luns, 19 de febreiro de 2018

PASEO LITERARIO POLO VIGO DE ROSALÍA

En Santiago de Compostela, no Camiño Novo (hoxe Rosalía de Castro), nacía o 24 de febreiro de 1837 María Rosalía Rita, figura sobranceira das nosas letras, do noso renacer como pobo, feminista, intelectual e defensora da terra e lingua de noso.
O Concello de Vigo proclamou o 24 de febreiro como Día de Rosalía na nosa cidade (na que viviu e publicou "Cantares Gallegos").
A Concellaría de Normalización Lingüística vai levar a cabo un paseo literario Polo Vigo de Rosalía, guiado por Xurxo Martínez González:
Día: 24 de febreiro (sábado)
Punto de encontro/saída: oliveira do Paseo de Alfonso XII ás 11 horas
Non é necesaria inscrición previa.
Vigo da man de Rosalía de Castro polo Casco Vello de Vigo levaranos a coñecer a cidade no século XIX, os cambios sociais e políticos producidos tras a Reconquista.
Valoraremos o esforzo dunha elite intelectual viguesa que se ofreceu á cultura; descubriremos os lugares concretos das persoas que tiveron relación directa coa publicación de "Cantares gallegos".
Pasearemos polas prazas do Peñasco e da Constitución, polas rúas Chao, Real, Oliva... Deterémonos diante da imprenta de Compañel, da biblioteca pública, da imprenta do Faro de Vigo, da sede do goberno provincial...
Un paseo polo Vigo dos nosos devanceiros que nos axudará a completar o relato de cidade traballadora e industrial xa que Vigo tamén foi, e é, cidade cultural.
PERCORRIDO DO PASEO LITERARIO: POLO VIGO DE ROSALÍA 
Non cómpre inscrición previa Vigo da man de Rosalía de Castro polo Casco Vello de Vigo levaranos a coñecer a cidade no século XIX, os cambios sociais e políticos producidos tras a Reconquista; valorar o esforzo dunha elite intelectual viguesa que se ofreceu á cultura; descubrir os lugares concretos das persoas que tiveron relación directa coa publicación de Cantares gallegos; saber que na rúa Real Juan Compañel mantiña a imprenta do Rexurdimento... 
Un paseo polo Vigo dos nosos devanceiros que nos axudará a completar o relato de cidade traballadora e industrial xa que Vigo tamén foi, e é, cidade cultural. 
PUNTOS DE INTERESE: OLIVEIRA PRAZA DO PEÑASCO: falaremos sobre a importancia do movemento industrial; o desenvolvemento da burguesía, os cambios arquitectónicos que se ían producindo daquela... 
RÚA CHAO: darase a coñecer a relación da familia Chao con Vigo e con Rosalía de Castro. A importancia dos irmáns Chao, sobre maneira de Alejandro Chao... 
RÚA REAL: faremos dúas paradas; unha diante do que foi a sede da provincia de Vigo. O que nos levará a falar sobre o significado que tivo sermos provincia e a súa relación coa chegada a Vigo da imprenta. E xa daquela, da relevancia cultural do Vigo do momento. A seguinte será diante da imprenta de Compañel, onde falaremos da Rosalía dos Cantares. 
RÚA OLIVA: fronte onde estaba a imprenta de Faro de Vigo, local de Ángel Lema. 
BIBLIOTECA JUAN COMPAÑEL, sede do antigo Casino de Vigo. A importancia do seu presidente, mecenas de Rosalía de Castro, por ter posto os cartos para que houbese a imprenta de Compañel en Vigo. Relevancia do Casino. 
PRAZA DA CONSTITUCIÓN, onde estaba a botica de José María Chao. Sobre o movemento cultural, social e político que se producía na rebotica. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario