mércores, 8 de outubro de 2014

Ops: a nosa vantaxe / a nossa vantagem

Ops! é un obradoiro para lle mostrar ao alumnado dos centros de ensino de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional que o galego é:
- Unha entrada privilexiada para acceder ao mundo en portugués
- A nosa vantaxe competitiva no cadro español e europeo

A Concellaría de Normalización Lingüística achégalles esta actividade aos centros de ensino para compartirmos esta vantaxe que posuímos as e os galegofalantes, mais tamén coñecedora de que a maioría do noso estudantado apenas ten contacto coa lingua e cultura portuguesas.
Descoñecemos, non valoramos a lingua que temos máis preto, a lingua compartida, e lingua que é hoxe en día a sexta máis falada no mundo; oficial en 4 continentes e 8 países, sendo un deles Brasil, potencia emerxente.

A lingua galega ten no portugués unha ferramenta para afianzarse, valorarse e así... normalizarse. Sabendo galego, achegámonos aos falantes de portugués, a novos mercados, posibilidades, intercambios, cultura... Temos, pois, moito que gañar.

Duración: 100 minutos

Dirixido a: alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP, (hai que indicar o curso)

Lugar de realización da actividade: no propio centro de ensino. No caso de que o obradoiro non se realice na súa aula habitual (onde o alumnado ten as súas cousas) deben levar para o obradoiro algo para escribir: bolígrafo, lapis, libreta...


Necesidades técnicas: unha sala con proxector e pantalla para poder mostrar a presentación e os sitios web, así como unha saída de son dun computador e conexión a internet (de ter algunha dúbida sobre o desenvolvemento desta actividade, poden poñerse en contacto con Loaira 633 82 54 10).

Contidos:

1.- Temos moito que gañar
    Mostrar a vantaxe competitiva da Galiza en relación á Lusofonía
    Mostrar o que a Lusofonía representa en termos xeográficos, culturais e económicos
    Tomar consciencia do que sabemos e descoñecemos respecto aos países que falan portugués
    Mostrar o que a poboación galega ten a gañar sabendo portugués
2.- Ler está ao alcance do teus ollos (ortografía)
        Mostrar que as palabras e as letras poden ser lidas de distintas formas
        Mostrar como se len á galega  as letras do alfabeto portugués non presentes na ortografía da lingua galega

Entre as unidades 2 e 3 xogaremos a preencher buracos na letra dunha canción brasileira.

3.- Sabemos moito mais non nos debemos confiar (léxico e gramática)
           Mostrar a nosa vantaxe competitiva en termos de comprensión escrita (gramática e léxico)
          Mostrar que a maioría do léxico é común
         Advertir das dificultades léxicas: sinónimos, falsos amigos, palabrar modernas, anglicismos

4.- Podes aprender ti mesmo(a)
      Fornecer recursos para os alumnos e alumnas seren autónomos na aprendizaxe
       Fornecer recursos culturais (música, cinema, xornais, ebooks, xogos) para que se mergullen no mundo do portugués

O/a relator/a exprésase en portugués de Portugal ou de Brasil, indistintamente. Utilízanse presentacións en Office Impress, Internet, música e audio-visual.

Para máis información poden consultar o site web ops.agal-gz.org/


Para solicitar a actividade é necesario enviar cuberta, a solicitude que se achega, o día 13 de outubro.

As solicitudes atenderanse por estrita orde de chegada o 13 de outubro a partir das 9:30 h e ata as 14:00 h


Importante: os obradoiros concederánselles, en primeiro lugar, aos centros de ensino nos que a actividade non foi impartida o pasado curso escolar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario