luns, 25 de xullo de 2011

IN VINO VERITAS


In vino veritas é un proverbio latino, cuxo significado podería traducirse como "no viño está a verdade". Tamén é coñecida a frase " ν ον λήθεια", procedente do grego, cuxo significado é o mesmo. A frase completa sería "In vino veritas, in aqua sanitas" ("No viño está a verdade, na auga a saúde")
O autor da frase latina é Cayo Plinio Cecilio Segundo, máis coñecido como Plinio o Vello, mentres que a frase grega atribúese a Alceo de Mitilene.
Esta frase volve á actualidade por ser o título da nova novela de Francisco Castro.
In vino veritas segundo Francisco Castro é unha novela “furiosa” na que o autor intervén nun diálogo directo co lector, facendo uso dun recurso estilístico de seu ao que nos ten acostumados noutras obras como Spam ou Memorial do infortunio. A novela está protagonizada por Xulio Míguez, un detective sen vocación, amargado, namorado e solitario, que recibe a encomenda de atopar un famoso adegueiro desaparecido nos ambientes do sadomasoquismo máis tétrico. Ao tempo que se desenvolve a intriga principal, a novela pescuda nos límites da convención social levando ao lector polos escenarios da burguesía cidadá, facendo fincapé na visión que esta clase social ten da realidade que nos rodea. O detective Míguez serve ao autor para sacar á luz algunhas das corruptelas da sociedade contemporánea, “na que os medios de comunicación e os intereses empresariais mestúranse cos baixos instintos”, e tamén para facer unha crítica aberta e realista dunha sociedade que adoece de valores críticos, e asiste impasible á imposición de novos valores impostos desde o poder político a través dos medios de comunicación de masas, case reconvertido no primeiro poder, e que transmite que os contravalores son os valores positivos que a nova sociedade debe desenvolver: non pensar, berrar, insultar, revolver nas miserias máis profundas dun ser humano, sexan certas ou non, faltar á verdade e ao rigor moral e xornalístico, asistir impasible ao “ todo vale para conseguir cartos doadamente sen traballar ”,  é dicir:  “ á parvura colectiva que o telelixo está a provocar nunha cidadanía durmida” e que Castro nesta novela trata de espabilar.

Recomendamos a súa lectura por mor de espertar o sentido crítico que temos agachado trala "dolce far niente" que nos impón a sociedade actual. Un libro para pensar e debater nas aulas e fóra delas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario