domingo, 3 de febreiro de 2013

O FALAR NON TEN CANCELAS.... OU SI?

A CGENDL organizou onte o 'III Encontro de equipos e docentes pola normalización', que reuniu en Santiago de Compostela a máis de 80 docentes para reflexionar e compartir experiencias sobre a oralidade en lingua galega no ensino, ante as nefastas consecuencias do Decreto do Plurilingüismo aprobado pola Xunta de Galicia, que reduce os ámbitos de uso do idioma na escola. O III Encontro de equipos e docentes pola normalización reuniu en Santiago a equipos e docentes implicados na normalización lingüística, e xirou ao redor da necesidade de promocionar a oralidade no ensino no marco dunha metodoloxía comunicativa que reforce a competencia do alumnado na lingua galega. A CGENDL tenta, deste xeito, aminorar as nefastas consecuencias do polémico Decreto do Plurilingüismo aprobado pola Xunta de Galicia e que vén de ser invalidado nos seus artigos fundamentais polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Decreto 79/2010 está provocando unha diminución importante dos espazos de uso do galego no ensino, o que afecta, xa que logo, á competencia oral do alumnado nesta lingua. O director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, abriu a xornada co relatorio “O falar non ten cancelas… ou si? Sobre a necesaria promoción da oralidade en galego”. Posteriormente, houbo dúas roldas simultáneas de obradoiros nos que diferentes docentes e profesionais vinculados á educación achegaron experiencias e proxectos que potencian o uso oral da lingua nas aulas a través da literatura oral, dos clubs de debate ou do traballo dende a propia educación infantil. Este foro de intercambio tamén contou cun espazo de exposición dos traballos e materiais elaborados nos centros escolares no ámbito da normalización. Finalmente, presentouse o II Premio de Normalización Lingüística LEIXAPRÉN, que este ano se centra no ámbito deportivo, así como o número 4 de Ollos de Aula, a revista da CGENDL para as familias do alumnado, e o 1º número da revista dixital A letra miúda, orientada á formación sociolingüística do profesorado e á difusión de estratexias e proxectos de promoción do idioma. Tomado de " Galicia Confidencial"

Ningún comentario:

Publicar un comentario