Co gallo da celebración do II Día da Ciencia en Galego o pasado venres 4 de novembro, a Coordinadora Galega de ENDL convidou a todos os centros educativos non universitarios a participar en dúas videoconferencias vía web, na que destacados investigadores galegos da Universidade de Santiago de Compostela achegaron temáticas de interese curricular para o noso alumnado e os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Ademais de seguir a videoconferencia, os centros escolares que participaron tiveron a posibilidade de interaccionar con eles vía chat a través dunha sala virtual de fácil manexo.
Os Obradoiros de literatura medieval leváronse a cabo por distintos centros de Vigo, promovidos polo ENL do Concello de Vigo e consisten no desenvolvemento do Canto de amiga cunha breve e didáctica exposión da historia de Galicia até o período medieval. É un achegamento á lírica medieval galego-portuguesa, a súa calidade e a súa actualidade na Galicia do s. XXI, unha clase didáctica donde os rapaces e rapazas da ESO se achegan á nosa literatura e á nosa historia dunha maneira lúdica, e un xeito moi axeitado de acercalos á didáctica da estructura das cantigas: leixaprén, refrán, composición, estructura rítmica....
Para tod@saquel@s que non tiveron oportunidade de participar, e para os centros que desexen levar a cabo esta actividade, déixovos o enderezo da persoa que os imparte, son obradoiros de dúas horas de duración e millor que tres leccións maxistrais sobre literatura medieval.
Aquí vos deixo o último de Séchu Sende " Made in Galiza". Espero que vos sexa de utilidade!
E unha maneira complementaria de explicar parte do programa de sociolingüística de 2.º de Bacharelato. Nos apartados titulados pouquiño sobre a conveniencia ou non do seu uso na clase. Evidentemente a guía pode ser utilizada con outros cursos da ESO ou de 1 .º de Bacharelato en caso de que se recomende a lectura do libro ou para facilitar a comprensión dos conceptos de sociolingüística incluídos no programa de cada curso. Xa que logo esta guía, ademais de servir como apoio á lectura de didáctico para fomentar o debate sobre as actitudes e os comportamentos ante a lingua galega entre o alumnado. Así mesmo recomendamos a lectura de in Galiza por Séchu Sende son realidades cotiás na nosa sociedade e son ideais para provocar nos asistentes aos cursos unha fonda reflexión sobre a actitude de cadaquén ante a situación da lingua galega. Algo moi necesario para que cada cidadán libremente tome consciencia e decida a súa posición ante a responsabilidade que temos de conservar e transmitir un ben colectivo como é a lingua galega.
Texto por Bea Cornide
Son moitas as manifestacións que se estiman como anuncios de morte: o canto do moucho ao lado da casa, o do corvo e o seu voo, o canto da curuxa, o ouveo dun can, o canto do galo á hora de ir ao galiñeiro, o repenicar coincidente das campás en varias parroquias á mesma hora, notar olor a incenso e o olor forte a aceite durante a tarde ou a noite. Tamén o son que se apague un cirio aceso nun funeral ou notar olor a cera nun cruce de camiños. Porén, a máis coñecida é a aparición da Santa Compaña.
Segundo a tradición galega, a Santa Compaña é unha procesión de almas en pena vestidas con túnicas negras con capucha que parten dunha igrexa cada noite sobre as doce para reclamar as almas dos que van morrer pronto. Esta procesión fantasmal está formada por dúas filas, cada espectro leva unha candea acesa e o seu paso deixa un olor a cera no aire. As candeas que levan non hai quen as apague, xa que son ósos de defuntos. Son un mínimo de cinco que portan a cruz, o estandarte, o caldeiro con auga bendita, o farol e por último a campá. Diante da Compaña vai un cristián acompañándoa e portando unha cruz que, para se librar dela, debe esperar a que outro cristián se cruce no seu camiño; daquela entregaralle a este a cruz que levará durante o resto da súa vida, de non ser que se cruce con outro mortal.
É unha crenza xeral que os que van na Compaña solo van en espírito, o seu corpo queda na cama e non responderá aínda que o chamen. Quen realiza esa función non recordará durante o día o transcorrido na noite. Unicamente se poderá recoñecer ás persoas penadas con ese castigo pola súa estrema delgadeza e palidez. Cada noite a luz da procesión será máis intensa e cada día a palidez será maior. Non lles está permitido descansar ningunha noite, polo que a saúde irá debilitándose ata enfermar sen que ninguén saiba as causas de tan misterioso mal. Condenados a vagar noite tras noite ata que morran ou se atopen con algún incauto ao que cambiarlle o papel.
Camiñan rezando case sempre un rosario, cánticos fúnebres e tocando unha pequena campá. Ao seu paso cesan todos os ruídos dos animais do bosque. É unha crenza xeral que os animais a ven, por iso que os cabalos ou as vacas se asusten pola noite sen motivos é un indicio de que está cerca. Os cans anuncian a súa chegada ouveando de forma desmedida e os gatos escapan espantados.
Quen presencie o paso da Compaña poderá coñecer quen vai morrer porque estará situado detrás do ataúde e coa vela máis pequena da procesión. Se llo conta ao interesado, este vivirá bastantes anos máis.
Non todos os mortais teñen a facultade de ver cos ollos a Santa Compaña, só certos dotados teñen a facultade de vela, entre eles os nenos aos que o sacerdote bautizou por erro usando os santos óleos dos defuntos, posuirán de adultos o don de ver a aparición. Os demais deberán conformarse con sentila ou intuíla.
Para liberarse da obriga de acompañar a Santa Compaña hai moitos modos, o mais estendido é que quen a vexa debe trazar un círculo no chan e meterse dentro del, e para que sexa máis eficaz debe facerse cunha pola de oliveira. Outras veces dentro do círculo debúxase dentro del unha estrela salomónica. Tamén se recomenda apartarse do seu camiño e facer que non está; se non se aparta un ben e lle poñen unha vela na man, estará obrigado a acompañalos; por iso cómpre levar as mans pechadas e rezar un “Nosopai” polas almas ou ben levar os brazos cruzados.
Outras técnicas para liberarse da obriga é rezar e intentar non oír nada, subirse ao pedestal dun cruceiro, tirarse boca abaixo e esperar sen moverse aínda que lle pase a comitiva por riba, levar encima escapularios, cruces, allos ou castañas de indias.
Tamén se di que a Santa Compaña pode ofrecer unha suculenta mesa a quen a atope. Á persoa que probe estes alimentos levaraa con ela. É preciso negarse a comer desta mesa, porén é obrigatorio comer do que un leve ou facer que come, sempre que o leve gardado no peto. Desa maneira déixano marchar. Por iso se recomendaba levar sempre algo de pan no peto aínda que fosen faragullas.
Pódese aparecer en diferentes lugares, pero predominan os cruzamentos de camiño. Hai datas concretas nas que se di que hai máis aparicións coma por exemplo a Noite de Todos os Santos (entre o 1 e o 2 de novembro) ou a noite de San Xoán (24 de Xuño)
A influencia da cultura céltica sobre a poboación galaica debeu ser moi importante, e isto pode explicar por que existen na actualidade no noso folclore lendas ou crenzas que cadran coas dos países célticos. A Santa Compaña galega é moi similar á “Fairy Host” irlandesa, a “Sluagh” de Escocia ou ao “Toili” de Gales. Ramón Otero Pedrayo falaba das fadas e dos defuntos que no tempo do Samaín, en Irlanda, bebían nas fontes do esquecemento…
A noite do 31 de outubro comeza o ano novo celta e a súa festa en honor aos defuntos, marcando a transición do outono ao inverno nesa noite. Os celtas crían na inmortalidade das almas e tiñan unha preocupación especial polos queridos defuntos expostos ao frío, a escuridade do inverno, a intemperie e a tristura dos camposantos. A noite do Samaín foi habitualmente descrita coma unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, nesa data, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e o do alén, dándolle a xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos. Esa noite non se saía da comunidade, reuníanse todos os veciños ao redor dunha cacharela e prendían un lume sagrado de pólas de teixo, coas que serían alimentadas as lareiras de todas as casas, despois preparaban alimentos e agasallos para os que os parentes finados puidesen volver visitar as súas vellas casas, comer nas mesas e quentarse ao carón do lume da lareira.
