sábado, 4 de maio de 2013

PROXECTOS LINGÜÍSTICOS DE CENTRO:OS IES DE TEIS E DE CHAPELA E O CPR NS ESPERANZA.

Comezamos cunha pequena escolma das ponencias que fixeron os centros participantes nas I Xornadas de Formación e Intercambio de experiencias de Dinamización Lingüística no Ensino que tiveron lugar en Vigo.
A primeira a do IES de Teis, exposta por Pilar Alonso, Coordinadora do Equipo, unha idea ben sinxela de por en marcha e moi vistosa, a partir de fotocopias con letras en grande o alumnado recorta as letras por grupos ou parellas e vai compoñendo o poema " Negra sombra" de Rosalía de Castro polas escaleiras do centro, - dous versos por grupo-, chamando a atención do resto do alumnado e profesorado sobre o tema e a lingua.O centro permanece decorado uns días e o poema está presente na mente de tod@s. Podemos facer o mesmo con calquera poema.
Cun simple teléfono móbil e unha perruca, o alumnado pode gravar, como se fixo neste centro, un movie sobre calquera pequeno relato, neste caso fixéronno sobre " A orella dereita de
Antón Leivas" de Álvaro Cunqueiro rodado nos exteriores do instituto e na casa dun alumno, simplemente o video subiuse a youtube e listo, exposto para todo o centro. O interesante destas experiencias e a sinxeleza das mesmas e os poucos recursos que son mester para dinamizar o uso da lingua entre o alumnado que ten que facer o esforzo de empregar a lingua de noso para levar a cabo as actividades, falar, redactar, escribir, relatar... divertíndose. Outro xeito é dramatizar relatos extraídos do libro de texto empregando distintos rexistros e niveis de uso da lingua, pódese gravar e expoñer ao resto do centro, cabe salientar que, normalmente, a primeira experiencia, sen preparación e atrezzo é a máis valiosa, polo que ten de espontánea.
O pasado curso o IES de Teis e o CPR NS Esperanza, participaron nun proxecto denominado " Cantiga Amiga", promovido polo SNL do Concello de Vigo e dinamizado por Brais Fernández, de Xandobela, desa experiencia individual saíu un traballo conxunto de ámbolos dous centros que tivo lugar o derradeiro día de fin de curso. A experiencia consistiu na presentación dunha cantiga de amigo ao xeito actual e os dous centros xuntaron a algúns alumnos para que realizaran un video promocional conxunto, todo se fixo nunha mañá, con alumnos que non se coñecían, os alumnos cantaron e rapearon unha cantiga composta no NS Esperanza a xeito medieval e musicada polo IES Beade. Toda unha experiencia que vos deixamos nos enlaces de seguido para que vexadas a interacción do alumnado arredor dunha actividade dinamizadora da lingua.  https://www.youtube.com/watch?v=1SRJNWTKpMk

Aquí vos deixamos tamén o video do NS Esperanza: https://www.dropbox.com/s/e4kpux2owprhxya/TRABAJO%20TERCERO%20ESO.wmv?

O Equipo do IES Chapela é unha reunión aberta onde participan alumnos e profesores, trabállase a través de ideas e xúntanse nos recreos, a súa máxima é xerar espectación con anuncios vistosos, anuncian todo con carteis e megafonía. Unha das experiencias que nos presentaron se denomina: "Feiras de troco" que consiste no intercambio de agasallos a través de vales en datas sinaladas: Nadal, intercambio de agasallos, Entroido, intercambio de obxectos e disfraces e Letras galegas, intercambio de libros e cds en galego.
Tamén realizan un proxecto que se titula " Xoves con música" que consiste na realización de videoclips en galego que son votados ata escoller ao gañador e despois expostos no programa " Planeta furancho" que se emite na radio galega.
Realizan miniseries para as que preparan os castings, libretos, atrezzos... aquí vos deixamos exemplos destes traballos.
E tamén da rapgueifa , a combinación de rap e regueifa que realizan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario