mércores, 21 de setembro de 2016

Propostas da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) para os partidos políticos que concorrerán ás vindeiras eleccións do 25 de setembro


No ensino
1. Derrogación do decreto 79/2010 por non garantir no alumnado a competencia mínima na lingua propia de Galicia.
2. Elaboración dun decreto de promoción do idioma galego no ensino a partir do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego en setembro de 2004, coa finalidade de asegurar que o alumnado remate os seus estudos obrigatorios con plena competencia nas dúas linguas oficiais.
3. Implantación de liñas de galego en Educación Infantil que posibiliten un ensino na nosa lingua nos primeiros anos de escolarización. En consonancia coa sentenza do TSXG a respecto do decreto do Plurilingüismo, eliminación da enquisa encuberta para escoller a lingua nesta etapa, que se segue empregando como aval para marxinar a aprendizaxe en galego nos contornos urbanos e semiurbanos.
4. Fomento real das Programacións Integradas das distintas linguas presentes no ensino, sen perder nunca o horizonte de que o galego é a lingua que precisa dun reforzo positivo.
5. Fomento, desde a administración, da elaboración de recursos didácticos na nosa lingua, actualizados e de calidade, que permitan realmente impartir aulas en galego das materias que se decida en cada centro, prestando especial importancia á Formación Profesional.
6. Elaboración de recursos para a aprendizaxe do galego por parte do alumnado estranxeiro e do alumnado que ten necesidades educativas especiais especiais.
7. Dotación ao Programa Abalar de materiais en galego (escasísimo incluso para aquelas materias que deben impartirse na nosa lingua) para que non fique abeirado nas novas tecnoloxías tal e como está a acontecer.
8. Recuperación do programa educativo “Prescolar na casa” e reforzamento das escolas rurais, cunha adecuada dotación de recursos TIC en galego.
9. Implicación de toda a comunidade educativa no proceso de normalización a través de asesoramento de inspección educativa, campañas específicas, cursos formativos…
10. Introdución progresiva do portugués como materia optativa en todos os centros de ensino co obxectivo de potenciar o coñecemento do galego como porta aberta a aquel, e polo tanto a todo o mundo lusófono, ás súas economías e culturas.
Nos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística
1. Promoción dun impulso real das actividades normalizadoras dos Equipos, así como apoio ao seu traballo diario: os Equipos precisan sentir que a administración está do seu lado, que os apoia e que potencia o seu labor.
2. Orientación correcta do traballo normalizador por parte da administración, que pasa por supervisar os proxectos dos Equipos e estar pendente da súa situación e problemática particular.
3. Creación e divulgación de recursos didácticos para o traballo dos ENDL.
4. Converter a Normalización Lingüística nunha das directrices dos Plans Formativos do Profesorado e desenvolver programas formativos para os docentes dos Equipos e de todo o profesorado interesado na normalización da lingua no ensino que respondan ás súas necesidades reais e que ofrezan claves para resolver as novas situacións que estamos a vivir nos centros (redacción dos Proxectos Lingüísticos de Centro, orientación no deseño de programacións baseadas no Tratamento Integrado de Linguas, etc.).
5. Promoción do traballo en rede, comarcal ou zonal, dos ENDL para optimizar recursos, colaborar en actividades, producir materiais…
6. Desenvolvemento dun plan de actuación da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) para que os Servizos de NL municipais, e os concellos en xeral, colaboren cos ENDL. Este plan debe incluír unha programación planificada e con obxectivos de fomento real da lingua entre a infancia e a mocidade.
7. Convocatoria adaptada ao curso escolar dos Proxectos de Fomento da Lingua Galega para que poidan desenvolverse as actividades das que son obxecto en tempo e forma.
8. Asignación dunha dotación económica adecuada aos centros de ensino para desenvolveren os Proxectos de Fomento da Lingua Galega, posto que a actual apenas cobre unha insignificante parte destes plans.
9. Implementación de medidas que faciliten o traballo diario a través da regulación de horas de dedicación para os membros dos Equipos, que deben pasar a considerarse dentro do cómputo das horas lectivas.
10. Defensa activa dos ENDL fronte aos ataques criminalizadores que sofren por parte de sectores antidemocráticos que unicamente buscan a desaparición da nosa lingua.
Na sociedade
1. Busca do consenso en materia de lingua entre os partidos políticos co fin de excluír o idioma galego da loita partidista.
2. Diálogo e negociación con todos os actores sociais que pulan pola normalización da lingua co obxectivo de chegar a consensos amplos que permitan traballar nos obxectivos fixados na Lei de Normalización Lingüística.
3. Garantir o coñecemento da lingua galega das persoas empregadas na administración para que se poidan garantir os dereitos dos usuarios.
4. Implantación de programas no ámbito xudicial e sanitario que permitan aos usuarios e usuarias realizar os trámites e seren atendidos en lingua galega.
5. Promoción real da lingua galega nas TIC para garantir a súa presenza na sociedade da información e coñecemento.
6. Apoio decidido aos medios de comunicación en galego, tanto de información xeral como sectoriais.
7. Impulsar un cambio de enfoque na programación dos medios de comunicación públicos, coa finalidade de ofrecer unha oferta de lecer máis orientada a un público xuvenil e aos sectores máis dinámicos da sociedade galega.
8. Conversión de Radio Galega Música nunha canle de incentivación, promoción e difusión da creación musical en lingua galega e da TVG nunha plataforma de formatos atractivos e innovadores para a xente nova que aproveite a potencialidade creativa do país.
9. Deseño de campañas públicas de promoción do idioma desde unha perspectiva transversal, atendendo ás necesidades específicas de cada colectivo ou grupo social, cun enfoque concreto e pragmático, orientado a fomentar a autoestima cara ao idioma, así como o seu uso en todos os contextos posibles.
10. Apoio á creación artística en galego e ás industriais culturais galegas, como é norma en todas as admistracións do noso contorno, para asegurar os dereitos constitucionais de acceso á cultura da poboación e reforzar o inequívoco valor produtivo do noso sector cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario