mércores, 21 de setembro de 2016

Propostas da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) para os partidos políticos que concorrerán ás vindeiras eleccións do 25 de setembro


No ensino
1. Derrogación do decreto 79/2010 por non garantir no alumnado a competencia mínima na lingua propia de Galicia.
2. Elaboración dun decreto de promoción do idioma galego no ensino a partir do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego en setembro de 2004, coa finalidade de asegurar que o alumnado remate os seus estudos obrigatorios con plena competencia nas dúas linguas oficiais.
3. Implantación de liñas de galego en Educación Infantil que posibiliten un ensino na nosa lingua nos primeiros anos de escolarización. En consonancia coa sentenza do TSXG a respecto do decreto do Plurilingüismo, eliminación da enquisa encuberta para escoller a lingua nesta etapa, que se segue empregando como aval para marxinar a aprendizaxe en galego nos contornos urbanos e semiurbanos.
4. Fomento real das Programacións Integradas das distintas linguas presentes no ensino, sen perder nunca o horizonte de que o galego é a lingua que precisa dun reforzo positivo.
5. Fomento, desde a administración, da elaboración de recursos didácticos na nosa lingua, actualizados e de calidade, que permitan realmente impartir aulas en galego das materias que se decida en cada centro, prestando especial importancia á Formación Profesional.
6. Elaboración de recursos para a aprendizaxe do galego por parte do alumnado estranxeiro e do alumnado que ten necesidades educativas especiais especiais.
7. Dotación ao Programa Abalar de materiais en galego (escasísimo incluso para aquelas materias que deben impartirse na nosa lingua) para que non fique abeirado nas novas tecnoloxías tal e como está a acontecer.
8. Recuperación do programa educativo “Prescolar na casa” e reforzamento das escolas rurais, cunha adecuada dotación de recursos TIC en galego.
9. Implicación de toda a comunidade educativa no proceso de normalización a través de asesoramento de inspección educativa, campañas específicas, cursos formativos…
10. Introdución progresiva do portugués como materia optativa en todos os centros de ensino co obxectivo de potenciar o coñecemento do galego como porta aberta a aquel, e polo tanto a todo o mundo lusófono, ás súas economías e culturas.
Nos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística
1. Promoción dun impulso real das actividades normalizadoras dos Equipos, así como apoio ao seu traballo diario: os Equipos precisan sentir que a administración está do seu lado, que os apoia e que potencia o seu labor.
2. Orientación correcta do traballo normalizador por parte da administración, que pasa por supervisar os proxectos dos Equipos e estar pendente da súa situación e problemática particular.
3. Creación e divulgación de recursos didácticos para o traballo dos ENDL.
4. Converter a Normalización Lingüística nunha das directrices dos Plans Formativos do Profesorado e desenvolver programas formativos para os docentes dos Equipos e de todo o profesorado interesado na normalización da lingua no ensino que respondan ás súas necesidades reais e que ofrezan claves para resolver as novas situacións que estamos a vivir nos centros (redacción dos Proxectos Lingüísticos de Centro, orientación no deseño de programacións baseadas no Tratamento Integrado de Linguas, etc.).
5. Promoción do traballo en rede, comarcal ou zonal, dos ENDL para optimizar recursos, colaborar en actividades, producir materiais…
6. Desenvolvemento dun plan de actuación da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) para que os Servizos de NL municipais, e os concellos en xeral, colaboren cos ENDL. Este plan debe incluír unha programación planificada e con obxectivos de fomento real da lingua entre a infancia e a mocidade.
7. Convocatoria adaptada ao curso escolar dos Proxectos de Fomento da Lingua Galega para que poidan desenvolverse as actividades das que son obxecto en tempo e forma.
8. Asignación dunha dotación económica adecuada aos centros de ensino para desenvolveren os Proxectos de Fomento da Lingua Galega, posto que a actual apenas cobre unha insignificante parte destes plans.
9. Implementación de medidas que faciliten o traballo diario a través da regulación de horas de dedicación para os membros dos Equipos, que deben pasar a considerarse dentro do cómputo das horas lectivas.
10. Defensa activa dos ENDL fronte aos ataques criminalizadores que sofren por parte de sectores antidemocráticos que unicamente buscan a desaparición da nosa lingua.
Na sociedade
1. Busca do consenso en materia de lingua entre os partidos políticos co fin de excluír o idioma galego da loita partidista.
2. Diálogo e negociación con todos os actores sociais que pulan pola normalización da lingua co obxectivo de chegar a consensos amplos que permitan traballar nos obxectivos fixados na Lei de Normalización Lingüística.
3. Garantir o coñecemento da lingua galega das persoas empregadas na administración para que se poidan garantir os dereitos dos usuarios.
4. Implantación de programas no ámbito xudicial e sanitario que permitan aos usuarios e usuarias realizar os trámites e seren atendidos en lingua galega.
5. Promoción real da lingua galega nas TIC para garantir a súa presenza na sociedade da información e coñecemento.
6. Apoio decidido aos medios de comunicación en galego, tanto de información xeral como sectoriais.
7. Impulsar un cambio de enfoque na programación dos medios de comunicación públicos, coa finalidade de ofrecer unha oferta de lecer máis orientada a un público xuvenil e aos sectores máis dinámicos da sociedade galega.
8. Conversión de Radio Galega Música nunha canle de incentivación, promoción e difusión da creación musical en lingua galega e da TVG nunha plataforma de formatos atractivos e innovadores para a xente nova que aproveite a potencialidade creativa do país.
9. Deseño de campañas públicas de promoción do idioma desde unha perspectiva transversal, atendendo ás necesidades específicas de cada colectivo ou grupo social, cun enfoque concreto e pragmático, orientado a fomentar a autoestima cara ao idioma, así como o seu uso en todos os contextos posibles.
10. Apoio á creación artística en galego e ás industriais culturais galegas, como é norma en todas as admistracións do noso contorno, para asegurar os dereitos constitucionais de acceso á cultura da poboación e reforzar o inequívoco valor produtivo do noso sector cultural.

