Dende a CGENDL retomamos a comunicación con vós
para desexarvos un bo comezo de curso e animarvos a retomar o traballo
normalizador con enerxía e ilusión. Na liña do traballo feito ao longo da nosa
andaina, neste primeiro correo partillamos con vós novos materiais,
convocámosvos a unha Asemblea Xeral Extraordinaria e informámosvos das demandas
que, como ENDL e docentes que apostamos pola normalización do galego no ensino,
fixemos chegar aos partidos políticos que concorren ás vindeiras eleccións
galegas.
ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIAO Consello Directivo en funcións convoca unha Asemblea Xeral Extraordinaria da entidade o venres 23 de setembro, a partir das 19:00, no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). A Coordinadora facémola entre todas e todos, por iso é fundamental que ti participes nos órganos de decisión para continuarmos a tecer esta rede colaborativa que pretende servir de espazo de encontro dos Equipos e dos docentes que apostan pola normalización do idioma no ensino non universitario e na sociedade. Na seguinte ligazón pódense consultar os documentos da Asemblea (Orde do día, Regulamento, Organización e funcionamento e Voto Delegado), que tamén anexamos neste correo, e o plano de localización do IES As Fontiñas:
CALENDARIOS ESCOLARES 2016-2017
Podedes descargar na nosa páxina o calendario
escolar 2016-2017 (para os distintos niveis e en varios formatos e
temporalizacións). Se queredes partillar outros materiais de planificación
docente e do alumnado (axendas, calendarios de distinto tipo, actividades de
inicio de curso, etc.), podedes enviárnolos a correo@coordinadoraendl.org.
PROPOSTAS AOS PARTIDOS POLÍTICOS QUE CONCORRERÁN ÁS ELECCIÓNS
GALEGAS
Por último, tamén anexamos o documento
que lles fixemos chegar ás organizacións políticas para que as estuden e
inclúan nos seus programas electorais. Estas propostas abordan os ámbitos do
ensino, os ENDL e a sociedade e buscan abrir novos escenarios para a promoción
real da nosa lingua na vindeira lexislatura.
Saúdos normalizadoresConsello directivos en función
CGENDL
Ningún comentario:
Publicar un comentario