venres, 7 de febreiro de 2014

LIBROS PARA SOÑAR. LIBRARÍA ESPECIALIZADA EN LITERATURA INFANTIL E XUVENIL.

A NARRADORA BEA CAMPOS IMPARTE ESTE MES UN CURSO DE CONTACONTOS PARA ADULTOS
LIBROS PARA SOÑAR vai acoller a celebración dunha nova edición do curso de contacontos para adultos que imparte a actriz e narradora Beatriz Campos. Será do 17 ao 21 deste mes de febreiro de 10:30 a 13:30 horas pola mañá, ou de 17:00 a 20:00 horas pola tarde, ofrecéndolles ás persoas interesadas a posibilidade de escoller entre a quenda matinal ou a vespertina. Está dirixido a educadores e docentes, bibliotecarios, mediadores de lectura, xestores culturais e público en xeral.
As sesións vanse dividir en tres partes: comezarán cunha clasificación dos álbums ilustrados por idades, atendendo á súa temática e formato, con mostras dos materiais que se atopan actualmente no mercado.
Tamén se tratarán pautas sobre como organizar unha sesión de contacontos en función dos intereses e das expectativas do público, segundo sexan bebés, nenos ou maiores. Nesta sección atenderase especialmente a recuperación e a posta en valor da tradición oral e do cancioneiro popular, así como o legado cultural co que medraron e se formaron as xeracións pasadas.
Finalmente, a través de xogos de expresión e de exercicios de relaxación, abordaranse as técnicas para aprender a contar; presentaranse e analizaranse as fases de preparación dunha sesión de contacontos.
Bea Campos é licenciada en Arte Dramática. Está vencellada ao teatro dende moi nova a través da compañía Migallas, coa que representou diversas obras e interviu en actividades infantís como o programa “Á procura do tesouro”, que se desenvolve no Concello de Pontevedra. Traballou no equipo de animación á lectura de KALANDRAKA realizando sesións de contos e música en escolas galegas, librarías, bibliotecas e centros culturais. Colabora cos grupos Inversa Teatro, Arela das Artes, Matreska Teatro e Triatreros.
Nos últimos anos -xunto co actor e músico David González- realiza a sesión de bebés “Entre arrolos e contiños”. Ademais, protagoniza a sesión de narración oral “Contos nas orellas” que se representa por toda Galicia e coa que estivo de xira por Latinoamérica, onde participou como narradora no III Festival de las Artes Escénicas Gran Caribe. Participa en espectáculos de improvisación e foi intérprete no documental “Pelo Gato 24”. Imparte clases a grupos de teatro afeccionado e cursos de formación en expresión oral e narración para o profesorado.
Xa está aberto o prazo de inscrición para este curso de contacontos, cun custe de 35 euros (30 € no caso de estudantes e desempregados).

LIBROS PARA SOÑAR: Triunfo, 1. Vigo | Tlf. 986 43 37 68 | lps@kalandraka.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario