venres, 18 de maio de 2012

QUE PLURILINGÜISMO QUEREMOS? CDEDLG DE VIGO, CGENDL

  Unha imaxe: a de tres irmás que a pesar do seu peso reciben exactamente a mesma ración de comida diaria. Unha delas, a única filla biolóxica, está moi delgada, débil e non serve para traballar porque non ten forza; outra, medio-irmá, está bastante máis vigorosa pero é útil unicamente para a realización de certos traballos; a última, filla adoptada, é grande, forte e goza dunha férrea saúde polo que é a requirida para os traballos importantes. Se os seus pais dan a todas a mesma ración de comida, que ocorrerá? NADA. Velaí o problema. Co tempo, todos verán a filla máis débil como un estorbo que non serve para nada e pode ata que a deixen morrer. Paradoxal, que dúbida cabe!, sendo ela a única filla de dereito. Pois ben, así actuaron os nosos políticos, decidiron alimentar unicamente ás fortes e denominárono "plurilingüismo". Do mesmo xeito que no caso anterior, a filla máis débil está destinada a morrer pero, neste caso, decidiuse asestarlle o golpe definitivo defendendo que supón un risco para a súa medio-irmá que, sen dúbida, se puidese consumir a comida da desaparecida sería moito máis forte. Namentres, a filla adoptada, aproveitando esta absurda discusión, come a ración das súas irmás deixándoas moribundas. A máis débil, á que só quedan migallas, pode que non dure moito. A súa medio-irmá é posible que sobreviva pero a súa saúde resentirase. Ao final, de tres irmás só unha servirá para algo. Non sería mellor repartir a comida en función do estado de saúde de cada unha delas e lograr así, tres fillas fortes útiles para realización de calquera traballo?
Que temos agora?
Centros plurilingües que botaron a andar sen atender ao contexto sociolingüístico no que se encontran e sen planificación adecuada.
Alumnado que non adquire as competencias básicas nin as competencias lingüísticas propostas polo Marco Europeo Común de Referencia.
Alumnado que non lle saca rendibilidade á súa condición de bilingüe nativo.
Alumnado que accede a unha lingua estranxeira cando aínda non ten asentada a súa lingua inicial, nin a outra lingua da comunidade.
Profesorado sen formación suficiente (a titulación B2 ou a especialización de inglés de CCs de educación non abonda).

Prexuízos graves desta situación Peor formación xeral do alumnado e aumento do fracaso escolar. O alumnado bo segue as clases pero non entenderá moitos conceptos e o alumando menos bo nin segue as clases nin percibe os conceptos. Discriminación da maioría do profesorado que non pode participar no concurso de traslados paralelo que privilexia a quen participa neste programa.


Que queremos? Plurilingüismo, pero inclusivo e con equidade.
Como se consegue? Co Tratamento Integrado de Linguas (TIL).
O TIL non é:
un reparto de linguas por materias.
aprender só inglés e castelán.
memorizar palabras e deixar de aprender contidos.
O TIL é:
Aprender realmente moitas linguas pero partindo das dúas existentes na comunidade. Non se pode abandonar unha delas para aprender outra de fóra.
Partir dun enfoque comunicativo (ten que ter sentido o uso da lingua. O alumnado aprende linguas para usalas).
Explotar as estratexias de transferencia de linguas: conseguir desde a lingua propia saber como se xestionan as outras.
Facer unha planificación conxunta para traballar as linguas de forma relacionada.
Adquirir competencia plurilingüe e intercultural, cunha gradación do dominio das diferentes linguas.
Conseguir acordos e complicidades entre o profesorado e as familias. Cada lingua que aprendemos non pasa a ocupar un oco no noso cerebro, senón que temos unha competencia subxacente común desde a que somos capaces de xestionar as linguas que aprendemos [J. Cummins]
Se queres + información: www.coordinadoraendl.org/plurilinguismo/index.html

domingo, 13 de maio de 2012

COPITO DE NEVE

17 DE MAIO: DÍA DAS LETRAS GALEGAS: VALENTIN PAZ ANDRADE.

http://www.coordinadoraendl.org/letras2012/index.html

MATERIAIS " DÍA DAS LETRAS GALEGAS"

http://www.xunta.es/linguagalega/letras_galegas

17 de MAIO. MANIFESTO "QUEREMOS GALEGO", AGUSTÍN FDEZ. PAZ

17 de maio. 12 horas. Alameda de Santiago de Compostela.
Haberá autobuses desde diferentes puntos do País.
POLA LINGUA QUE NOS UNE. PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO.


Manifesto elaborado polo escritor Agustín Fernández Paz para a manifestación do 17 de maio


VOARES DE ESPERANZA
Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza!  A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.
Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.
Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.
            Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.
Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposición, liberdade, bilingüe,normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.
Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.
Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un "nicho ecolóxico" favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.
Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.
Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»
Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.

sábado, 12 de maio de 2012

PREMIO LEIXAPRÉN. CGENDL.


A CGENDL convoca o premio Leixaprén de recoñecemento á defensa e promoción da lingua galega , unha actividade aberta á participación de todos os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino na que vos convidamos a participar antes do remate do prazo , xoves 17 de maio , día das Letras Galegas.
Nas bases (tamén en http://www.coordinadoraendl.org/premioleixapren/ ), establécese que os destinatarios do premio serán persoas, entidades ou institucións que se caractericen por unha defensa activa da lingua galega en diferentes ámbitos de actuación.
O Comité de Selección orientou o galardón nesta edición cara ao Ámbito Económico e Empresarial en consonancia co perfil profesional de Valentín Paz-Andrade e coa iniciativa "Empresa en Galego" que lanzou a CGENDL:  http://www.coordinadoraendl.org/empresaengalego . As candidaturas preseleccionadas son: A-1 Seguridade, Alimentos Amorodo, Imaxín Software, Bodegas Martín Códax e R Telecomunicacións.
A votación realízase a través de http://www.coordinadoraendl.org/premioleixapren/ e da persoa que coordine o Equipo do voso centro, que deberá utilizar o enderezo electrónico que deu para adscribirse á CGENDL. Para resolver calquera problema ou facer as vosas consultas non dubidedes en dirixirvos a correo@coordinadoraendl.org .
O premio será entregado o sábado 26 de maio no decurso dun xantar (25€) que terá lugar ás 14.30h no Hotel Virxe da Cerca de Santiago de Compostela: as persoas interesadas xa poden confirmar asistencia. A partir desa data estará disponible o libro XX anos dos Equipos de Normalización Lingüística .

Saúdos normalizadores
CGENDL


mércores, 9 de maio de 2012

POLO CORREO DO VENTO

O martes, 15 de maio na Biblioteca Central (Joaquín Yáñez, 6) ás 18:30 h

Entrada libre ata completar aforo (50 persoas)
Ilustracións e contacontos para nenos e nenas a partir de 3 anos
Duración aproximada de 1 hora

ACHÉGATE ÁS LETRAS DEBUXANDO

O sábado, 12 de maio no Café de Catro a Catro (rúa Girona, 16) ás 16:30 h

Entrada libre ata completar aforo (200 persoas)

Vén coñecer as e os persoeiros homenaxeados no Día das Letras Galegas da man de Pepe Carreiro (autor dos Bolechas), con especial atención a Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado neste ano.

A Concellaría de Normalización Lingüística
organiza esta actividade gratuíta para nenos e nenas

COMUNÍCATE EN PÚBLICO.SEDUCE COA VOZ




A Concellaría de Normalización Lingüística organiza este obradoiro gratuíto

O martes, 15 de maio na Biblioteca Central (Joaquín Yáñez, 6) de 19:00 a 21:00 h


OBRADOIRO Impartido por: Uxía Blanco
Número de prazas: 25
Para inscribirse deben chamar ao teléfono: 986 81 02 81 de 9:00 a 13:00 h

Dirixido a persoas adultas que queiran seducir coa voz
Obradoiro no que nos achegaremos a como comunicarnos en público: vencer o medo ao
micrófono, como modular a voz, ordenar o discurso...
A linguaxe non verbal, a presenza, a brevidade...
Comunicación dende a lingua de noso, lingua que ten un valor engadido xa que nos permite comunicarnos con 240 millóns de persoas pertencentes a lusofonía.
Asemade, vencemos prexuízos como "no hablo en gallego, porque no lo hablo bien" ou "en galego só nos entenden a xente de aquí

OBRADOIRO DE ESCRITA CREATIVA


A Concellaría de Normalización Lingüística organiza este

Obradoiro de escrita creativa

Os luns, 14, 21 e 28 na Biblioteca Central (Joaquín Yáñez, 6) de
19:00 a 21:00 h


Impartido por: Francisco Castro (escritor)
Número de prazas: 16
Para inscribirse deben chamar ao teléfono: 986 81 02 81 de 9:00 a 13:00 h
Dirixido a persoas adultas ás que lles gusta escribir.
Neste obradoiro, gratuíto, concebido dende unha perspectiva lúdica e moi participativa, quen acuda terá a oportunidade de plasmar sobre o papel a ampla experiencia que dan os anos e a memoria, e de converter as súas vidas en literatura.
Todas as persoas que participen terán a ocasión de, dende o primeiro momento, escribir poemas, relatos, contos... sempre en actividades moi sorprendentes

LUDOTECAS LINGÜÍSTICAS


A Concellaría de Normalización Lingüística

organiza as Ludotecas lingüísticas


A ludoteca lingüística é un proxecto de dinamización lingüística que consiste na recuperación de xogos tradicionais, a disposión de xogos novos e diferentes, e xogos lingüísticos que procuran fomentar o uso do galego dun xeito eminentemente lúdico. Con formato de gran feirón, os rapaces/as terán que ir superando as distintas probas que se lles propoñan de maneira rotatoria e cooperativa ao mesmo tempo.

Terán lugar

Idades: de 5 a 12 anos

Actividade aberta para todos/as os/as rapaces/zas que se acheguen ata estes lugares.


Mércores, 9 de maio no Centro Cívico de Teis, ás 17:30 h (camiño Maceiras, núm .2 tfno.: 986 26 60 30)
Venres, 11 de maio na praza da Independencia, ás 18:00