Os pasados 24 e 25 de abril, no IME de Vigo, tivo lugar o primeiro Encontro de formación e intercambio de experiencias de Dinamización lingüística a cargo de docentes de distintos centros de Vigo e bisbarra e de tódolos niveis educativos que participaron nestas xornadas. O traballo e as exposicións resultaron moi gratificantes e proveitosas para todas e todos, así como as intervencións de dinamizadores da lingua doutros ámbitos: Francisco Castro, escritor e editor, Luís Caruncho, regueifeiro, e Brais Fernández, dinamizador pertencente ao grupo Xandobela, xurdiron verdadeiras experiencias dinamizadoras das que extraer novas ideas para seguir traballando, unhas máis elaboradas e outras máis sinxelas, pero coa mesma impronta nos asistentes. Xurdiron novas ideas, risos, entusiasmos, debates, diálogos, xogos, aprendizaxes, colaboracións e a concepción clara de que non estamos tan sós e soas no labor de fomentar o uso da lingua de noso entre o alumnado, que as pequenas experiencias contan, que todo é importante e valioso, e que o labor do equipo de dinamización dos centros é un labor que deixa pegadas paseniño mais certeiras, puxéronse en valor traballos que moitos de nós non considerabamos de grande importancia ata que compartidos cos demais caemos na conta de que si tiñan a súa relevancia por ter conquerido a súa finalidade, que era o estímulo cara o respecto e uso da nosa lingua, e valoramos a tarefa das compañeiras e compañeiros na súa procura de novos resortes para dinamizar.
@s organizador@s das Xornadas ( CDEDLG de Vigo e bisbarra, SNL do Concello de Vigo, e CIG ensino) estamos complacid@s e agradecid@s ás compañeiras e compañeiros que participaron como poñentes e nos permitiron partillar e aprender do seu traballo, e a todas aquelas persoas que foron coma asistentes e acabaron coma participantes, eramos pouc@s , mais iso permitiunos a interacción e axudou a ese ambiente familiar que nos deixou a tod@s ese bon sabor de boca co que onte rematamos.
Parabéns a tod@s polo voso traballo e participación!
Ningún comentario:
Publicar un comentario