A Coordinadora Galega de ENDL puxo en marcha unha modesta iniciativa co fin de levar tamén a lingua a un ámbito, as felicitacións de Nadal, no que ocupa un lugar secundario, especialmente no terreo comercial. Esta actividade procura espallar -a través da rede por todo o mundo- as felicitacións de nadal que elabora o alumnado dos centros escolares.
Como podedes participar?
· Trátase de recoller nesta páxina as postais que elaboran os alumnos e alumnas para os concursos escolares ou para as aulas. Neste espazo disponse da posibilidade de enviar algunhas destas imaxes para felicitar o Nadal e o Aninovo, de xeito dixital, a través delas. Seleccionarase unha mostra significativa e o usuario que se achegue á páxina poderá engadir o texto que considere e enviar as súas felicitacións por medio da rede.
· Para seleccionar as postais, terase en conta a presenza de texto en galego e mesmo lemas de fomento de uso da lingua. Os traballos non seleccionados ficarían igualmente expostos no espazo habilitado no web.
· Nas postais figurará o nome do/a alumno/a que a deseñou e o centro ao que pertence.
· Cada centro só poderá enviar un máximo de 4 traballos, un por cada ciclo educativo no caso dos centros de Infantil e Primaria.
· É preciso que acompañades a postal dun permiso expreso (por parte dos pais do alumno/a e tamén do centro) que autorice á CGENDL a usala e difundila.
Ata cando?
· O prazo de recepción de postais rematará o venres 17 de decembro.
Poden participar persoas que non sexan docentes ou alumnos/as?
· Se tes un deseño ou unha proposta que partillar con nós, coa comunidade educativa e con todo o mundo podes dirixirte a correo@coordinadoraendl.org
Saúdos normalizadores
Consello Directivo
Coordinadora Galega de ENDL
Ningún comentario:
Publicar un comentario