xoves, 10 de novembro de 2011

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

«Cada decisión que tomamos no presente modifica os futuros posibles». Tal paráfrase de Einstein podería ser o leit-motiv que levou a Carlos Callón, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, a escribir este manual da auto-axuda, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, editado por Xerais.

Malia que a situación da lingua galega amosa síntomas preocupantes, pois leva séculos sufrindo  perda de falantes, que se acelerou nas últimas décadas, e non goza de protección xurídica e institucional abonda, na opinión de Callón existe un aspecto positivo que convén ter moi en conta: «nunca antes existiu unha comunidade lingüística galega tan dinámica e con tal grao de consciencia dos seus dereitos». É a esta minoría social, preocupada e concienciada, á que se dirixe o autor fundamentalmente: ás persoas que teñan suficiente motivación como para exerceren os seus dereitos lingüísticos.

Escriturar un ben, facer testamento, escolarizar as fillas, poñer nome, consumir produtos, solicitar facturas, acudir ao médico, cubrir un formulario electrónico dunha administración, traballar, utilizar un servizo municipal... A cotío vivimos infinidade de situacións en que o galego semella non existir; e deixará de existir, en efecto, se nós, as persoas concienciadas e comprometidas co noso idioma non o reivindicamos. «O non xa o temos, mais o si aínda podemos conquistalo. Pidamos o galego alí onde non nolo ofrezan. Procuremos sempre a empatía da persoa que nos atenda, mais nunca deixemos pasar calquera xestión da nosa vida sen o dicirmos: Por favor, podería ser en galego? Sorprenderémonos. (...) Non ocultemos que queremos vivir en galego.»
Como sostén Callón, a falta do galego en moitas situacións habituais non se debe tanto ao rexeitamento como á inercia e á ignorancia, tanto dos nosos interlocutores como, en moitas ocasións, propia nosa. Este manual pretende alumar o camiño da acción individual, tan necesaria para a vixencia do idioma propio de Galicia. Por unha banda, ofrece argumentos e datos en que apoiar as nosas demandas; por outra, aconsella técnicas para facelo con asertividade, é dicir, sen empregar unha conduta aversiva para os demais, e obtendo, polo tanto, un autorreforzo. Son variadas as anécdotas, tanto propias do autor como doutras persoas, que ilustran esta liña de actuación e que serven, ademais, para que o libriño, xa de por si didáctico, deveña entretido e, mesmo, divertido.

Cada logro e avance do galego houbo que pelexalo a pulso. E nesas seguimos. Velaquí, logo, unha axudiña... para o pulso.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA
Luns, 07 de novembro de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario