martes, 29 de marzo de 2016

MATERIAIS SOBRE MANUEL MARÍA

Estimados/as amigos/as,
Un curso máis, a CGENDL pon á disposición da comunidade escolar unha páxina monográfica que compila recursos e materiais sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, nesta ocasión o polifacético escritor Manuel María Fernández Teixeiro: http://coordinadoraendl.org/letras2016/.
Neste sitio web, que iremos actualizando constantemente, partillamos recursos didácticos que foron elaborados por docentes, ENDL e outros grupos de traballo dos centros escolares, institucións, asociacións, etc. Dende a CGENDL pretendemos novamente facilitar o voso labor nas aulas; por iso, agardamos que nos deades a coñecer os vosos materiais, propostas e experiencias a través de: correo@coordinadoraendl.org. Temos, ademais, un pedimento concreto: gustaríanos saber se nalgún centro estades traballando a obra teatral Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.
Por outra banda, a Coordinadora Galega de ENDL colabora, un ano máis, na organización dunha nova edición dos XVIII Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os días 14 e 15 de abril de 2016 no Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela). Neles, teremos a oportunidade de coñecer as últimas investigacións sobre os comportamentos lingüísticos da mocidade e os recursos dixitais xerados para a promoción do uso do galego. Nas seguintes ligazóns podedes consultar o programa e facer a vosa inscrición nos Encontros, que se cubrirá por orde de solicitude.

Ademais, igual ca na edición anterior, tanto como se vos inscribides como se non, a XVIII edición dos Encontros abre de novo a participación a través de dous grupos de Facebook: Encontros XVIII: Mocidade e Lingua e Encontros XVIII: recursos para a normalización. Neles poderedes tomar parte activa na reflexión e nas propostas de acción e nós, como Coordinadora de ENDL, animámosvos a achegar o voso gran de area e introducir todas as cuestións que desde o ámbito do ensino non universitario vos parece que se deben debater. Isto cobra sentido e pode dar resultados só coas achegas de toda a xente que se move no ámbito da normalización da lingua  galega, por iso vos animamos a participar.

Saúdos normalizadores
Consello Directivo en funcións
CGENDL

Ningún comentario:

Publicar un comentario