sábado, 30 de abril de 2011

EXPOSICIÓN " LOIS PEREIRO" . VERBUM.

 O vindeiro 12 de maio co gallo da celebración do Día das letras Galegas 2011, o Verbum – Casa das Palabras inaugura a exposición Lois Pereiro. Lírica Punk.

Lírica Punk, non é unha exposición ao uso, Lois Pereiro, tampouco foi un poeta ao uso. A súa obra compón un universo creativo singular, unha cartografía da emoción humana na que o poeta teceu as súas vivencias persoais cos fíos da cultura universal. Un territorio inquietante, que invita a ser explorado. Para facelo, construímos un camiño de entrada, a través dunha metáfora tan presente na vida do poeta como a do tren. En cada parada, atoparedes referentes, linguaxes, temas, símbolos e imaxes que vos achegarán á vida e á obra de Lois Pereiro... Convidámosvos a comezar con nós esta viaxe.

A súa imaxe é un resumo perfecto dos complicados anos 80, o punk, o pop, a apertura ás influencias europeas, a renovación da poesía galega, a colza, a droga, todo un rosario de elementos que caracterizaron unha xeración completa de Galicia.

Dende o Departamento Educativo de Verbum - Casa das Palabras animámosvos a participar nas visitas comentadas organizadas ao redor da exposición.

Datas: do 18 de maio ao 26 de xuño de 2011
Destinatarios: Educación secundaria e bacharelato
Temporización: 45 min
Información e reserva: Tf. 986 240 130 ou en verbum@vigo.org
Entrada de balde

Ningún comentario:

Publicar un comentario