A festividade duraba unha semana e finalizaba coa festa dos mortos, e con ela comezaba o ano novo celta. Esta festa era unha das máis importantes, xa que celebraban a comuñón do que sería para nós o “ceo e a terra”. Para eles o lugar dos mortos era un lugar de felicidade perfecta na que non existen nin a fame nin a dor. Os celtas celebraban esta festa cos ritos nos que os druídas facían de médium e se comunicaban cos seus antepasados esperando seren guiados nesta vida cara á inmortal.
CRISTIANIZACIÓN DA FESTA
Como ocorreu con moitas outras, para poder perdurar tivo que cristianizarse. Ao longo do tempo a Igrexa foi modificando esta celebración, dedicaban ese día a “Todos os Mártires” xa que a festividade de “Todos os Santos”, en memoria dos santos anónimos, era o 13 de maio ata que no s. XVIII a cambiaron para o 1 de novembro. No s. IX ordenouse que a festa a Todos os Santos se celebrara universalmente e que o día anterior fose un día de vixilia para preparar a festa que resultou coincidir coa celebración pagá do Samaín o 31 de outubro (agora chamado Halloween, nome que provén da frase “All hallow´s Eve” ou “véspera de Todos os Santos” entre os anglosaxóns, que nada ten que ver coa festa cristiá de Todos os Santos)
MANIFESTACIÓNS DO SAMAÍN EN GALICIA
Segundo as nosas vellas tradicións, as almas viñan á terra no Día de Defuntos con moi diversas fins. Por iso nuns lugares púñanlles de comer, para que non pasasen fame; noutros botaban ese día un gran pau ao lume, para que se quentasen no caso de ter frío; noutros era considerado pecado varrer pola noite a cociña porque se lles daba para atrás, impedíndolles que se acheguen á lareira; e noutros tense por acción inhumana pechar de golpe as cancelas ou portelos, porque se mancaban.
Era habitual neste día coller cabazas, tallalas cunhas caras feroces e deixalas nos camiños para asustar os camiñantes ou deixalas na porta da casa cun anaco de pan e facer colares con castañas novas. En Quiroga (Lugo) é tradicional secar a cabaza tallada e conservala para usar de máscara polo Entroido.
En Galicia tamén é tradicional neste día celebrar o Magosto.
Este costume coincide co antigo celta do Samaín, no que eran os cranios dos inimigos os que brillaban na escuridade con candeas no seu interior.
O curso comenza a súa andaina e con el empezamos tamén a mandarvos os primeiros correos. Neste caso para dúas cuestións de organización.
1.- Programacións . A CGENDL quere prestar a súa axuda na elaboración da programación dos Equipos de Normalización. Para iso, enviarémosvos nos próximos días a proposta anual de actividades , que poden ser de interese para incluír nas vosas programacións,aprobada no Consello Zonal da Coordinadora.
2. Actualización de datos.Nesta altura procedemos a actualizar a adscrición de coordinadores/as dos equipos e de docentes colaboradores/as:
-Aquelas persoas que deixan a coordinación teñen que enviar un correo de confirmación indicando se seguen traballando no mesmo ou noutro centro.
Convite á presentación pública da Iniciativa por un medio de comunicación galego Sermos Galiza que organiza a A. C. O Castro, de Vigo.
A convocatoria da presentación en Vigo, feita por O Castro vai acompañada do texto que reproducimos a seguir.
Afirma un proverbio suahili, que agora facemos galego, que quen sabe falar nunca é pobre. Hoxe somos, como pobo, un pouco máis pobres que onte. Nestes últimos tempos nós fomos quedando case sen fala, de vagar, case que por descoido, como quen queda de portas para fóra por deixar o chaveiro dentro da casa. A nosa voz esvause no vento como minguaba a imaxe daquel científico tolo que experimentaba con beberaxes na procura da invisibilidade.
Non nos referimos con esta imaxe ao estado da saúde de cadaquén, senón á desaparición de medios de comunicación galegos. Foise a histórica cabeceira A Nosa Terra, recluída nas hemerotecas como Merlín en Brocellanda, xunto con Galicia Hoxe e finalmente a edición impresa do Xornal de Galicia. Xa se anunciou tamén o peche da súa edición dixital para finais de ano. Debemos lembrar que con anterioridade xa desapareceran Vieiros e A Peneira entre outros. Dun tempo para esta parte desapareceron case todos os medios de comunicación en galego.
Alguén podería pensar que esta afonía social se debe a un mal aire, como se fose unha gripe de outono. Tamén podería pensar, no mesmo sentido naturista, que o seu carácter é pasaxeiro e que logo dun tempo prudencial as nosas voces volverán a se escoitar, se cadra con maior vigor. Falso. Non ten nada de natural que este andazo de afonías afecte só a medios en galego. Do mesmo xeito, tampouco é natural que unha gripe afecte unicamente ás persoas que levan o pelo curto, por poñer un exemplo de arbitrariedade.
A verdade é que non podemos falar porque nos estrangulan, porque queren afogar a nosa voz debido a que as nosas palabras molestan. As rudas e as feas anoxan, as cultas e elegantes incomodan, as túzaras e as máis intelixentes estorban, as maliciosas e as ben intencionadas chinchan por igual, as críticas proen como a rabia. Mesmo as palabras máis simples e inocentes provocan incomodo. Causan unha aguda e impertinente irritación nos oídos de quen nos odia.
Estamos nunha disxuntiva. Podemos non facer nada, ou laiarnos como moito e, xogando con aquela idea, se as persoas de ben non fan nada, daquela o mal triunfará. Deste xeito ficaremos sen voz, mudas e mudos todos, para sempre. A segunda posibilidade, en troca, consiste en loitar e ceibarse do xugo que nos afoga.
No segundo caso, o camiño que debemos tomar é construírmos o noso espazo comunicativo propio, do mesmo xeito que, nas épocas de seca sen chuvias, se cava un pozo para poder ter de onde sacar auga. Chamamos pois a coller a pa e a luxar as mans co traballo. Unha xigantesca tarefa vólvese pequena se traballamos todos e todas. Somos conscientes das posibilidades que abre o proxecto que nos dispoñemos presentar. Saudamos, pois, a Iniciativa social por un medio de comunicación «Sermos Galiza».
Vai ser este xoves 29/09 ás 20.00 horas na Casa Galega da Cultura.
Novas
En outubro inauguramos a nova Canle 5 VÍDEO NA AULA para divulgar a creación de contidos coproducidos polo alumnado e profesorado galego. Se estades interesados en participar nesta canle de programación didáctica mandade un correo a xestion@linguagalega.tv
Se vos queredes unir a esta iniciativa aí vos deixamos a páxina e a información, máis unha breve definición do proxecto.
Definición da : Rede popular de ensino en galego Estará composta por un conxunto de instalacións de ensino de tódolos niveis e modalidades que teñan como obxectivo a transmisión de coñecementos científicos e útiles para a formación integral da persoa e que a lingua vehicular (lingua franca), a do ensino sexa o galego. Que a formación da persoa sexa realizada con criterios de pluralismo, respecto, tolerancia, diversidade, fora de toda influencia relixiosa (laico). O conxunto das escolas (da rede popular) estará ao servizo do Pobo de Galiza, para poder ser usada por tódolos seus habitantes, será universal, e para todas aquelas persoas que desexen recibir unha educación en lingua galega. A rede popular e cada unha das escolas, será privada, sendo os seus propietarios os seus usuarios e impulsores, correspondendo á comunidade escolar no seu conxunto a xestión educativa de cada centro e a participación no global da rede. A rede manterá a súa independencia dos poderes políticos, a pesar das axudas que por lei lle puideran corresponder e desempeñarán a súa función para acadar os máximos resultados de competencia dos seus alumnos/as equiparables a nivel europeo, conforme ao establecido na lexislación educativa vixente. En adíante e para evitar calquera interpretación que dificulte o seu contido a Rede popular galega privada de ensino en galego, pasará a denominarse: Rede popular de ensino en galego. http://limiargalego.blogspot.com/p/ano-2011-do-ensino-en-galego-apoian-as.html
Botado a andar o novo curso escolar, dende o departamento educativo e de acción cultural enviámosvos o Programa Educativodo Verbum Casa das Palabras coa fin de que o teñades en conta á hora de programar as vosas saídas escolares e actividades da aula para as que ben seguro que o noso programa servirá de apoio.
Podedes facer as reservas a través do teléfono 986 240 130 ou ben enviando unha consulta de dispoñibilidade por correo electrónico remitindo os datos que vos pedimos na última folla do programa.
Para calquera dúbida ou aclaración non tendes máis que pórvos en contacto con nós.
Saúdos cordiais,
Marián Otero
Verbum - Casa das Palabras Concellería de Cultura Concello de Vigo
Un ano máis, dirixímonos a vós dende a CGENDL para desexarvos un bo inicio de curso e achegarvos moito ánimo para afrontalo con ilusión pese aos perigos que ameazan o sistema educativo, tamén no que respecta á normalización da nosa lingua.
É a nosa vontade volver compartir un intenso curso de traballo entre os equipos e docentes que formamos parte da Coordinadora e o conxunto da comunidade educativa. E tecer redes colaborativas que permitan partillar recursos, experiencias, actividades... mais iso precisa do compromiso de todos e todas.
Por iso, nun momento difícil no que a administración busca que calemos, animámosvos a reforzar os equipos nos centros, buscar o contacto cos máis próximos e fortalecer as coordinadoras comarcais que están en marcha ou poñer os cimentos doutras novas. Debémosllelo aos docentes que desenvolveron un inxente labor normalizador neste vinte anos dos equipos e, sobre todo, ao noso alumnado, para construírmos con eles o futuro do noso idioma.
Nos arquivos anexos anexamos diferentes modelos de calendarios do curso 2011-2012, que tamén podedes decargar da nosa páxina. Se algún de vós os quere personalizar co nome do centro podedes solicitalos en formato excell.
Este dicionario ten a finalidade de ofrecer un modelo de pronuncia da lingua galega, na súa variedade estándar, nun rexistro formal e cun ritmo normal de fala.
A Editorial Galaxia puxo no mercado nos últimos meses case un cento de títulos, clásicos e contemporáneos, para a descarga dixital. Unha parte moi importante do crecemento da oferta editorial do ano 2010 (un 28,6 % máis ca no ano anterior) débese a esta iniciativa desta editora, que traballa na construción dun catálogo propio para as novas tecnoloxías.
Animámosvos a botar un ollo neste enderezo!
Aquí vos deixo un proxecto de Antonio Romaní que pode ser do voso interese ao longo do curso escolar. Trátase de practicar deporte ao ar libre e practicar inglés.
In vino veritas é un proverbio latino, cuxo significado podería traducirse como "no viño está a verdade". Tamén é coñecida a frase " Ἐν οἴνῳἀλήθεια", procedente do grego, cuxo significado é o mesmo. A frase completa sería "In vino veritas, in aqua sanitas" ("No viño está a verdade, na auga a saúde")
O autor da frase latina é Cayo Plinio Cecilio Segundo, máis coñecido como Plinio o Vello, mentres que a frase grega atribúese a Alceo de Mitilene.
Esta frase volve á actualidade por ser o título da nova novela de Francisco Castro.
In vino veritas segundo Francisco Castro é unha novela “furiosa” na que o autor intervén nun diálogo directo co lector, facendo uso dun recurso estilístico de seu ao que nos ten acostumados noutras obras como Spam ou Memorial do infortunio. A novela está protagonizada por Xulio Míguez, un detective sen vocación, amargado, namorado e solitario, que recibe a encomenda de atopar un famoso adegueiro desaparecido nos ambientes do sadomasoquismo máis tétrico. Ao tempo que se desenvolve a intriga principal, a novela pescuda nos límites da convención social levando ao lector polos escenarios da burguesía cidadá, facendo fincapé na visión que esta clase social ten da realidade que nos rodea. O detective Míguez serve ao autor para sacar á luz algunhas das corruptelas da sociedade contemporánea, “na que os medios de comunicación e os intereses empresariais mestúranse cos baixos instintos”, e tamén para facer unha crítica aberta e realista dunha sociedade que adoece de valores críticos, e asiste impasible á imposición de novos valores impostos desde o poder político a través dos medios de comunicación de masas, case reconvertido no primeiro poder, e que transmite que os contravalores son os valores positivos que a nova sociedade debe desenvolver: non pensar, berrar, insultar, revolver nas miserias máis profundas dun ser humano, sexan certas ou non, faltar á verdade e ao rigor moral e xornalístico, asistir impasible ao “ todo vale para conseguir cartos doadamente sen traballar ”, é dicir: “ á parvura colectiva que o telelixo está a provocar nunha cidadanía durmida” e que Castro nesta novela trata de espabilar.
Recomendamos a súa lectura por mor de espertar o sentido crítico que temos agachado trala "dolce far niente" que nos impón a sociedade actual. Un libro para pensar e debater nas aulas e fóra delas.
O Día Nacional de Galicia, coñecido tamén popularmente como Día Nacional da Galiza, Día da Galiza, Día de Galicia, Día da Patria ou Día da Patria Galega, é a festa oficial do país galego, segundo decreto da Xunta de Galicia de 1979. Celébrase o día 25 de xullo, día da festividade do apóstolo Santiago o Maior. O Día Nacional de Galicia, coñecido tamén popularmente como Día Nacional da Galiza, Día da Galiza, Día de Galicia, Día da Patria ou Día da Patria Galega, é a festa oficial do país galego, segundo decreto da Xunta de Galicia de 1979. Celébrase o día 25 de xullo, día da festividade do apóstolo Santiago o Maior.
Durante a ditadura franquista, as sociedades galegas da emigración continúan esta convocatoria, e na Galiza o galeguismo concéntrase ó redor da tradicional misa por Rosalía de Castro na igrexa de Santo Domingo de Bonaval. Amais, durante esta época o día institucionalízase como festa oficial en toda España, baixo o nome de Día do Patrón de España, cun marcado carácter relixioso, aínda que trala transición deixou de ser oficial en todo o país.
En 1968 volveuse celebrar de novo, cunha manifestación na Alameda de Compostela. Serán o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG) os que se manifesten de forma clandestina para conmemorar o Día Nacional de Galicia que remataban con fortes enfrontamentos coa policía franquista, e coa entrada na democracia seguíronse a prohibir as manifestacións da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega) e BN-PG, xermes do actual Bloque Nacionalista Galego. Até mediados dos anos oitenta non foi permitida a manifestación do Día da Patria con normalidade democrática, sendo hoxe o acto máis multitudinario de todas as celebracións que teñen lugar o 25 de xullo na capital galega. Actualmente os diferentes partidos nacionalistas da Galiza seguen a convocar manifestacións para ese día, baixo a denominación de Día da Patria, nas cales fan reflexións no tocante á situación política galega.
O 25 de xullo celebrámo-lo día do noso país, unha data de fondo contido histórico que supón, en palabras de Castelao, "a festa maor de Galicia, a festa de todol-os galegos".
Para conmemorarnos esta data, Vieiros ven reproducindo dende o pasado 16 de xullo as proclamas publicadas no periódico A Nosa Terra, con motivo do Día de Galicia, no período comprendido entre 1920 e 1935.
O pasado 6 de xullo a CGENDL participou en Madrid na rolda de reunións que o Comité de Expertos da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) mantivo coa administración e diferentes institucións e colectivos do ámbito da defensa e promoción da lingua galega para avaliar o cumprimento da CELRM por parte do Estado español durante o período comprendido entre os anos 2006 e 2010. A Coordinadora considerou importante facer oír a voz dos equipos nese foro e trasladarlles aos representantes europeos a nosa análise sobre a situación do idioma no ensino. Podedes consultar o informe e o dossier de prensa presentados en:
O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado 04.06.2011, dedicar o Día das Letras Galegas 2012 aValentín Paz Andrade.
Valentín Paz Andrade foi un polifacético autor, cuxa obra abrangue os eidos literario, xornalístico, histórico e económico; ademais dun recoñecido activista do movemento galeguista. Presidiu o Grupo Autonomista Galego (1930), foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 e membro activo do Partido Galeguista.
Foi director do xornal Galicia e colaborou habitualmente nos xornais El Pueblo Gallego, Faro de Vigo e La Noche. Foi ademais un prolífico ensaísta e poeta, con títulos como, por exemplo, Galicia como tarea (1959) ou Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1985).
Nado en Lérez, Pontevedra 1898-Vigo 1987, exerceu como xurista, político e escritor galego. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en 1921. Introduciuse no mundo da literatura por medio do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade. Este último presentoulle a Castelao, que influiría de forma relevante na súa obra.
Canto á súa actividade política, pasou a formar parte do movemento galeguista e en 1919 participou na II Asamblea Nacionalista. Foi presidente do Grupo Autonomista Gallego (1930) e militante e secretario, desde 1934, do Partido Galeguista. Foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 e participou na redación do Estatuto de Galicia (1936).
Xa na época da Restauración Borbónica fixo parte da Xunta Democrática, da Comisión dos 10 e da Plataforma de Organizaciones Democráticas. Asimesmo, foi senador por Pontevedra pola Candidatura Democrática Gallega nas Cortes Constituíntes (1977-1978).
Grazas ao seu labor como xurista axudou, durante a Guerra Civil Española a moitos galeguistas a fuxir e defendeunos das penas que se lles imputaban. Foi desterrado a Verín, Castro Caldelas, A Pobra de Trives e finalmente a Badaxoz. Foi detido varias veces debido aos seus artigos e á súa orientación política.
A respecto da súa actividade xornalística, cómpre mencionar que foi director do xornal Galicia (1922-1926), colaborador da Gaceta de Galicia, publicou tamén artigos políticos en El Pueblo Gallego, ademais de no Faro de Vigo e no xornal La Noche. Alén disto, foi director da revista Industrias Pesqueras (1942).
Foi colaborador en O Ensino, Grial e Outeiro elaborando artigos literarios, nomeadamente sobre Castelao. Tamén redixiu artigos de carácter económico e político en El País, La Vanguardia e en Industrias Conserveras.
Foi un dos principais promotores e logo vicepresidente do grupo industrial Pescanova. Exerceu tamén como técnico da FAO. Debido a isto publicou o primeiro tratado sobre Principios de economía pesquera (1954).
Cómpre destacar o seu papel de escritor polifacético pois escribiu ensayos literarios, históricos e económicos, mostrando a súa preocupación polo progreso de Galicia, así como tamén redactou diversas obras especializadas en temas pesqueiros.
Porén, non só se dedicou ao ensaio, pois Valentín Paz Andrade formou parte, asemade, da Xeración poética de 1925 onde observamos unha importante orientación patriótica. Algunhas das súas obras poéticas son Pranto Matricial (1954), Sementeira do Vento (1968) e Cen chaves de sombra (1979). Tamén fixo algunha incursión pola narrativa coa obra inédita Soldado da morte (1921).
Como consecuencia de todo o seu labor, tanto xornalístico como literario foi galardoado en numerosas ocasións: en 1964 foi elixido membro da Real Academia Galega e da Academia Galega das Ciencias, recibiu o Pedrón de Ouro en 1975 e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1986), entre outros
Rematou o curso escolar e desde a CDEDLG de Vigo e bisbarra queremos agradecervos a tod@s a vosa participación, colaboración e valiosísima axuda nesta a nosa tarefa de divulgación de actividades en prol da promoción e uso da lingua de noso. Profesores e profesoras, que día a día adicaron un tempo para achegarse a este blogue, e perderon outro tanto en compartir as súas experiencias e informar para o ben común, espallando, de xeito altruista, o seu bo facer nas aulas entre os compañeiros e compañeiras doutros centros e bisbarras. A tarefa continúa o vindeiro curso, e contamos de novo con tod@s vós, pois só temos comenzado o vieiro, agora hai que facer camiño, e ainda o traxecto é longo na recuperación e dignificación da nosa lingua e do noso labor docente.
Aquí seguiremos, ao pé do ordenador, para recibir, distibuir e compartir con tod@s vós a información que queirades achegarnos desta realidade que facemos xunt@s, traballar a esgalla para que esta iniciativa de colaboración conxunta no traballo docente non esmoreza. Parabéns polo voso traballo! Grazas! e Felices vacacións a tod@s!
Adxuntámosvos actividades de promoción do uso da lingua de noso, promocionadas polo SNL do Concello de Vigo e que se desenvolverán de xullo a setembro. Animámosvos a participar, veredes como o verán é un bo momento para que os nosos cativos VIVAN EN GALEGO!
Este informe recolle o conxunto de relatorios breves sobre as actuais ferramentas tecnolóxicas existentes en galego e sobre novos produtos informáticos que se están a desenvolver nesta lingua presentados na xornada
Letras Galegas e Internet, que tivo lugar o 19 de maio de 2011 no Centro Multimedia de Galicia, en Santiago de Compostela.
Esta xornada informativa foi organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e coa Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia.
“Queremos transformar a nosa indignación colectiva en futuro para a lingua, en esperanza”. Así o aseguraba onte Tina Formoso, voceira da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que onte celebraron no Museo do Pobo Galego de Compostela os seus vinte anos de actividade e renderon homenaxe a Fernández Paz.