sábado, 25 de outubro de 2014

CLUB DE DEBATE CURSO 2014-15

Á atención do Equipo de Dinamización Lingüística
Información sobre Club de debate 2014-15
O Club de Debate é un proxecto para dinamización lingüística entre a mocidade. Está promovido desde varios concellos, coa colaboración dos ENDL dos centros de ensino secundario. Esta actividade xorde co fin de impulsar o uso oral do galego entre a mocidade, á vez que se consolidan foros de discusión sobre temas de actualidade e de interese social.
O Club de Debate está dirixido fundamentalmente aos centros de ensino secundario dos concellos que organizan a actividade. Busca ser un punto de encontro para a mocidade, unha oportunidade para coñecer a súa opinión sobre asuntos que lle afectan realmente e desmitificar a imaxe dunha mocidade pasiva, pouco participativa e pouco implicada nos problemas da sociedade. Defender ideas con palabras é unha forma de pór en valor as habilidades sociais tan necesarias hoxe en día e de potenciar a nosa lingua como ferramenta indispensable para defender as nosas ideas.

Obxectivos:
· Favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente os usos orais en contextos formais e informais
· Potenciar a fluidez comunicativa ligada á oratoria
· Promover o pensamento crítico e analítico
· Fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo

O formato do Club de Debate está formulado como unha competición deportiva; é necesario crear un bo clima no equipo xa que o traballo colaborativo é básico no desenvolvemento da actividade. É necesario delegar tarefas e asumir responsabilidades, sempre dentro dunha competición contra reloxo en igualdade de condicións.
Os/as participantes deberán agudizar o enxeño para buscaren todas as argumentacións posibles para reforzaren as ideas, tamén facilita a capacidade de análise e de interpretación da realidade.
O Club de Debate desenvólvese en tres fases: local, comarcal e final (na que participan os centros gañadores de cada comarca). O premio final é unha excursión (con diferentes actividades culturais, deportivas, lúdicas...).
No transcorrer da competición o alumnado debaterá sobre temas escollidos polas e polos participantes da actividade. Na final haberá un tema lingüístico sobre o que debater por proposta da organización.

Unha vez máis, o SNL de Vigo, pídevos colaboración para participarmos no IV Club de debate (2014-15), no que agardamos a presenza de centros de ensino de concellos limítrofes.
Este primeiro correo é envío de información moi básica e pretende ser unha invitación a reflexionardes sobre a posibilidade de participar con alumnado do voso centro, e para apuntar o centro, se o considerades.
Cómprenos contarmos cun número suficiente de equipos interesados para artellar o certame de debate ben sexa na comarca de Vigo ben só no noso concello. Mais esta "intención-desexo" só será posible se hai participación e implicación dos centros de ensino, do profesorado e dos equipos de dinamización lingüística dos centros.
Agradeceriámosvos que, de estardes interesados nolo comuniquedes, ben por correo electrónico (ofi.normalizacion@vigo.org) ben por teléfono (986 81 02 81), antes do 8 de novembro.
Na páxina web do servizo (snl.vigo.org) tendes o regulamento e as bases de edicións pasadas. Achegámosvos o Regulamento do Club de debate, para que vos fagades unha primeira aproximación de non a coñecer. Este regulamento é da pasada edición, mais pouco ha de variar no seu contido final, que loxicamente achegaremos aos centros participantes inmediatamente.
Podedes encontrar máis información no facebook do “Club de debate” (imaxes das fases locais e comarcais, da excursión, da final do pasado ano en Compostela...).
Máis adiante, de termos centros interesados, artellaremos unha xuntanza para falarmos máis polo miúdo do tema.
Agradecémosvos a vosa colaboración, unha vez máis.


REGULAMENTO DEFINITIVO
https://dl.dropboxusercontent.com/u/22728933/Regulamento%20definitivo%202012-13.pdf

Ningún comentario:

Publicar un comentario