sábado, 6 de outubro de 2012

OPS: A NOSA VANTAXE/ A NOSSA VANTAGEM

- Ops: a nosa vantaxe / a nossa vantagem

Ops! é un obradoiro para lle mostrar ao alumnado dos centros de ensino de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional que o galego é:
- Unha entrada privilexiada para acceder ao mundo en portugués
- A nosa vantaxe competitiva no cadro español e europeo
A Concellaría de Normalización Lingüística achégalles esta actividade aos centros de ensino para compartirmos esta vantaxe que posuímos as e os galegofalantes, mais tamén coñecedora de que a maioría do noso estudantado apenas ten contacto coa lingua e cultura portuguesas.
Descoñecemos, non valoramos a lingua que temos máis preto, a lingua compartida, e lingua que é hoxe en día a sexta máis falada no mundo; oficial en 4 continentes e 8 países, sendo un deles Brasil, potencia emerxente.
A lingua galega ten no portugués unha ferramenta para afianzarse, valorarse e así... normalizarse. Sabendo galego, achegámonos aos falantes de portugués, a novos mercados, posibilidades, intercambios, cultura... Temos, pois, moito que gañar.

Duración: 100 minutos

Dirixido a: alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP, (hai que indicar o curso)
Lugar de realización da actividade: no propio centro de ensino
Necesidades técnicas: unha sala con proxector e pantalla para poder mostrar a presentación e os sitios web, así como un reprodutor de música e conexión a internet (de ter algunha dúbida sobre o desenvolvemento desta actividade, poden poñerse en contacto con Noemi Pinheira 699 486 282).
Contidos:
1.- Temos moito que gañar
Mostrar a vantaxe competitiva da Galiza en relación á Lusofonía
Mostrar o que a Lusofonía representa en termos xeográficos, culturais e
económicos
Tomar consciencia do que sabemos e descoñecemos respecto aos países que falan portugués
Mostrar o que a poboación galega ten a gañar sabendo portugués
2.- Ler está ao alcance do teus ollos (ortografía)
Mostrar que as palabras e as letras poden ser lidas de distintas formas
Mostrar como se len á galega as letras do alfabeto portugués non presentes na ortografía da lingua galega

Entre as unidades 2 e 3 xogaremos a preencher buracos na letra dunha canción brasileira.
3.- Sabemos moito mais non nos debemos confiar (léxico e gramática)
Mostrar a nosa vantaxe competitiva en termos de comprensión escrita (gramática e léxico)
Mostrar que a maioría do léxico é común
Advertir das dificultades léxicas: sinónimos, falsos amigos, palabrar modernas, anglicismos
4.- Podes aprender ti mesmo(a)
Fornecer recursos para os alumnos e alumnas seren autónomos na aprendizaxe
Fornecer recursos culturais (música, cinema, xornais, ebooks, xogos) para que se mergullen no mundo do portugués
O/a relator/a exprésase en portugués de Portugal ou de Brasil, indistintamente.
Utilízanse presentacións en Office Impress, Internet, música e audio-visual.
Para máis información poden consultar o site web ops.agal-gz.org/


Para solicitar a actividade é necesario enviar cuberta, a solicitude que se achega, o día 15 de outubro.
As solicitudes atenderanse por estrita orde de chegada o 15 de
outubro a partir das 9:00 h (a.m.)
Importante: non poderán concorrer a esta actividade os centros de ensino que xa participaron nela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario