domingo, 24 de novembro de 2013

NOVAS DA CGENDL

Prezados/as amigos/as,
Apenas queda unha semana para as VI XORNADAS DE MATERIAIS DIDÁCTICOS: Recursos e materiais didácticos para o ensino en galego, un encontro coorganizado pola CGENDL e a Nova Escola Galega que se vai celebrar os días 29 e 30 novembro na Facultade de Ciencias de Educación (USC) de Santiago de Compostela. Unha vez, animámosvos a participar nesta actividade homologada pola Consellería (12h) e que este curso vén substituír os Encontros de Docentes pola Normalización que viñemos celebrando nos anos anteriores.
As persoas interesadas en recibir a homologación de relatores deben matricularse no curso a través da páxina da Nova Escola Galega (acceso á  inscrición). No caso dos/as docentes aos que non lles interese o título só teñen que inscribir a experiencia, pero non pagar a matrícula. Terán un xustificante de participación pero non homologado pola Consellería. Aproveitamos tamén para recordarvos que entre todos e todas podemos contribuír a dotar de material o apartado de recursos que hai na nosa páxina web e que é de acceso público. Nese espazo, ademais de poder consultar un amplo abano de propostas para desenvolverdes co voso alumnado, podedes achegar a través deste formulario aqueles materiais que consideredes que poden ser de utilidade para traballar tanto nas diferentes áreas do currículo como nas diferentes actividades que levan a cabo os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
Así mesmo, a CGENDL estará presente na Xornada Formativa de Docentes, "Afondando nas Ferramentas TIC para a Escola",  que se celebra no marco do Culturgal. A Feira das Industrias Culturais, que se celebra en Pontevedra entre o venres 29 de novembro e o 1 de decembro. A Coordinadora organiza a Mesa de Experiencias Escolares, nas que estarán presentes o proxecto SonCine (IES de Porto do Son), Ponte en Galego (IES de Breamo de Pontedeume), Trivial Terra de Melide (IES de Melide) e o Proxecto Enredamos (CEIP de Campolongo de Pontevedra). A inscrición faise a través da aplicación fprof.
Por último, informámosvos que na V Asemblea da CGENDL houbo novidades relativas ao novo Consello Directivo e á Organización da entidade, que podedes consultar directamente na nosa páxina web.
Saúdos normalizadores

CGENDL 

Ningún comentario:

Publicar un comentario