Discurso de peche da III Asemblea da CGENDL O peor incendio que está a padecer Galicia / Galiza é o que se leva por diante a esperanza, afirmaba xa hai uns sábados Manuel Rivas nun artigo do xornal "El País". Máis abaixo, o autor facía unha diagnose perfecta do país na que nos incluía a nós, aos equipos: Temos un país queimado. Non só os montes de Ourense e algunhas outras bisbarras. Temos queimados os equipos e as equipas. Os equipos de normalización lingüística, por exemplo, eses botan fume por cada poro. E non me estraña. Como vas traballar no ensino oficial a prol dunha lingua, se todo o discurso do poder vai dirixido a descualificar ese traballo, a que a xente interiorice que a súa lingua é unha lingua inútil.(…) Esa é a situación, a que vivimos e percibimos a xente do ensino e a de fóra del, resumiuna perfectamente. Somos conscientes de que prenderon as lapas na esperanza, mais cómpre apagarllas. Actuar.
Volvo reproducir as palabras do escritor: O Rexurdimento tamén agromou en circunstancias de desacougo colectivo e cando moitas cousas semellaban perdidas ou en perigo de perderse. O que cómpre, cando un país está queimado, non é apagar a luz e encamalo. Pola contra, éche o intre de levar a contraria, montar un novo Rexurdimento e botar un baile coa Negra Sombra. Penso que Rivas recolle perfectamente o noso espírito, o da CGENDL. Non podemos encamar tanto traballo normalizador feito ata o de agora esperando que esmoreza ás
escuras. Toca bailar coa negra sombra, coller azos e rexurdir. Cómpre que nos esforcemos por manter a esperanza posta no futuro. E o futuro do galego, máis concretamente o do galego no ensino, depende moito da nosa capacidade de resistencia.
Ten que ser posible saír deste foxo no que nos queren enterrar. Foino moitas veces. Outros antes ca nós conxugaron o verbo RESISTIR e por iso estamos hoxe aquí.
Resistimos ataques directos con acusacións falsas, aguantamos a indiferenza que nos pretende anular, soportamos o cansazo que produce todo o anterior e mais os anos dedicados a traballar de balde por unha causa na que se foi avanzando paseniño durante 20 anos e de golpe se retrocedeu moito.
RESISTIR significa evitar que recuemos máis. Para iso cómpre saír da queixa e do lamento e de quedarnos só en sinalar culpables. Resistir é denunciar pero ademais é actuar.
RESISTIR quere dicir que temos que descansar cando cansemos, pero non podemos abandonar o proxecto, a idea, o obxectivo.
RESISTIR non pode ser escudarse en que cada vez temos menos apoios e que a administración que nos creou non cre en nós.
RESISTIR pasa tamén por autoavaliarnos. Analizarmos o traballo feito e aprender dos erros, elaborar críticas construtivas sobre todo o labor normalizador dos últimos anos, e enfocar ben o futuro.
RESISTIR tamén significa non abandonar, non darlle a batalla gañada, iso é o que pretenden, o que lles gustaría, o que están desexando... que nos rindamos, mais non llelo imos poñer tan fácil. Comezamos a sementeira e agora debemos traballar para nun futuro apañar.
Con todo, non buscamos sermos mártires da causa, só esperamos MANTER O ALENTO e ir poñendo o noso gran de area, máis grande ou máis pequeno, co fin de pretender librar a lingua galega dos prexuízos de sempre, da marxinalidade, da escuridade…
Porque RESISTIR ten que ser AVANZAR, apoiármonos uns nos outros, axudármonos, compartirmos e andar. Por iso é moi importante seguirmos tecendo a rede da Coordinadora.
Moitos comezaron a batalla da normalización no ensino hai moito tempo e resistiron ata agora. Outros fómonos sumando máis tarde. E cómpre seguir. Os equipos levamos sementando desde hai 20 anos e moita semente foi prendendo. Se non prendese, non pretenderían queimala. Todo o que se semente de novo desde os equipos e desde a Coordinadora Galega de ENDL será futuro para o galego, será
Porque está en xogo o esforzo enorme e a esperanza de toda a xente que loitou pola normalización da lingua no ensino hai 20 e mesmo 30 anos. A xeración de Agustín Fernández Paz, a quen homenaxeamos no acto de xuño pasado, non puido traballar en balde. Está o esforzo, a esperanza e a ilusión de quen botou a andar as coordinadoras comarcais ou dos que o tentaron, con maior ou menor éxito. O esforzo enorme de Xabier no Salnés, de Xepe en Santiago, de Beatriz no Carballiño, de Ánxeles na Mariña, de Paco na Terra de Melide, de Luísa na Coruña, de Xan e Ana nas Terras de Umia, de Ana en Bergantiños, de Manuel en Verín, de Nito en Pontevedra, de Albina no Baixo Miño, de Mabel en Vigo, de Xoán Carlos en Celanova, de Teresa da Terra de Soneira, de Sabela en Quiroga, de Pilar e de todos os que foron mantendo a Coordinadora Leixaprén e de moitos máis…
Con máis ou menos éxito, o esforzo fíxose e a batalla deuse. Reunións fóra de horario nas comarcas, organización de actividades nos centros e nas comarcas, reunións do consello zonal en sábado pola mañá en Compostela… Temos esperanza no futuro do galego e este depende de nós.
RESISTIR significa ILUSIONARNOS, porque tanta resistencia non é posible sen ilusión.
Mirar para atrás para o inxente labor xa feito nestes 20 anos dos equipos e nos dous da coordinadora e ILUSIONARNOS.
ILUSIONARNOS co reto que temos no noso alumnado: o do rural que debe manter a súa lingua e o do urbano que debe achegarse ao galego e adquirir competencias.
ILUSIONARNOS co reto que temos no profesorado e nas familias ao que temos que gañar para unha causa xusta como é a da defensa da nosa lingua.
ILUSIONARNOS con que o galego non sexa unha anécdota na rúa Príncipe de Vigo ou nos Cantóns da Coruña. Ilusionarnos con que o galego siga tendo a mesma presenza en Cospeito, Forcarei ou Trives, mais coa cabeza ben erguida.
ILUSIONARNOS e NON DESALENTAR. Se realmente queremos que a situación do galego no ensino e na sociedade mude, facemos falta todas e todos arredor deste proxecto, fai falta o traballo de todo o mundo. Temos que organizar moitas cousas que algunha, seguro, que nos ha de saír ben.
ILUSIONARNOS mesmo co baile que lle temos que botar á negra sombra.
Á negra sombra que pretende silenciar o noso traballo e que non quere que se saiba que onte organizamos unha videoconferencia reivindicando que o galego tamén vale para a ciencia e nela participaron 6000 alumnos e alumnas de secundaria e 4000 de primaria.
Á negra sombra da administración que pretende afogarnos atacando todo aquilo que nós defendemos.
Á negra sombra do desánimo de compañeiros e compañeiras.
Á negra sombra do cansazo dos membros e coordinadores/as de equipos
Á negra sombra do alumnado e das familias que creron o discurso negacionista imperante.
Porque somos a coordinadora da resistencia, da ilusión, do orgullo do noso e do orgullo do galego. Por iso, desde a pluralidade, imos sumar vontades e esforzos para
IES As Fontiñas
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2011 esperanza. normalizar, dinamizando, o galego no ensino e na sociedade. En positivo, construíndo futuro para a nosa lingua e transformando a indignación colectiva en creatividade, en ilusión e en esperanza.
Valentina Formoso Gosende
Coordinadora Xeral
Ningún comentario:
Publicar un comentario