mércores, 21 de setembro de 2016

ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DA CGENDL

ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DA COORDINADORA GALEGA DE ENDL
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2016
ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DA CGENDL
Toda organización, e polo tanto a Coordinadora Galega de ENDL tamén, debe ter unha estrutura organizativa o máis definida posible. No caso da CGENDL buscouse unha estrutura o máis aberta e participativa posible e que, ao tempo, permitise axilidade e eficacia na toma de decisións e na coordinación e seguimento das diferentes actividades. O presente documento contén o modelo de organización e funcionamento aprobado pola Asemblea Xeral da CGENDL do 7 de novembro de 2009 e revisado pola III Asemblea xeral do 5 de novembro de 2011, posteriormente na V Asemblea Xeral do 8 de novembro de 2013 e, finalmente, pola VI Asemblea Xeral de 23 de novembro de 2015.
1. EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA DE CENTRO
A súa función e composición está regulada pola administración educativa. No que se refire á CGENDL entendemos que son a base da mesma xa que eles son os seus verdadeiros integrantes. Cada equipo que desexe integrarse na CGENDL, contará cunha persoa responsable que o representará na Coordinadora de ENDL de zona e nas asembleas da CGENDL.
2. DOCENTES COLABORADORES/AS
Naqueles centros onde, ademais dos ENDL, ou en ausencia de equipos operativos na práctica, haxa docentes que compartan o noso ideario e queiran participar das actividades que propoñemos (na medida que llelo permitan as súas funcións docentes), poderán formar parte da Coordinadora Galega de ENDL como docentes colaboradores/as.
Os docentes colaboradores son membros de pleno dereito da Coordinadora, onde participarán a título individual. Por iso poderán establecer contactos cos consellos zonais, formar parte do Consello directivo e participar nas asembleas con voz e sen voto, a non ser que leven voto delegado.
3. COORDINADORAS DE ENDL DE ZONA
Son agrupacións de ENDL de centro dunha determinada zona que por proximidade decide coordinar as súas actuacións e actividades de normalización.
Está formada polos representantes dos ENDL dos centros dunha determinada zona. Cada coordinadora é diferente das outras e ten os seus propios órganos, criterios de funcionamento e obxectivos se ben na súa estratexia procurarán o respecto aos acordos tomados polos
órganos directivos da CGENDL (Consello directivo, Consello zonal e Asemblea. Así e todo entendemos que entre as súas funcións deben estar as de:
a. potenciar actividades conxuntas,
b. coordinar as actuacións entre os diferentes centros,
c. propiciar o intercambio de experiencias e o encontro entre equipos e
persoas vinculadas ás tarefas normalizadoras,
d. participar do Consello zonal da CGENDL, e
e. realizar, cando menos, dúas reunións anuais, unha a comezos de curso, preparatoria do traballo anual, e outra ao final, avaliadora.
Cada coordinadora zonal contará cun representante no Consello zonal.
4. CONSELLO ZONAL
Definición
É o órgano de representación das zonas e ten como misión orientar, asesorar e
supervisar o traballo do Consello directivo e o funcionamento da CGENDL.
Composición e funcionamento
O Consello zonal está formado:
a. por un representante de cada coordinadora zonal existente,
b. por un representante de cada unha daquelas zonas nas que non exista
coordinadora, á espera de que esta se constitúa con voz e sen voto, e
c. polos membros do Consello directivo.
Na Asemblea Extraordinaria do 23 de setembro de 2016, o Consello Zonal está formado polas seguintes coordinadoras ou zonas:
 Provincia da Coruña: Barbanza, Melide e Santiago de Compostela.
 Provincia de Lugo:
 Provincia de Ourense: Celanova-Baixa Limia, O Carballiño, Ourense e Verín-O Bolo.
 Provincia de Pontevedra: Baixo Miño, O Morrazo, O Salnés, Pontevedra, Terras do
 Umia e Vigo.
A modificación desta composición e, polo tanto a incorporación dunha nova coordinadora, debe ser ratificada polo propio Consello zonal.
Os seus membros, ademais de exercer a representación da súa zona, son tamén os responsables de transmitir a esta as estratexias e plans de traballo aprobados pola CGENDL.
Funcións
Son competencias do Consello zonal:
a. definir as estratexias xerais de actuación,
b. revisar de acordo con esas estratexias, modificar se for preciso e aprobar a proposta de Plan anual de traballo elaborada polo Consello directivo, e
c. avaliar o desenvolvemento do Plan anual de traballo
Reunións
O Consello zonal reunirase de xeito ordinario dúas veces ao ano e de xeito extraordinario sempre que o convoque o/a coordinador/a xeral ou o soliciten dous terzos dos seus membros. Polo que respecta ás reunións ordinarias a primeira realizarase na segunda quincena de setembro co obxectivo de aprobar o Plan de traballo anual e preparar a asemblea xeral; a segunda será a final de curso e terá como finalidade avaliar o traballo desenvolvido ao longo do ano e realizar as propostas de cara ao curso seguinte.
As reunións estarán presididas polo/a coordinador/a xeral e terán as seguintes normas de funcionamento:
- O/a coordinador/a xeral preparará a orde do día da reunión e faraa chegar ao resto do consello cun mínimo dunha semana de antelación.
- O/a secretario/a levantará acta de cada reunión deixando constancia dos temas tratados e das decisións adoptadas. A acta será aprobada na sesión seguinte.
5. ASEMBLEA XERAL
Definición
É o máximo órgano de goberno da Coordinadora Galega de ENDL.
Composición e funcionamento
A Asemblea Xeral está integrada polos ENDL de centro que forman parte da
coordinadora e tamén todos/as docentes colaboradores/as. Cada ENDL pode
estar representado con voz polo número de persoas que o desexen, se ben só
se disporá dun voto por ENDL. Os acordos adoptaranse por maioría simple.
Funcións
Son competencias da Asemblea Xeral:
a. elixir o Consello directivo,
b. censurar a actuación do Consello directivo,
c. aprobar, de ser o caso, os orzamentos anuais así como o estado de
contas,
d. debater, modificar ser for o caso e ratificar a proposta de Plan de traballo anual elaborado polo Consello directivo e aprobado polo Consello zonal, e
e. aprobar as estratexias xerais de actuación definidas polo Consello
zonal.
Reunións
A Asemblea Xeral reunirase, de xeito ordinario, unha vez cada dous anos (na primeira quincena de novembro), e de xeito extraordinario sempre que o acorde o Consello directivo ou o soliciten dous terzos dos seus membros. No primeiro caso a convocatoria deberá remitirse, polo menos, con 30 días de antelación e no segundo cun mínimo de 72 horas. Nas dúas situacións deberá constar o lugar, a data e a hora da asemblea así como a orde do día.
6. CONSELLO DIRECTIVO
Definición
É o órgano ordinario de xestión e ten como misión planificar, organizar, dirixir e supervisar o funcionamento da CGENDL.
Composición e funcionamento
O Consello directivo estará formado por dez membros que asumirán as seguintes responsabilidades:
- Coordinador/a xeral, coas funcións de coordinar o traballo interno e externo do Consello directivo e do Consello zonal, presidir as reunións do Consello directivo, do Consello zonal e da Asemblea Xeral, convocar e levantar reunións, facer as consultas necesarias para fixar as ordes do día, ocuparse das relacións cos medios e das relacións institucionais da CGENDL entre outras.
- Vice-coordinador/a xeral, auxiliará ao coordinador/a xeral nas súas funcións,
- Secretario/a, ocuparase de levantar actas e dos traballos administrativos.
- Vicesecretario/a, auxiliará ao/a secretario/a nas súas funcións.
- Vogais (6), responsabilizaranse doutras áreas (web, correos…) en función das necesidades.
Para poder formar parte do Consello directivo é necesario ser membro dun ENDL que teña a condición de asociado, ou ben formar parte da Coordinadora como docente colaborador/a. O Consello directivo será elixido pola Asemblea Xeral entre todas as candidaturas que se presenten, e resultará elixida aquela que obteña máis votos. As candidaturas deberán presentarse, cando menos, 10 días antes da realización da devandita asemblea e durante esta mesma a persoa que as encabece deberá presentar o seu programa de traballo para dous anos e un plan anual de traballo para ese curso. Todos os membros do Consello directivo terán dereito a voto na asemblea. Os cargos do Consello directivo durarán dous anos, no caso de
vacante no Consello directivo procederase á substitución correspondente acudindo aos suplentes da lista gañadora, de non haber suplentes o Consello directivo poderá nomear á persoa que estime axeitada que deberá ser ratificada pola asemblea. Poderase causar baixa por finalización do mandato, incumprimento das obrigas ou por renuncia voluntaria.
Funcións
Son competencias do Consello directivo:
a. Corresponsabilizarse do funcionamento ordinario da coordinadora e resolver os asuntos que xurdan diariamente.
b. Elaborar o a proposta de Plan anual de traballo.
c. Programar, coordinar e avaliar as actividades e campañas impulsadas pola CGENDL.
d. Intercambiar información sobre o desenvolvemento das diversas actividades confiadas a cada un dos membros da coordinadora e propoñer, canto sexa oportuno para a súa mellora.
e. Propoñer a elaboración e difusión de materiais que contribúan ao avance na normalización.
f. Apoiar e emprender accións conxuntas con outras institucións e administracións.
g. Representar a coordinadora en todos aqueles ámbitos nos que sexa preciso e ser a súa voz pública.
h. Impulsar a constitución e funcionamento das coordinadoras de zona.
i. Estudar e preparar os asuntos que se deben tratar no Consello zonal.
Reunións
O Consello directivo reunirase, de xeito ordinario, dúas veces cada trimestre, e de xeito extraordinario sempre que o convoque o/a coordinador/a xeral ou o soliciten a maioría dos seus membros. Ás reunións do Consello directivo poderán ser convocados/as, cando sexa necesario polos asuntos que se vaian tratar, outras persoas con voz pero sen voto.
As reunións estarán presididas polo/a coordinador/a xeral e terán as seguintes normas de funcionamento:
a. O/a coordinador/a xeral preparará a orde do día da reunión e faraa chegar ao resto do consello cun mínimo de tres días de antelación.
b. O Consello directivo tratará os diversos temas da orde do día coa axuda da documentación previamente preparada por quen corresponda.
c. O Consello directivo tenderá a adoptar as decisións por consenso, a través do diálogo e o contraste de criterios, cando non sexa posible facelo así adoptaranse por maioría simple.
d. O/a secretario/a levantará acta de cada reunión deixando constancia dos temas tratados e das decisións adoptadas. A acta será aprobada na sesión seguinte.
7. *DISOLUCIÓN
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística pode ser disolta se así se acorda na Asemblea Xeral, convocada con carácter extraordinario expresamente para ese fin.
2. En caso de disolución, a Asemblea Xeral establecerá as normas precisas para levala a cabo.
*Emenda engadida na VI Asemblea Xeral da Coordinadora Galega de ENDL (Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2016). Emendante: Consello Directivo da CGENDL

Ningún comentario:

Publicar un comentario