xoves, 10 de xaneiro de 2013

NOVIDADES ED. XERAIS

Co inicio do ano Xerais anuncia a publicación das primeiras novidades de 2013 das coleccións Narrativa, Crónica, Fóra de Xogo e Sopa de Libros.
O 15 de xaneiro chegará ás librarías O gardián invisible, a agardada novela de Dolores Redondo
Meira, escritora vasca de ascendencia galega. Xerais ten o orgullo de participar nun fito literario sen precedentes, xa que neste mes de xaneiro a novela de Redondo será  publicada de forma case simultánea en trece linguas: francés, alemán, inglés, turco, castelán, italiano, catalán, portugués do Brasil, noruegués, holandés, euskera, grego e galego. Están xa vendidos os dereitos cinematográficos a Nadcon Films para unha película que vai ser dirixida por Peter Nadermann. Unha autora que se perfila como a autora europea do ano.
Na semana do 21 de xaneiro chegará ás librarías Costa do Solpor, a primeira novela de Xosé Mª Lema, veterano lexicógrafo e doutor en Historia da Arte. Finalista do Premio Xerais 2011, Costa do Solpor é unha novela clásica de aventuras de mar e de terra, ambientada na Galicia de mediados do século XVIII. A narración comeza cun manuscrito onde un descoñecido escritor británico de finais do século XIX narra as peripecias da viaxe de volta dunha misteriosa goleta inglesa cargada cun fabuloso tesouro. Tras unha cruenta loita cuns piratas nunha illa atlántica, a goleta regresa ao punto de partida, o porto de Bristol, pero unha tormenta obrígaa a buscar refuxio nunha ría da Costa do Solpor. Batallas navais, abordaxes, tétricas escenas de terror e tenras de amor, senlleiros personaxes lendarios e reais conforman a iconografía dunha novela de máis seiscentas páxinas que descubre ao público galego un narrador de estirpe.
Tamén na terceira semana de xaneiro, tras máis dun ano de edición, aparecerá Amada liberdade, as memorias do tradutor, escritor e intelectual Fernando Pérez-Barreiro Nolla epilogadas pola súa compañeira Teresa Barro. Cunha prosa áxil e profunda, o autor desenrola o nobelo da súa vida partindo dos anos da infancia en Ferrol e Viveiro para enlazar coas experiencias en Santiago de Compostela, Madrid, A Coruña e finalmente en Londres, onde desenvolveu a súa vida profesional como redactor e locutor da BBC.  Dende unha postura singular e non exenta de polémica, Pérez-Barreiro ofrece unha interesante reflexión filosófica, cultural e política da situación en Galicia durante a última metade do século XX.  Unha obra chamada abrir un amplo debate no galeguismo.
Na semana do 15 de xaneiro chegarán ás librarías as primeiras novidades da colección Fóra de Xogo as novelas Nubes de evolución de Andrea Maceiras e O Códice do Santo Lugar de Pere Tobaruela.
Xa na derradeira semana de mes publicaranse dous títulos da colección infantil Sopa de Libros: O capitán Aspanitas e o misterio das Burgas de Ramón Caride e Jaime Asensi e Cidades de Fran Alonso.
No eido da edición en e-book, a fins do mes de xaneiro tres novos títulos engadiranse a actual oferta en formato kindle para Amazon: Os fillos do mar de Pedro Feijoo, Asasinato no Consello nacional de Diego Ameixeiras e Ninguén de Fran Alonso.
Tamén ao longo do mes de xaneiro, distribuirase por centros escolares e bibliotecas o calendario Xerais 2013 dedicado a conmemorar o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.
Neste días Xerais convoca a 30ª edición Premio Xerais de Novela dotado con 15.000 euros e a 28ª edición Premio Merlín de Literatura Infantil dotado con 10.000 euros. Na web de Xerais están xa publicadas as bases dos dous premios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario