martes, 29 de marzo de 2016

PASEO POLO VIGO LITERARIO

A Concellaría de Normalización Lingüística e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizan este paseo polo Vigo literario O Vigo de "Cabalos e lobos"
Hora de saída: 11:30
Sábado, 9 de abril, paseo guiado por Fran P. Lorenzo
Saída da rúa Privada Moderna
Duración do paseo: 1 hora e 45 minutos
Para se inscribir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org, a partir do día 2 de abril (inclusive) dende ás 10:00
Inscrición por orde de chegada do correo. Prazas limitadas: 50
O roteiro ten no seu epicentro o edificio de Gran Vía n.º2, auténtico protagonista da novela Cabalos e
lobos, de Fran P. Lorenzo, Premio Blanco Amor 2014. O paseo, que atravesa os lugares desa ficción pero
que tamén pretende dialogar coa magoada memoria da cidade e dos seus espazos perdidos, partirá da
Privada Moderna, unha singular rúa, moi preto do Calvario, no vello límite do concello de Vigo e
Lavadores.
Desde aí, en menos de dez minutos, e cun alto previo no muro de Vía Norte, chegarémonos a Gran Vía
n.º 2, o fogar da familia Beckmann, os protagonistas de Cabalos e lobos, cabo da cicatriz invisíbel do
Scalextric. O arquitecto dese edificio, Francisco Castro Represas, e a súa obra racionalista serán tamén
algúns dos fitos deste paseo que atravesa por entre vellos cafés que non existen xa, refuxios
antiaéreos, teatros pantasma, cinematógrafos, polas rúas Urzaiz, con parada no vello Derby, a entrada
de Príncipe, Colón, Cine Fraga, a vella redacción do Faro de Vigo, Policarpo Sanz (Cable Inglés, Café
Colón), Casa Sanchón, a Porta do Sol no horizonte, o Teatro García Barbón, o Teatro Rosalía, Marqués de
Valladares, a Alameda (Editorial Galaxia) e As Avenidas, cabo do Bar Comercio, o Navy Bar de Manuel
Antonio.
Alí fronte ao Náutico e ao pé da Estación Marítima, fronteira do alén, remata o paseo de Cabalos e lobos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario