sábado, 20 de abril de 2013

«O GATO FANTASMA» DE XELÍS DE TORO

Xelís de Toro
Ilustracións de Almudena AparicioXERAIS MERLIN de 9 anos en diante(1343228)
72páxinas
ISBN: 978-84-9914-489-4
P.V.P: 11,00 €
NOVIDADES MARZO 2013
«O GATO FANTASMA» DE XELÍS DE TORO ILUSTRADO POR ALMUDENA APARICIO
CANDO
ROLO COÑECEO A RABUDO, O GATO FANTASMA, TODO COMEZOU A CAMBIAR.
Rolo e Pestiña son moi amigos, que non noivos, e sempre ao saír da escola van xuntos para a casa. Pero aquel día en que todo comezou, Pestiña non daba chegado á praza do camelio, onde sempre quedaban. Mentres Rolo agardaba comezou a chover; estábase poñendo coma un pito. Logo dun anaco viu aberto un portal dunha casa e foi correndo a refuxiarse. Dende alí vería ben a Pestiña. Rolo nunca reparara nese portal, que máis ben parecía unha cova. E Pestiña sen aparecer! De repente Rolo escoitou un ruído ás súas costas que o asustou: era un gato cun ratiño na boca. Sería o gato do que todos falaban no recreo, o tal Rabudo, o que lle podía a un pastor alemán? A partir dese encontro entre Rolo e o gato fantasma todo comezou a cambiar…
Xelís de Toro
(Santiago de Compostela, 1962 ). Publicou os seguintes libros de narrativa: Seis cordas e un corazón, 1989 (co seudónimo de Roque Morteiro, Xerais 1990), novela, Premio Compostela Cultural; Non hai misericordia (1990, Xerais 2003), relatos, Premio Narrativa Cidade de Lugo; Terminal (1994); Os saltimbanquis no paraíso (1999), novela Premio San Clemente en 2000 ; The Corunna boats (Xerais 2004), novela ; Riofero (Xerais 2009), novela e O gato fantasma (Xerais 2013), novela infantil. Xelis de Toro mantén na rede o espazo http://laboratoro.net/
Almudena Aparicio
(1978). Dende moi nova mostrou interese polo debuxo e a súa familia puxo todas as ferramentas necesarias para desenvolver as súas capacidades creativas, malia que nunca imaxinaron que nun futuro esta sería, ademais da súa paixón, a súa saída profesional. Moi pouco tempo despois de rematar os seus estudos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, comezou a colaborar coa editoral Anaya na ilustración de libros de texto. Dende entón traballou en múltiples publicacións infantís, libros de texto, aplicacións interactivas e traballos con fins publicitarios e divulgativos. O gato fantasma é a súa primeira colaboración con Xerais. Mantén a súa paxina www.almudenaaparicio.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario