Dende o Consello Directivo da CGENDL estamos a preparar un acto de visibilidade pública do traballo dos ENDL ao longo de todos estes anos. Nel, queremos mostrar varias montaxes de video, que despois serán colgadas na web, onde se recolla unha mostra o máis variada e representativa posible do labor feito nos Equipos ao longo de todo o tempo que levamos traballando nos centros de ensino.
Por iso, pedímosvos que nos envíedes todo o material que teñades desde as orixes do voso equipo e do que queirades presumir diante do mundo (desde portadas de revistas, videos, fotos, música feita polo alumnado, trípticos, programas de actividades, noticias das vosas actividades que saíran en prensa...). Agradecemos que mandedes todo o que poidades dixitalizado, se non vos é posible, mandádeo no formato que teñades (devolveremos todo o que nos indiquedes). Tamén nos aforraredes traballo se xa nos enviades os materiais seleccionados: as mellores fotos das actividades, a mellor portada, os minutos nos que está o máis interesante do vídeo...
Para facilitar o traballo de selección, pedímosvos encarecidamente que no propio correo enviedes unha relación descritiva do material enviado na que se indique: nome/título da actividade, o centro e a data na que se celebrou (ano). Exemplo:
· Concurso de cartaces para a defensa e promoción do Galego, CEIP Rías Baixas,
curso 2010-2011.
Igualmente, os arquivos anexados deben nomear a actividade e o centro que o envía.
Exemplo:
· revista_anosavoz_cpicuntis
POR FAVOR, revisade nas vosas gabetas, nos vosos arquivos, e enviádenos ao enderezo electrónico todos aqueles testemuños das actividades que realizastes ao longo destes anos. Se tedes algún material valioso sen dixitalizar (sobre todo o máis antigo) facédenolo chegar fisicamente que o facemos nós. É importante que os materiais dixitalizados teñan boa resolución, feito que se cadra leva a que pese moito para enviar por correo electrónico. Se é así, gravádeo nun DVD e enviádeo tamén por correo postal ao seguinte enderezo:
EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA
CPI Aurelio Marcelino Rey García
Rúa José María Lastra, 3, s/n
36670 Cuntis
Así mesmo, neste mesmo acto tamén queremos facer un recoñecemento ao labor feito por AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ no ámbito da normalización no ensino, polo que vos pedimos que nos enviedes fotos de visitas súas aos vosos centros, opinións do alumnado sobre as súas charlas, escritos do alumnado comentando o que supuxo para eles a lectura dos seus libros...
A data límite para que poida ser incluído é o DÍA DAS LETRAS GALEGAS.
Difundídeo entre todos os EDLG e docentes que colaboran ou colaboraron nos equipos.
Saúdos a todas/os.
CGENDL
http://www.coordinadoraendl.org
correo@coordinadoraendl.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario