venres, 7 de febreiro de 2014

ACTOS POLO " DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO"

O Pleno do Concello de Vigo, en sesión ordinaria do vinte e sete de febreiro de 2012 aprobou, por unanimidade, declarar o 24 de febreiro como “Día de Rosalía de Castro no Concello de Vigo”.
Como consecuencia da dita declaración o concello organiza diferentes actividades para difundir o coñecemento da escritora, da súa obra e do seu papel sobranceiro no Rexurdimento galego, e do galego.
A Concellaría de Normalización Lingüística, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, organiza o
LUNS 24 DE FEBREIRO ÁS 12.00 H, NO AUDITORIO MUNICIPAL (praza do Rei) unha CONFERENCIA do profesor FERNANDO PEREIRA BUENO, autor do libro "Rosalía de Castro. Imaxe e realidade", sobre a ICONOGRAFÍA DA POETA.DIRIXIDA AO ALUMNADO DE 3.º e 4.º da ESO e BAC.
É este o primeiro estudo iconográfico dedicado a Rosalía de Castro. Nel analízanse algunhas das interpretacións que da imaxe e do espírito da poeta fixeron as e os artistas plásticos en diferentes épocas. O estudo de todo este material icónico contribúe a que Rosalía permaneza no tempo e alcance maior visibilidade e popularidade.
Ao remate, achegarémoslles aos centros participantes un exemplar do citado libro. Asemade, comunicámosvos que na TARDE do luns 24, a partir das 17.30 horas e até as 19.30, na CASA GALEGA DA CULTURA, haberá unha LECTURA ININTERROMPIDA DE POEMAS DE ROSALÍA DE CASTRO.
Remata este acto coa conferencia de FERNANDO PEREIRA BUENO sobre a ICONOGRAFÍA DE ROSALÍA DE CASTRO.
De quererdes participar co voso alumnado na lectura podedes comunicárnolo por correo electrónico (ofi.normalizacion@vigo.org) para organizarmos o acto. Precisariamos saber que número de alumnos/as poden asistir, e hora de chegada para leren.
Este acto está organizado xunto coa Universidade de Vigo, o que nos permitirá contar con “Erasmus” e deste xeito darémoslle voz a Rosalía en diferentes linguas.
Se considerades que algún ou algunha alumna do voso centro pode participar nesta lectura con poema(s) en diferentes linguas, podedes tamén indicárnolo.
Moitas grazas pola vosa colaboración que nos permite poder levar a cabo estas e outras moitas actividades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario