domingo, 24 de novembro de 2013

VI XORNADAS DE MATERIAIS DIDÁCTICOS

Prezados/as amigos/as,
Tal e como vos estivemos informando nas pasadas semanas, a Coordinadora Galega de ENDL coorganiza xunto con Nova Escola Galega as VI XORNADAS DE MATERIAIS DIDÁCTICOS: Recursos e materiais didácticos para o ensino en galego, que se van celebrar os días 29 e 30 novembro en Santiago de Compostela.
Ademais de ser unha actividade que ten a homologación da Consellería por un total de 12h para os asistentes, queremos resaltar que a sesión do sábado pola tarde responde ao espírito dos que foron os nosos Encontros de docentes pola normalización que celebramos os tres cursos pasados e que este ano xa non faremos de xeito independente, xa que realizan dentro do marco destas Xornadas.
Dende a CGENDL consideramos que, no momento no que estamos, este é un encontro importante para difundir e coñecer experiencias e materiais didácticos innovadores, así como para a creación autónoma de recursos e materiais educativos en galego para todos os niveis educativos.  Aínda que sigamos a partillar materiais na nosa web, é fundamental tamén coñecer como se elaboraron e que resultado deron moitos dos recursos. De aí que sexa imprescindible que acudades, cando menos o sábado á tarde, ben a mostrar os vosos materiais e/ou recursos educativos feitos en galego ou para a promoción deste idioma, ben a ver os que hai e a tomar contacto cos seus autores/as.
As persoas interesadas en recibir a homologación de relatores deben matricularse no curso a través da páxina da Nova Escola Galega (acceso á inscrición). No caso dos/as docentes aos que non lles interese o título só teñen que inscribir a experiencia, pero non pagar a matrícula. Terán un xustificante de participación pero non homologado pola Consellería. 
Na vindeira fin de semana poñerémonos de novo en contacto convosco para enviarvos a listaxe das experiencias que se van presentar.
Aproveitamos tamén para recordarvos que entre todos e todas podemos contribuír a dotar de material o apartado de recursos que hai na nosa páxina web e que é de acceso público.
Nese espazo, ademais de poder consultar un amplo abano de propostas para desenvolverdes co voso alumnado, podedes achegar a través deste formulario aqueles materiais que consideredes que poden ser de utilidade para traballar tanto nas diferentes áreas do currículo como nas diferentes actividades que levan a cabo os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Se tedes calquera dúbida ou problema á hora de cumprimentar o formulario e enviar os recursos, escribide a correo@coordinadoraendl.org.
A normalización do noso idioma e a formación do noso alumnado son tarefas colectivas nas que cada un/unha de nós pode contribuír modestamente.
Saúdos normalizadores

CGENDL 

Ningún comentario:

Publicar un comentario