Aínda que os estudos sociolingüísticos realizados nos pasados anos 90 parecían presaxiar a paseniña desaparición das actitudes negativas cara á nosa lingua, o certo é que estudos posteriores, máis cualitativos, como O galego segundo a mocidade ou Falar galego, no veo por qué, alertaron da fortaleza dos vellos e novos prexuízos lingüísticos como a asociación entre galego e atraso, galego e política ou políticas normalizadoras e imposición. Os resultados dos estudos víronse desgraciadamente confirmados nos últimos anos coa aparición de grupúsculos que atoparon amplo eco nos medios de comunicación e nos partidos políticos, e demóstranse acotío en declaracións realizadas a bombo e prato.
A este clima prexuizoso non é alleo o mundo da educación e todos os axentes que nel interactúan: alumnado, profesorado, nais e pais... Malamente os docentes de infantil, primaria e secundaria van poder reconducir este tipo de actitudes e desactivar prexuízos con argumentos e con experiencias motivadoras nos rapaces e rapazas (un dos obxectivos actitudinais destes niveis de ensino), se tamén as padecen.
Precisamente este é o obxectivo central destas III Xornadas «Educación e linguas en Galicia»: aprender a localizar as ideas preconcibidas negativas que poidamos ter sobre os falantes da nosa lingua (de calquera lingua) e adquirir argumentos e ideas para poder axudar a reconducilas.
Para ver máis pincha no título.
Para ver máis pincha no título.
Ningún comentario:
Publicar un comentario