sábado, 16 de xaneiro de 2016

REUNIÓN DOS EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN DE VIGO E BISBARRA E A CONCELLERÍA DE NORMALIZACIÓN DO CONCELLO DE VIGO

 Avánzase que a reunión terá lugar o martes, 19 de xaneiro, ás 6:30 no Instituto Municipal de Educación (IME), camiño do Chouzo, 2 En próximas datas achegarase a orde do día

ACTIVIDADES DIDÁCTICAS PARA O ENTROIDO

Prezados/as amigos/as,
A páxina web da CGENDL acolle unha vez máis un monográfico especial sobre o Entroido con materiais para traballar nos centros escolares e nas casas: http://coordinadoraendl.org/entroido/index.php. Neste sitio web reunimos recursos didácticos de diferente fasquía como actividades, vocabularios, manualidades, audiovisual, publicacións, etc. Concibido como un espazo colaborativo, o monográfico está aberto ás vosas achegas; por iso, pedímosvos que nos remitades novos materiais elaborados nos vosos e noutros centros, que serán identificados ou redireccionados convenientemente.
Neste mesmo sentido, lembrámosvos que a CGENDL mantén unha páxina de recursos de acceso libre para todo o profesorado: http://coordinadoraendl.org/limiar.php?pax=rec_rec.php. Esta plataforma colaborativa só ten sentido se serve de punto de encontro para compartirmos materiais, experiencias e propostas de actividades que consideredes que poden ser de utilidade para traballar tanto nas diferentes áreas do currículo como nas diferentes actividades que levan a cabo os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Podedes facelo a través dun formulario (http://coordinadoraendl.org/limiar.php?pax=rec_subir.php) ou a través do noso correo: correo@coordinadoraendl.org.
Desta volta, queremos pedir expresamente materiais de:
  • orientación educativa,
  • alumnado con Necesidades Educativas Especiais,
  • acollida lingüística e sociocultural para alumnado inmigrante,
  • comprensión e expresión lectora e escrita.
Aproveitamos para informar das seguintes convocatorias:
  1. Axudas ao fomento do galego nos centros non universitarios. Curso 2015-2016. Convoca: SXPL (Xunta de Galicia): http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20151230/AnuncioG0164-101215-0001_gl.pdf
  2. Convocatoria para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros docentes de titularidade da Consellería para o curso académico 2015/2016: http://www.edu.xunta.es/portal/node/17925
Saúdos normalizadores

Consello Directivo en funcións
CGENDL

CELEBRANDO A PAZ. EDITORIAL GALAXIA

Comecemos o ano celebrando a paz - 30 de xaneiro
Comeza 2016. Un novo ano ateigado de novos propósitos e bos desexos para un mundo mellor. Desde a Editorial Galaxia achegámosvos algunhas propostas e novidades para conmemorar, o 30 de xaneiro, o Día da Paz.

Aínda non coñeces á bruxa Discordia? Trátase da última das incorporacións á nosa colección de libro-discos Sonárbore. Músicas de Mamá Cabra, grupo pioneiro da música infantil en galego, e letras e conto da man de Carmen Gil, multipremiada e recoñecida escritora gaditana especializada en literatura infantil. A través das súas 12 cancións, este traballo dedicado integramente á paz transmite toda unha chea de valores positivos, como o respecto ao próximo ou a importancia de compartir, entroutros.

A Paz e a Guerra, para outros chanzos de idade
 
Nun lugar chamado Guerra
Sierra i Fabra, Jordi

Unha novela sobre a amizade, pero tamén unha descarnada mostra de cómo viven na actualidade millóns de rapaces e rapazas víctimas da guerra e dos éxodos masivos.

Néstor Pujalte, xornalista de vintecatro anos, é enviado a informar sobre a guerra que ten lugar na república exsoviética de Tudzbestán. Alí coñece a Milo, un rapaz que lle serve de intérprete e co cal establece unha relación de utilización mutua que acabará converténdose nunha verdadeira amizade.
As rulas de Bakunin
Riveiro Coello, Antón

Unha novela histórica magnificamente narrada con 6 edicións vendidas.

As rulas de Bakunin nace do gromo da sensibilidade dos derrotados e os perdedores. Antón Riveiro Coello, un dos escritores galegos actuais de meirande pulo narrativo, fai con esta novela un acto restitutorio e tamén de rebeldía. Recuperar a memoria dos heroes silenciosos que loitaron pola liberdade: velaquí a vida de Camilio Sabio Doldán, un vello anarquista case centenario que viviu a guerra, o cárcere e o exilio. O temor intenso das paisaxes do pasado nunha novela que conmove e impresiona.
Ruído. Relatos de guerra
Murado, Miguel Anxo

Un libro sobre a guerra e o seus desastres froito da estadía do autor na ex-Iugoslavia en 1991 e 1994

Este libro trata sobre a guerra e sobre o comportamento das persoas en situacións límites. Os contos que forman este volume naceron das vivencias persoais de Miguel Anxo Murado no conflicto bélico que destrúe a antiga Iugoslavia, lugar no que o autor estivo a traballar como corresponsal de guerra. Esa experiencia é narrada aquí dende unha sobriedade expresiva que realza o horror esencial dos feitos.
Facebook
Twitter
Website
Email