PROPOSTA DE REGULAMENTO DA CGENDL

ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA
DA COORDINADORA GALEGA DE ENDL
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2016
PROPOSTA DE REGULAMENTO
Artigo 1
Poderán tomar parte como asembleístas con pleno dereito de voz e voto á Asemblea Xeral Extraordinaria da CGENDL todas aquelas persoas que estean adscritas á Coordinadora de ENDL a día 13 de setembro de 2016 como Coordinadoras de ENDL.
Artigo 2
Tamén poderán participar todos aqueles/as docentes que estean adscritos á Coordinadora a día 13 de setembro de 2016, con voz e sen voto, a non ser que traian voto delegado.
Artigo 3
As emendas a este regulamento e ao documento de Organización e Funcionamento da CGENDL poderanse presentar até as 24 horas do día 10 de setembro.
Artigo 4
As Propostas de emendas a este regulamento serán enviadas antes da asemblea a todos os adscritos e serán debatidas e aprobadas, se procede, durante a celebración da mesma.
Artigo 5
Os e as emendantes defenderán as súas emendas. En ausencia destes, se ningún membro da asemblea asume a súa defensa, a emenda entenderase desbotada.
Artigo 6
No debate de cada emenda haberá unha defensa, unha posibilidade de réplica e, se fose necesario a criterio da Presidencia da Mesa, haberá contrarréplica.
Artigo 7
Relatores/as e emendantes poderán chegar a emendas transacionais. Neste caso
someteranse as dúas a votación, primeiro a orixinal e en segundo lugar a transacional,
sempre que alguén quixer manter o texto orixinal.
Artigo 8
Se unha emenda é aprobada, o seu texto substituirá ao correspondente da proposta.
Se todas fosen rexeitadas, entenderase aprobado o texto orixinal da mesma.
Artigo 9
Ao final do debate de cada proposta someterase a votación da asemblea que a
aprobará ou rexeitará no seu conxunto nunha soa votación. A asemblea aprobará as
propostas que acaden maioría simple, isto é, que conten con mais votos a prol que en
contra.
Artigo 10
A Asemblea elixirá o Consello Directivo entre as candidaturas presentadas. Estas
estarán compostas por 10 titulares e cando menos 2 suplentes, e deberán presentarse
antes das 24 horas do día 10 de setembro de 2016.
Artigo 11
En caso de se presentar máis dunha candidatura, a votación será secreta e
resultará gañadora a opción que obteña maioría simple, que terá dereito aos 10 postos
do Consello Directivo. Se só existise unha e ninguén solicita o contrario, a votación
faríase a man alzada quedando proclamada cos votos que obtivese. En caso de que
alguén solicite voto secreto, a elección faríase deste xeito.
Artigo 12
A Coordinación Xeral recaerá en quen encabece a lista máis votada, que con
posterioridade fará unha proposta de distribución de responsabilidades entre os
membros elixidos ao Consello directivo.
Disposición Adicional
A Mesa, formada polo Consello directivo, que preside a Asemblea está facultada para
interpretar este Regulamento en casos de dúbida ou omisión.

ORDE DO DÍA DA ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA DA CGENDL

ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA DA
COORDINADORA GALEGA DE ENDL
IES As Fontiñas de Santiago de Compostela
23 de setembro de 2016, 19h
Orde do día:
1. *Aprobación do Regulamento da Asemblea Xeral Extraordinaria.
2. **Presentación de candidaturas ao Consello Directivo e posterior votación.
3. Nomeamento do novo Consello Directivo da CGENDL.
4. **Proposta do Plan anual de traballo: presentación, debate e votación. Novas propostas de actividades enviadas desde os equipos.
5. Rogos e preguntas.
6. Clausura da Asemblea Xeral Extraordinaria polo/a Coordinador/a Xeral.
* As emendas a este regulamento e ao documento de Organización e Funcionamento da CGENDL poderanse presentar até as 24 horas do día 10 de setembro.
** A presentación de candidaturas ao Consello Directivo e o Plan Anual de Traballo poderanse presentar até as 24 horas do día 10 de setembro

ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DA CGENDL

ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DA COORDINADORA GALEGA DE ENDL
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2016
ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DA CGENDL
Toda organización, e polo tanto a Coordinadora Galega de ENDL tamén, debe ter unha estrutura organizativa o máis definida posible. No caso da CGENDL buscouse unha estrutura o máis aberta e participativa posible e que, ao tempo, permitise axilidade e eficacia na toma de decisións e na coordinación e seguimento das diferentes actividades. O presente documento contén o modelo de organización e funcionamento aprobado pola Asemblea Xeral da CGENDL do 7 de novembro de 2009 e revisado pola III Asemblea xeral do 5 de novembro de 2011, posteriormente na V Asemblea Xeral do 8 de novembro de 2013 e, finalmente, pola VI Asemblea Xeral de 23 de novembro de 2015.
1. EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA DE CENTRO
A súa función e composición está regulada pola administración educativa. No que se refire á CGENDL entendemos que son a base da mesma xa que eles son os seus verdadeiros integrantes. Cada equipo que desexe integrarse na CGENDL, contará cunha persoa responsable que o representará na Coordinadora de ENDL de zona e nas asembleas da CGENDL.
2. DOCENTES COLABORADORES/AS
Naqueles centros onde, ademais dos ENDL, ou en ausencia de equipos operativos na práctica, haxa docentes que compartan o noso ideario e queiran participar das actividades que propoñemos (na medida que llelo permitan as súas funcións docentes), poderán formar parte da Coordinadora Galega de ENDL como docentes colaboradores/as.
Os docentes colaboradores son membros de pleno dereito da Coordinadora, onde participarán a título individual. Por iso poderán establecer contactos cos consellos zonais, formar parte do Consello directivo e participar nas asembleas con voz e sen voto, a non ser que leven voto delegado.
3. COORDINADORAS DE ENDL DE ZONA
Son agrupacións de ENDL de centro dunha determinada zona que por proximidade decide coordinar as súas actuacións e actividades de normalización.
Está formada polos representantes dos ENDL dos centros dunha determinada zona. Cada coordinadora é diferente das outras e ten os seus propios órganos, criterios de funcionamento e obxectivos se ben na súa estratexia procurarán o respecto aos acordos tomados polos
órganos directivos da CGENDL (Consello directivo, Consello zonal e Asemblea. Así e todo entendemos que entre as súas funcións deben estar as de:
a. potenciar actividades conxuntas,
b. coordinar as actuacións entre os diferentes centros,
c. propiciar o intercambio de experiencias e o encontro entre equipos e
persoas vinculadas ás tarefas normalizadoras,
d. participar do Consello zonal da CGENDL, e
e. realizar, cando menos, dúas reunións anuais, unha a comezos de curso, preparatoria do traballo anual, e outra ao final, avaliadora.
Cada coordinadora zonal contará cun representante no Consello zonal.
4. CONSELLO ZONAL
Definición
É o órgano de representación das zonas e ten como misión orientar, asesorar e
supervisar o traballo do Consello directivo e o funcionamento da CGENDL.
Composición e funcionamento
O Consello zonal está formado:
a. por un representante de cada coordinadora zonal existente,
b. por un representante de cada unha daquelas zonas nas que non exista
coordinadora, á espera de que esta se constitúa con voz e sen voto, e
c. polos membros do Consello directivo.
Na Asemblea Extraordinaria do 23 de setembro de 2016, o Consello Zonal está formado polas seguintes coordinadoras ou zonas:
 Provincia da Coruña: Barbanza, Melide e Santiago de Compostela.
 Provincia de Lugo:
 Provincia de Ourense: Celanova-Baixa Limia, O Carballiño, Ourense e Verín-O Bolo.
 Provincia de Pontevedra: Baixo Miño, O Morrazo, O Salnés, Pontevedra, Terras do
 Umia e Vigo.
A modificación desta composición e, polo tanto a incorporación dunha nova coordinadora, debe ser ratificada polo propio Consello zonal.
Os seus membros, ademais de exercer a representación da súa zona, son tamén os responsables de transmitir a esta as estratexias e plans de traballo aprobados pola CGENDL.
Funcións
Son competencias do Consello zonal:
a. definir as estratexias xerais de actuación,
b. revisar de acordo con esas estratexias, modificar se for preciso e aprobar a proposta de Plan anual de traballo elaborada polo Consello directivo, e
c. avaliar o desenvolvemento do Plan anual de traballo
Reunións
O Consello zonal reunirase de xeito ordinario dúas veces ao ano e de xeito extraordinario sempre que o convoque o/a coordinador/a xeral ou o soliciten dous terzos dos seus membros. Polo que respecta ás reunións ordinarias a primeira realizarase na segunda quincena de setembro co obxectivo de aprobar o Plan de traballo anual e preparar a asemblea xeral; a segunda será a final de curso e terá como finalidade avaliar o traballo desenvolvido ao longo do ano e realizar as propostas de cara ao curso seguinte.
As reunións estarán presididas polo/a coordinador/a xeral e terán as seguintes normas de funcionamento:
- O/a coordinador/a xeral preparará a orde do día da reunión e faraa chegar ao resto do consello cun mínimo dunha semana de antelación.
- O/a secretario/a levantará acta de cada reunión deixando constancia dos temas tratados e das decisións adoptadas. A acta será aprobada na sesión seguinte.
5. ASEMBLEA XERAL
Definición
É o máximo órgano de goberno da Coordinadora Galega de ENDL.
Composición e funcionamento
A Asemblea Xeral está integrada polos ENDL de centro que forman parte da
coordinadora e tamén todos/as docentes colaboradores/as. Cada ENDL pode
estar representado con voz polo número de persoas que o desexen, se ben só
se disporá dun voto por ENDL. Os acordos adoptaranse por maioría simple.
Funcións
Son competencias da Asemblea Xeral:
a. elixir o Consello directivo,
b. censurar a actuación do Consello directivo,
c. aprobar, de ser o caso, os orzamentos anuais así como o estado de
contas,
d. debater, modificar ser for o caso e ratificar a proposta de Plan de traballo anual elaborado polo Consello directivo e aprobado polo Consello zonal, e
e. aprobar as estratexias xerais de actuación definidas polo Consello
zonal.
Reunións
A Asemblea Xeral reunirase, de xeito ordinario, unha vez cada dous anos (na primeira quincena de novembro), e de xeito extraordinario sempre que o acorde o Consello directivo ou o soliciten dous terzos dos seus membros. No primeiro caso a convocatoria deberá remitirse, polo menos, con 30 días de antelación e no segundo cun mínimo de 72 horas. Nas dúas situacións deberá constar o lugar, a data e a hora da asemblea así como a orde do día.
6. CONSELLO DIRECTIVO
Definición
É o órgano ordinario de xestión e ten como misión planificar, organizar, dirixir e supervisar o funcionamento da CGENDL.
Composición e funcionamento
O Consello directivo estará formado por dez membros que asumirán as seguintes responsabilidades:
- Coordinador/a xeral, coas funcións de coordinar o traballo interno e externo do Consello directivo e do Consello zonal, presidir as reunións do Consello directivo, do Consello zonal e da Asemblea Xeral, convocar e levantar reunións, facer as consultas necesarias para fixar as ordes do día, ocuparse das relacións cos medios e das relacións institucionais da CGENDL entre outras.
- Vice-coordinador/a xeral, auxiliará ao coordinador/a xeral nas súas funcións,
- Secretario/a, ocuparase de levantar actas e dos traballos administrativos.
- Vicesecretario/a, auxiliará ao/a secretario/a nas súas funcións.
- Vogais (6), responsabilizaranse doutras áreas (web, correos…) en función das necesidades.
Para poder formar parte do Consello directivo é necesario ser membro dun ENDL que teña a condición de asociado, ou ben formar parte da Coordinadora como docente colaborador/a. O Consello directivo será elixido pola Asemblea Xeral entre todas as candidaturas que se presenten, e resultará elixida aquela que obteña máis votos. As candidaturas deberán presentarse, cando menos, 10 días antes da realización da devandita asemblea e durante esta mesma a persoa que as encabece deberá presentar o seu programa de traballo para dous anos e un plan anual de traballo para ese curso. Todos os membros do Consello directivo terán dereito a voto na asemblea. Os cargos do Consello directivo durarán dous anos, no caso de
vacante no Consello directivo procederase á substitución correspondente acudindo aos suplentes da lista gañadora, de non haber suplentes o Consello directivo poderá nomear á persoa que estime axeitada que deberá ser ratificada pola asemblea. Poderase causar baixa por finalización do mandato, incumprimento das obrigas ou por renuncia voluntaria.
Funcións
Son competencias do Consello directivo:
a. Corresponsabilizarse do funcionamento ordinario da coordinadora e resolver os asuntos que xurdan diariamente.
b. Elaborar o a proposta de Plan anual de traballo.
c. Programar, coordinar e avaliar as actividades e campañas impulsadas pola CGENDL.
d. Intercambiar información sobre o desenvolvemento das diversas actividades confiadas a cada un dos membros da coordinadora e propoñer, canto sexa oportuno para a súa mellora.
e. Propoñer a elaboración e difusión de materiais que contribúan ao avance na normalización.
f. Apoiar e emprender accións conxuntas con outras institucións e administracións.
g. Representar a coordinadora en todos aqueles ámbitos nos que sexa preciso e ser a súa voz pública.
h. Impulsar a constitución e funcionamento das coordinadoras de zona.
i. Estudar e preparar os asuntos que se deben tratar no Consello zonal.
Reunións
O Consello directivo reunirase, de xeito ordinario, dúas veces cada trimestre, e de xeito extraordinario sempre que o convoque o/a coordinador/a xeral ou o soliciten a maioría dos seus membros. Ás reunións do Consello directivo poderán ser convocados/as, cando sexa necesario polos asuntos que se vaian tratar, outras persoas con voz pero sen voto.
As reunións estarán presididas polo/a coordinador/a xeral e terán as seguintes normas de funcionamento:
a. O/a coordinador/a xeral preparará a orde do día da reunión e faraa chegar ao resto do consello cun mínimo de tres días de antelación.
b. O Consello directivo tratará os diversos temas da orde do día coa axuda da documentación previamente preparada por quen corresponda.
c. O Consello directivo tenderá a adoptar as decisións por consenso, a través do diálogo e o contraste de criterios, cando non sexa posible facelo así adoptaranse por maioría simple.
d. O/a secretario/a levantará acta de cada reunión deixando constancia dos temas tratados e das decisións adoptadas. A acta será aprobada na sesión seguinte.
7. *DISOLUCIÓN
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística pode ser disolta se así se acorda na Asemblea Xeral, convocada con carácter extraordinario expresamente para ese fin.
2. En caso de disolución, a Asemblea Xeral establecerá as normas precisas para levala a cabo.
*Emenda engadida na VI Asemblea Xeral da Coordinadora Galega de ENDL (Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2016). Emendante: Consello Directivo da CGENDL

BENVIDA AO CURSO DA CGENDL

Prezados/as compañeiros/as,
Dende a CGENDL retomamos a comunicación con vós para desexarvos un bo comezo de curso e animarvos a retomar o traballo normalizador con enerxía e ilusión. Na liña do traballo feito ao longo da nosa andaina, neste primeiro correo partillamos con vós novos materiais, convocámosvos a unha Asemblea Xeral Extraordinaria e informámosvos das demandas que, como ENDL e docentes que apostamos pola normalización do galego no ensino, fixemos chegar aos partidos políticos que concorren ás vindeiras eleccións galegas.
ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA
O Consello Directivo en funcións convoca unha Asemblea Xeral Extraordinaria da entidade o venres 23 de setembro, a partir das 19:00, no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). A Coordinadora facémola entre todas e todos, por iso é fundamental que ti participes nos órganos de decisión para continuarmos a tecer esta rede colaborativa que pretende servir de espazo de encontro dos Equipos e dos docentes que apostan pola normalización do idioma no ensino non universitario e na sociedade. Na seguinte ligazón pódense consultar os documentos da Asemblea (Orde do día, Regulamento, Organización e funcionamento e Voto Delegado), que tamén anexamos neste correo, e o plano de localización do IES As Fontiñas:
CALENDARIOS ESCOLARES 2016-2017
Podedes descargar na nosa páxina o calendario escolar 2016-2017 (para os distintos niveis e en varios formatos e temporalizacións). Se queredes partillar outros materiais de planificación docente e do alumnado (axendas, calendarios de distinto tipo, actividades de inicio de curso, etc.), podedes enviárnolos a correo@coordinadoraendl.org
PROPOSTAS AOS PARTIDOS POLÍTICOS QUE CONCORRERÁN ÁS ELECCIÓNS GALEGAS
Por último, tamén anexamos o documento que lles fixemos chegar ás organizacións políticas para que as estuden e inclúan nos seus programas electorais. Estas propostas abordan os ámbitos do ensino, os ENDL e a sociedade e buscan abrir novos escenarios para a promoción real da nosa lingua na vindeira lexislatura.
Saúdos normalizadores
Consello directivos en función

CGENDL

CURSO DE AUGA SALGADA


NOVIDADES XERAIS

Información das Novidades que Xerais enviou ás librarías no mes de setembro:
 Colección Narrativa
Todo ser humano é un río de Manuel Veiga Taboada
XERAIS NARRATIVA (1331397)
280 páxinas
ISBN: 978-84-9121-093-1
P.V.P: 18,00 €
NOVIDADES SETEMBRO 2016
«TODO SER HUMANO É UN RÍO»
DE MANUEL VEIGA TABOADA
UN LIBRO QUE É TAMÉN UN EXEMPLO DA RELACIÓN ENTRE O ESCRITOR E O SEU CONTORNO QUE NOS SERVE PARA REDESCUBRIR O INTERIOR DE GALICIA.
A historia comeza nunha montaña sagrada da fronteira, seguindo o rastro dun vello castelo, do que non queda memoria. E remata cando o protagonista decide vivir, durante algunhas semanas, nun edificio singular que é tamén hospedaría. Pouco a pouco, vai coñecendo o pasado da familia, un universo de suxestións, onde a forma de mirar –e de ser mirado– son quizais o máis importante. Un libro no que, en parte, se respira a atmosfera de autores europeos como Sebald ou Magris. E tamén un exemplo da relación entre o escritor e o seu contorno que nos serve para redescubrir o interior de Galicia.
Manuel Veiga Taboada (Monforte, 1960) é doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía e licenciado en Ciencias da Información. En 1983 entrou a formar parte da redacción do semanario “A Nosa Terra”, periódico que dirixiu entre 2007 e 2010. No ano 2004 gañou o premio Xerais coa novela “O exiliado e a primavera” e, en 2006, o Manuel García Barros con “Lois e Helena buscándose un día de tormenta”. Outras obras súas son “O profesor de vegliota”, novela (Xerais, 2008), “Do G ao Z. Dicionario indignado e humorístico” (Xerais, 2012) , “O pacto galego na construción de España” , “Manuel María, buscando un país” (Xerais, 2016) e “Todo ser humano é un río” (Xerais, 2016).

Non hai outro camiño de Isaac Xubín

XERAIS NARRATIVA (1331399)
248 páxinas
ISBN: 978-84-9121-096-2
P.V.P: 17,00 €
NOVIDADES SETEMBRO 2016
«NON HAI OUTRO CAMIÑO»
DE ISAAC XUBÍN
“NON HAI OUTRO CAMIÑO” CONTA A HISTORIA DE STARO SELO, UNHA URBE AO PÉ DO MAR NA QUE OS SEUS HABITANTES TEIMAN, A FORZA DE SOBREVIVIR, POR TECER UNHAS ESTRAÑAS RELACIÓNS QUE SON AS QUE, FINALMENTE, ACABAN POR DAR CARÁCTER A UNHA CIDADE.
A Radoslav non lle queda máis remedio que gorecerse da chuvia nunha vella taberna fronte á entrada principal do porto, cando unha intensa bátega de auga o sorprende á saída do traballo. Nevenka Teodosic, a contumaz profesora de linguas románicas que agarda a inminente saída do cárcere de Goran, contempla as luces de neon sobre as pozas de auga no asfalto da cidade durante a viaxe en autobús á casa. Aspasia comeza a afacerse ás consecuencias neurolóxicas da enfermidade e, malia a adversidade, non evita sentirse feliz, coma Anja, a moza que non sabe se quere ser poeta, mecánica ou bióloga. “Non hai outro camiño” conta a historia de Staro Selo, unha urbe ao pé do mar na que os seus habitantes teiman, a forza de sobrevivir, por tecer unhas estrañas relacións que son as que, finalmente, acaban por dar carácter a unha cidade que semella querer pasar anónima a forza de autoridade, asfalto e chuvia.
Isaac Xubín (A Coruña, 1978) é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e mestre en Política lingüística e planificación da lingua galega. Como creador publicou obras de poesía, entre as que cómpre salientar “Lisboa” (Premio de poesía da Universidade de Vigo, 2004) e “Con gume de folla húmida” (XXIV edición do Lorenzo Baleirón, 2010), e de narrativa curta: “Château Bobcat” e “Le pied de Julien DuPuy” (ambos os dous primeiro premio do Certame Os Viadutos de Redondela). Elaborou o dicionario bilingüe galego-éuscaro e publicou traducións, entre as que destacan “Sete poetas vascos” e “Tempo de exilio”, de Joseba Sarrionandia, polos que gañou os premios de tradución Loís Tobío (2013) e Etxepare (2015) respectivamente. Na colección Narrativa ten publicado “Non hai outro camiño” (Xerais, 2016).

Colección Milmanda
Placebo de Jaureguizar
Placebo
Jaureguiza
XERAIS MILMANDA (1334525)
200 páxinas
ISBN: 978-84-9121-094-8
P.V.P: 15,00 €
NOVIDADES SETEMBRO 2016
«PLACEBO» DE JAUREGUIZAR
ROI SOBREVIVIU A UN ACCIDENTE HORRIBLE. A MEMORIA QUEDOULLE SEPULTADA NUN AEROPORTO DE PARÍS. DE REGRESO A GALICIA DEBE LEMBRAR QUEN É, CONFIAR NO PASADO QUE LLE DESCRIBEN.
Roi sobreviviu a un accidente horrible. A memoria quedoulle sepultada nun aeroporto de París. De regreso a Galicia debe lembrar quen é, confiar no pasado que lle describen. A súa muller, Beatriz, axúdalle a recompoñer ese tempo, aínda sendo difícil. Roi négase a esquecer o desagradable. Asume que o seu concesionario de coches está na ruína e que ten unha amante, Helena, á que prometeu máis paraísos dos que está disposto a visitar. Andados os días, acepta que volver ser Roi foi un erro irreparable, pero o amor ha axudalo a soportar cada día ata o anoitecer. O amor: ese placebo, esa bonita rúa sen saída.
Jaureguizar (Bilbo, 1965). Xornalista. Traballa en El Progreso de Lugo. Como narrador ten publicados os seguintes libros: “Fridon spik” (Xerais 1995, 2003), narracións breves; “Comendo espaguetis diante da televisión” (Xerais 1998), novela; “As horas sucias” (Xerais 2001), novela; “Breve crónica universal da clase obreira” (2001), novela, Premio Lueiro Rey 2001, “Casa Skylab” (Premio Xerais 2003), novela, “Cabaret Voltaire” (Premio Manuel García Barros 2005), novela “O Globo de Shakespeare” (Premio Terra de Melide, Xerais 2008) e “Placebo” (Xerais, 2016). É autor, ademais, das novelas xuvenís “Todo a cen” (1995), “A rutina corsaria” (Xerais 1998), “Salitre” (Xerais 1999), “¡Balea morta ou lancha a pique!” (Xerais 2002), “A cova das vacas mortas” (Xerais 2006), premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil, “Plastilina nos pulmóns” (2007), “O contador de estrelas” (2009), “Os Sabuxos entran na casa do pé esquerdo” (Xerais, 2013) e “Os Sabuxos divírtense no Museo Prohibido” (Xerais, 2015). Ademais é autor da serie de novelas protagonizada polo xove detective Tintimán: “Corazón de chocolate. Un misterio para Tintimán en Compostela” (Xerais 2010), “A coroa de napoleón. Un misterio para Tintimán na Coruña”, “Amor de Serea. Un misterio para Tintimán en Vigo” (Xerais 2012) e “O veleno da risa. Un misterio para Tintimán en Lugo” (Xerais 2014). Mantén aberto o blog Cabaret Voltaire.
De paraugas de Paco Martín

Colección Álbums Libro + CD
Cousas de papá de Raúl Gómez Pato con música de Héctor Lorenzo.

Ilustracións de Blanca Barrio
Música de Héctor Lorenzo
Libro + CD
XERAIS ALBUMS (135104 9)
48 páxinas
ISBN: 978 -84 -9121 -089 -4
P.V.P: 18,00 €
NOVIDADES SETEMBRO 2016
«COUSAS DE PAPÁ» DE RAÚL GÓMEZ PATO
CON MÚSICA DE HÉCTOR LORENZO
MÚSICA E POESÍA PARA XOGAR COS VERSOS.
Esta é a historia dun pai e dunha nena... Non, mellor non... Esta é a historia dun pai e dun neno... Tampouco... Esta non é ningunha historia. “Cousas de papá” é un libro de poemas escritos por un pai algo tolo e moi divertido, que viaxa en vasoira, constrúe hidroavións de papel, escorrenta os pesadelos e domina á perfección a linguaxe da fantasía. Das dezasete composicións que conforman o poemario, dez están musicadas por Héctor Lorenzo no CD que acompaña o libro. Música e poesía para xogar cos versos.

De paraugas
Paco Martín
Ilustracións de DNL
XERAIS MILMANDA (1334523)
152 páxinas
ISBN: 978-84-9121-091-7
P.V.P: 17,00 €
NOVIDADES SETEMBRO 2016
«DE PARAUGAS» DE PACO MARTÍN
CON ILUSTRACIÓNS DE DNL
HABITANTES DO PAÍS DA CHUVIA, PACO MARTÍN E DANIEL PUENTE BELLO POÑEN O FOCO NOS PARAUGAS PARA FACELOS PROTAGONISTAS DESTE LIBRO.
A imaxe dun ou de varios paraugas, con xente ou sen xente, reclama a nosa atención antes de comezarmos a ler cada unha das historias que encabezan. Non sabemos con seguridade se foi antes a foto ou o relato, pero en realidade tanto ten, porque ambas as dúas cousas se complementan e forman parte dun mesmo acto creador. Ó comezarmos a lectura váisenos desvelando e explicando a imaxe, agás en «Mónica dos dous paraugas» e mais en «A volta do rodeo», relatos nos que temos que agardar ó final para descubrir o que une imaxe e texto. Habitantes do país da chuvia, Paco Martín e Daniel Puente Bello poñen o foco nos paraugas para facelos protagonistas deste libro.
“Hai moitas historias de paraugas na miña provincia galega e todas as que coñezo supoñen que os paraugas voan” Álvaro Cunqueiro
Paco Martín (Lugo, 1940). Mestre xubilado. Colaborador en diversos medios de comunicación, foi Premio Puro Cora de xornalismo, 1994. É autor de libros de texto para o ensino da lingua galega. Entre a trintena de libros que escribiu, destaca como o máis premiado “Das cousas de Ramón Lamote” (1985), Premio Barco de Vapor (1984), Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil (1986), e Lista de Honra do IBBY (1986). En Xerais ten publicados: “Servando I, rei do mundo enteiro” (1990), “Un robot pequeno” (1991), “A rula, o peluche e a nena” (2015) e “De paraugas” (2016).
Daniel Puente Bello Nacín na cidade (A Coruña, 1974) mais a miña vida está alí onde atope os lugares en que a Natureza estea o menos deturpada posíbel pola presenza humana. Os montes que obrigan a camiñar polo travesío, as chairas que lle dan á ollada largacía, os ceos estrelados que nos pintan de puntiños a infinidade... eses foron e son os camiños que procura a miña mirada. Estudei bioloxía, pero turrou máis de min a fotografía e perseguín paisaxes por toda Galiza, pero tamén nas selvas tropicais, onde fotografei as fermosas luces que atravesan por entre as pólas e as follas e a duras penas chegan ao chan.


Celia Torres Bouzas
@CeliaTorresBo
Edicións Xerais de Galicia / Doutor Marañón, 12- 36211 Vigo
986 214 888 / 986 214 893 (Directo)

/http://www.xerais.gal/

CAMBIO DE NÚMERO DE FAX DO SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LTCA. DO CONCELLO DE VIGO

Infórmase de que o Servizo de Normalización Lingüística ten un número de fax diferente.

Agora é 986 61 63 64

-- 
Concello de Vigo
Normalización Lingüística
Praza do Rei, núm. 1
36202 Vigo
Tfno.: 986 81 02 81
Fax: 986 61 63 64
Web: http://snl.vigo.org
Correo: ofi.normalizacion@vigo.org

Facebook: vigo en galego

CURSO DE ESCRITURA CREATIVA PARA ADULTOS


COUSAS


Queres que os teus alumnos e alumnas lean Cousas, de Castelao, e asistan á adaptación teatral feita polos Quinquilláns?

 
Dende a Editorial Galaxia queremos presentarche a continuación unha campaña que ten como eixo vertebrador Cousas, unha das obras máis representativas de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e na que faremos converxer a literatura, as artes escénicas e a plástica.  Trátase dun proxecto de interese xeral pero especialmente dirixido a rapazas e rapaces que cursen terceiro Ciclo de Educación Primaria, ESO e Bacharelato.

Obxectivos


1. Contribuir ao uso da lingua galega polos máis novos, no seu tempo de lecer e no seo familiar.
2. Axudar á consolidación e fomento do hábito lector e animar á lectura na nosa lingua
3. Contribuir á divulgación da obra literaria e gráfica de Castelao, especialmente entre a mocidade e a infancia, neste ano no que é homenaxeado pola Academia Galega de Belas Artes.
4. Mostrar o diálogo que se establece entre os dous xéneros literarios, narrativa e teatro, a partir dunha mesma idea e ofrecerlle ao público a posibilidade de experimentar as diferentes potencialidades de cada unha das linguaxes artísticas.
5. Asociar a lingua galega a expresións estéticas de calidade, como a literatura, a plástica e as artes escénicas.


Elementos da campaña

 
1. Edición especial de Cousas, a creación literaria máis orixinal que nos deixou o artista de Rianxo. Emoción e sentimento únense a un senso do humor extraordinario que fai da súa lectura unha experiencia única. Baixo o título de Cousas recóllese unha colección de corenta e cinco relatos, ilustrados polo propio Castelao, na que, con grande enxeño, ironía e sensibilidade, reflicte a súa visión sobre os individuos e a sociedade na que se integran.

2.
Montaxe teatral realizada polos Quinquilláns Teatro a partir dunha escolma de catorce relatos contidos nesa publicación. Asumen o reto de levar á escena Cousas mediante a creación dun espectáculo dunha hora de duración de pequeno formato, cun actor e unha actriz. A proposta deseña unha trama chea de conflito e emoción que ao mesmo tempo fai de fío condutor para que vaian aparecendo os relatos de Castelao. É por isto que os dous personaxes protagonistas son actores e representan pezas teatrais creadas a partir dos contos de Cousas, servíndose de distintas técnicas para introducir “teatro dentro do teatro”: títeres, sombras, máscaras, narración oral... A nosa proposta consiste en que todas as persoas que participan nesta campaña experimenten coas imaxes e sensacións producidas polas distintas linguaxes artísticas (narrativa, teatro e plástica) a partir dunha mesma idea inicial. Por isto a cada un dos asistentes á representación agasallámoslle un exemplar dunha edición especial de Cousas.


A montaxe teatral



Os Quinquilláns crean un fío condutor no que Teresa e Xosé, protagonistas da trama e membros dun grupo de teatro local, escenificarán seis contos que formaron parte do repertorio que a súa compañía ten representado: “O Rifante”, “No escuro caletre de Martiño”, “Aínda eu non nascera”, “Xa van alá moitos anos”, “O pai de Migueliño” e “Unha rúa nun porto lonxano”. Estes seis relatos converteranse así en seis pezas teatrais breves de diferente formato: teatro de actores, de máscaras, de títeres, de obxectos, de sombras... Algúns outros relatos estarán presentes botando man de técnicas máis ou menos próximas ao xénero da narración oral: “Na noite da derradeira novena de defuntos”, “Aínda está no areal”, “Chegou das Américas un home rico”, “Camiño esquecido”, “Na cova dos carcamáns”, “Cando Bieito quedou orfo”... Tamén apostan por poñer en valor a eficacia dramática e comunicativa dos relatos orixinais, facendo que os personaxes en escena lean directamente ao público os contos “Chamábanlle A marquesiña” e “Dende a fiestra da torre”.

Contacta con nós para obter máis información!


Editorial Galaxia (986 432 100)
galaxia@editorialgalaxia.com

NOVIDADES GALAXIA

Editorial Galaxia acompáñate na preparación do novo curso

Preparamos o curso contigo, un ano máis

Editorial Galaxia quere acompañarte nesta fin de curso, axudándoche enganchar o alumnado á lectura, de novo, o ano que ven. Facémolo con boa literatura, por suposto! Neste correo atoparás algunhas das novas historias que acabamos de publicar e, tamén, algúns dos libros máis lidos e queridos polo estudantado galego. Pero tamén nos presta idear campañas creativas para acompañar a lectura, na aula e fóra dela. Por iso, ideamos con Os Quinquilláns un novo proxecto teatral e literario arredor de Cousas, de Castelao, e continuamos co creado partir do Espantallo Amigo de Xosé Neira Vilasco que xa gozaron 20.000 nenos e nenas das principais vilas de Galicia e que no 2016 - 2017 pode chegar á túa.


Algunhas novidades da colección Árbore






Teatro para os máis pequenos da casa



O meu pesadelo favorito, Libro do Ano 2016


Unha historia de extraterrestres, queixos con buracos que non están baleiros e caixas de bicos inesquecibles, entre outros moitos personaxes que aparecen e reaparecen dentro dun pesadelo que quizais é, en realidade, un fermoso soño feliz. Un libro divertidísimo que as nosas e os nosos pequenos lectores non van ser quen de deixar de ler dende a primeira páxina.

A partir de 10 anos
184 páxinas
María Solar naceu e vive en Santiago de Compostela. A súa actividade profesional sempre se centrou no xornalismo e ten unha longa traxectoria en radio e televisión. Actualmente, presenta A revista fin de semana da TVG.

Como autora, céntrase no público infantil. Tamén dentro da colección Árbore de Editorial Galaxia ten publicados A verdadedeira historia da mosca da tele (a patir de 10 anos) e Vou ter un irmán!!! (para primeiros lectores e lectoras).


Música e literatura para os máis pequechos da casa

Anímaste a viaxar con el polo mundo adiante na procura de ritmos do máis sorprendentes? Con música de primeira e unha Paiopedia coa que vas alucinar!

Pirilampo e os poemas retranqueiros e festivos de Manuel María. Unha combinación que é garantía de moitas horas de diversión
Carmen Gil e Mamá Cabra únense para contar e cantar a divertida historia de Discordia, unha bruxa que é feliz destruíndo a paz.
 

Un novo achegamento, dende a música e a voz, a unha das obras importantes de Manuel María.
Un traballo sorprendente que repasa moitos xéneros musicais e que está cheo das vistosas ilustracións creadas pola ilustradora Lidia V. Cardeiro

Dous grandes da música como Uxía e Magín van de visita á casa dun grande da poesía como Manuel María e o cuco ponse a cantar.

Materiais didácticos inspiradores

Julia Fernández parte do seu labor dentro da Pedagoxía Hospitalaria para contarnos Pequenas historias que nos axudan a abordar a complicada mestura que nos nace dentro coas emocións provocadas polo que nos vai pasando na vida.
A historia de xenerosidade ideada por Xosé Neira Vilas está contada, na versión teatral de Lucho Penabade e Tero Rodríguez, polos nenos que no seu día conseguiron superar a miseria grazas á xenerosidade do espantallo amigo e que, xa convertidos en home e muller, queren facer unha montaxe teatral que explique o sucedido. Acompaña a representación teatral unha versión impresa ilustrada por Xaquín Marín que o público leva consigo, para continuar os momentos de risa e reflexión vividos no patio de butacas coa lectura demorada na casa. O proxecto ofrece un traballo transversal que lles permite aos espectadores-lectores comprender as relacións entre as distintas linguaxes artísticas e que colleitou un grande interese entre o profesorado galego.
O profesorado destacou a capacidade da campaña para achegar o alumnado ao xénero teatral e á literatura e considerárona moi útil para o desenvolvemento dun traballo previo e/ou posterior na aula.

Para saber máis, bótalle un ollo a este vídeo resumo do espectáculo e contacta con nós. Contarémosche das condicións e da dispoñibilidade.

E ademais:



Queres que os teus alumnos e alumnas lean Cousas, de Castelao, e asistan á adaptación teatral feita polos Quinquilláns?
 
Dende a Editorial Galaxia propoñémosche unha campaña que ten como eixo vertebrador Cousas, unha das obras máis representativas de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e na que faremos converxer a literatura, as artes escénicas e a plástica. Para ela, preparamos unha edición especial de Cousas, a creación literaria máis orixinal que nos deixou o artista de Rianxo e combinámola cunha montaxe teatral realizada polos Quinquilláns Teatro. Emoción e sentimento únense a un senso do humor extraordinario facendo desta unha experiencia única. 

Contacta con nós

Editorial Galaxia (986 432 100)
galaxia@editorialgalaxia.com

Editorial Galaxia, ao servizo da comunidade educativa galega dende 1950


A nosa dirección é:
Editorial Galaxia
Avenida de Madrid 44
Vigo, AL 36204
Spain