sábado, 27 de outubro de 2012

III DÍA DA CIENCIA E A TECNOLOXÍA EN GALEGO

Prezados/as amigos/as,
Con motivo da celebración do  III Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego,  a Coordinadora Galega de ENDL convida a todos os centros educativos non universitarios a participar nunha videoconferencia vía web (con interacción vía chat), na que destacados investigadores galegos disertarán sobre os proxectos que están a desenvolver no LHC no CERN e mais na Universidade de Santiago. 
Baixo o título  "Facendo Física de Partículas polo mundo", Carlos Salgado (Departamento de Física de Partículas e Instituto Galego de Física e Altas Enerxías) e Abraham Gallás (Investigador Ramón y Cajal do Departamento de Física de Partículas da USC), xunto con outros/as compañeiros/as que confirmaremos en breve, achegárannos dende diferentes puntos do mundo os fitos científicos de grande interese que tiveron lugar nos últimos tempos: a descuberta dunha resonancia que podería ser o bosón de Higgs, a pescuda de partículas supersimétricas, os resultados na busca do plasma de quarks e gluons ou o estado da materia do universo primitivo.
Destinatarios: Alumnado de 2º ciclo da ESO e Bacharelato.
Data e hora: martes 6 de novembro entre as 12:30h e as 13:30h.
No seguinte enderezo podedes acceder a toda a información sobre esta actividade (contidos, inscrición, requisitos técnicos, etc.), así como diversos materiais complementares relacionados coa actividade que iremos colgando nestes días.
Por razóns técnicas, temos un límite de 100 centros inscritos. No caso de que sexa necesario, terán prioridade os centros cuxos equipos de normalización estean adscritos á CGENDL e a orde de inscrición. 
Para máis información sobre o III Día da Ciencia en Galego: http://www.cienciaengalego.org
Para visionar a videoconferencia da edición 2010-2011 (Do Cern a Compostela coa Física de Partículas): http://vimeo.com/16939483
Saúdos normalizadores
Coordinadora Galega de ENDL

Ningún comentario:

Publicar un comentario