 de novembro, o petroleiro fendéuse pola metade e afundiu completamente esa mesma tarde. Estaba a uns 250 km das costas galegas e a marea negra xa chegara á costa. O capitán foi detido e acusado de non cooperar cos equipos de salvamento e de causar danos ao medioambiente.
Vertéronse ao mar 5.000 toneladas métricas de fuel oil. Logo de afundirse continuou deitando unhas 125 ao día, creando unha maré negra que contaminou o leito mariño e contaminou a costa, afectando especialmente á Costa da Morte entre Muxía e Carnota. A área afectada non só constitúe unha rexión ecolóxica moi importante, senón que ten na pesca unha das súas fontes de ingresos máis importantes. A contaminación provocada forzou ao goberno autonómico a suspender as actividades pesqueiras durante seis meses.
A pesares de ter propietario o barco, as investigacións xudiciais pertinentes non chegaron ata un 'responsable direito' deste accidente. As investigacións amosaron de igual xeito as fallas no buque, e a falla de medidas de seguridade na costa atlántica.
AQUÍ VOS PRESENTAMOS OS VIDEOS ELABORADOS POR ESTE PROFESOR, E UNHAS UNIDADES DIDÁCTICAS PARA TRABALLAR NAS AULAS DE SECUNDARIA E BACHARELATO.
Ningún comentario:
Publicar un comentario