mércores, 21 de setembro de 2016

COUSAS


Queres que os teus alumnos e alumnas lean Cousas, de Castelao, e asistan á adaptación teatral feita polos Quinquilláns?

 
Dende a Editorial Galaxia queremos presentarche a continuación unha campaña que ten como eixo vertebrador Cousas, unha das obras máis representativas de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e na que faremos converxer a literatura, as artes escénicas e a plástica.  Trátase dun proxecto de interese xeral pero especialmente dirixido a rapazas e rapaces que cursen terceiro Ciclo de Educación Primaria, ESO e Bacharelato.

Obxectivos


1. Contribuir ao uso da lingua galega polos máis novos, no seu tempo de lecer e no seo familiar.
2. Axudar á consolidación e fomento do hábito lector e animar á lectura na nosa lingua
3. Contribuir á divulgación da obra literaria e gráfica de Castelao, especialmente entre a mocidade e a infancia, neste ano no que é homenaxeado pola Academia Galega de Belas Artes.
4. Mostrar o diálogo que se establece entre os dous xéneros literarios, narrativa e teatro, a partir dunha mesma idea e ofrecerlle ao público a posibilidade de experimentar as diferentes potencialidades de cada unha das linguaxes artísticas.
5. Asociar a lingua galega a expresións estéticas de calidade, como a literatura, a plástica e as artes escénicas.


Elementos da campaña

 
1. Edición especial de Cousas, a creación literaria máis orixinal que nos deixou o artista de Rianxo. Emoción e sentimento únense a un senso do humor extraordinario que fai da súa lectura unha experiencia única. Baixo o título de Cousas recóllese unha colección de corenta e cinco relatos, ilustrados polo propio Castelao, na que, con grande enxeño, ironía e sensibilidade, reflicte a súa visión sobre os individuos e a sociedade na que se integran.

2.
Montaxe teatral realizada polos Quinquilláns Teatro a partir dunha escolma de catorce relatos contidos nesa publicación. Asumen o reto de levar á escena Cousas mediante a creación dun espectáculo dunha hora de duración de pequeno formato, cun actor e unha actriz. A proposta deseña unha trama chea de conflito e emoción que ao mesmo tempo fai de fío condutor para que vaian aparecendo os relatos de Castelao. É por isto que os dous personaxes protagonistas son actores e representan pezas teatrais creadas a partir dos contos de Cousas, servíndose de distintas técnicas para introducir “teatro dentro do teatro”: títeres, sombras, máscaras, narración oral... A nosa proposta consiste en que todas as persoas que participan nesta campaña experimenten coas imaxes e sensacións producidas polas distintas linguaxes artísticas (narrativa, teatro e plástica) a partir dunha mesma idea inicial. Por isto a cada un dos asistentes á representación agasallámoslle un exemplar dunha edición especial de Cousas.


A montaxe teatral



Os Quinquilláns crean un fío condutor no que Teresa e Xosé, protagonistas da trama e membros dun grupo de teatro local, escenificarán seis contos que formaron parte do repertorio que a súa compañía ten representado: “O Rifante”, “No escuro caletre de Martiño”, “Aínda eu non nascera”, “Xa van alá moitos anos”, “O pai de Migueliño” e “Unha rúa nun porto lonxano”. Estes seis relatos converteranse así en seis pezas teatrais breves de diferente formato: teatro de actores, de máscaras, de títeres, de obxectos, de sombras... Algúns outros relatos estarán presentes botando man de técnicas máis ou menos próximas ao xénero da narración oral: “Na noite da derradeira novena de defuntos”, “Aínda está no areal”, “Chegou das Américas un home rico”, “Camiño esquecido”, “Na cova dos carcamáns”, “Cando Bieito quedou orfo”... Tamén apostan por poñer en valor a eficacia dramática e comunicativa dos relatos orixinais, facendo que os personaxes en escena lean directamente ao público os contos “Chamábanlle A marquesiña” e “Dende a fiestra da torre”.

Contacta con nós para obter máis información!


Editorial Galaxia (986 432 100)
galaxia@editorialgalaxia.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario