martes, 29 de marzo de 2016

OBRADOIRO DE IMPROVISACIÓN TEATRAL

A Concellaría de Normalización Lingüística vai levar a cabo un obradoiro de improvisación teatral, de 21 horas.
O teatro e a vida non están tan afastados como semella. Todos os días empregamos distintos recursos expresivos e amosamos aspectos da nosa personalidade diferente en función do contexto no que nos atopemos. Somos, dalgún xeito, actrices e actores das nosas vidas. Neste obradoiro tomaremos consciencia desta semellanza, trasladando eses recursos que utilizamos na nosa vida cotiá a un espazo ficcional. Atopando tamén nesa viaxe unha serie de principios propios do teatro. Bases específicas das artes
escénicas, que traballaremos dende un punto de vista eminentemente lúdico.
Por outra banda, empregaremos a creatividade teatral como recurso para fomentar a normalización da oralidade en galego como lingua de cultura e de ocio, para o que contemplamos dúas liñas de accións:
➢ Incorporación de textos da literatura dramática galega contemporánea
➢ Emprego da lingua como pauta nos xogos teatrais e nas improvisacións
O obradoiro será fundamentalmente práctico. Calquera concepto teórico desenvolverase a partir das problemáticas prácticas que xurdan no desenvolvemento das clases.
Este obradoiro está destinado a adolescentes ou persoas adultas non profesionais no eido das artes escénicas.
O obradoiro terá lugar os días 12, 19, 26 de abril; 3, 10, 24, 26 de maio, de 17:00 a
20:00, no Instituto Municipal de Educación (Camiño do Chouzo, 2).
Para se inscribir deben enviar un correo electrónico a actividades.snl@vigo.org, co seu nome completo e teléfono.
Normalización Lingüística / Praza do Rei

Ningún comentario:

Publicar un comentario