sábado, 22 de febreiro de 2014

CELEBRANDO O ENTROIDO

A páxina web da CGENDL acolle unha vez máis un monográfico especial sobre o Entroido con materiais para traballar nas aulas, nos centros escolares e nas casas: http://coordinadoraendl.org/2014entroido/index.php. Este sitio web reúne recursos didácticos de diferente fasquía como actividades, vocabularios, manualidades, audiovisual, publicacións, etc., así como diferentes novas de actualidade relacionadas con esta celebración: concursos, experiencias, etc. Concibido como un espazo colaborativo, o monográfico está aberto ás vosas achegas; por iso, pedímosvos que remitades novos materiais elaborados nos vosos e noutros centros, que serán identificados ou redireccionados convenientemente.
Neste sentido, lembrámosvos novamente que a CGENDL mantén unha páxina de recursos de acceso libre para todo o profesorado:
Dende a Coordinadora  consideramos que entre todos e todas podemos contribuír a dotar de material este apartado de recursos no que, ademais de poder consultar un amplo abano de propostas para desenvolverdes co voso alumnado, podedes achegar a través dun sinxelo formulario (http://coordinadoraendl.org/limiar.php?pax=rec_subir.php) aqueles materiais que consideredes que poden ser de utilidade para traballar tanto nas diferentes áreas do currículo como nas diferentes actividades que levan a cabo os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
Se tedes calquera dúbida ou problema á hora de cumprimentar o formulario e enviar os recursos, escribide a:  correo@coordinadoraendl.org..
Aproveitamos para adiantarvos que o seguinte número da revista “Ollos de aula” terá carácter bimensual (marzo-abril) por mor das vacacións de Semana Santa.
Saúdos normalizadores

CGENDL

Ningún comentario:

Publicar un comentario