luns, 23 de setembro de 2013

SUXESTIÓNS DA CGENDL SOBRE O PROXECTO DE PLURILINGÜISMO

SUXESTIÓNS E RECOMENDACIÓNS DA CGENDL A PROPÓSITO DO

Proxecto de orde do....de... de.... 2013, polo que se desenvolve o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, en relación á exención da materia da lingua galega
A CGENDL considera que a exención da materia da lingua galega establece un estatus legal diferente para os dous idiomas cooficiais da comunidade autónoma ao se contemplar como posibilidade tan só para un deles, o galego. En todo caso, a CGENDL entende que é unha medida excepcional só válida para o alumnado que vai abandonar definitivamente o sistema educativo galego. No resto dos casos deben aplicarse medidas que garantan as competencias en lingua galega para o alumnado que procede de fóra. O alumnado que se incorpore ao sistema educativo galego desde outras comunidades autónomas ou de países estranxeiros NON LUSÓFONOS, debería poder gozar da exención de exames e cualificacións durante o menor tempo posible, preferentemente un curso, xa que o que debe predominar son medidas que leven á súa integración.
O obxectivo final da exención debe ser que o alumnado adquira as competencias e se incorpore ao sistema educativo normalmente no menor tempo posible, polo tanto suxerimos:
Na Orde debe quedar claro que a exención DEBE AFECTAR só Á MATERIA DE LINGUA GALEGA E LITERATURA, NUNCA ÁS MATERIAS NON LINGÜÍSTICAS IMPARTIDAS EN GALEGO, é dicir, que nestas é imprescindible que se realice un plan de integración que axude ao alumnado a seguir os contidos sen que o profesorado teña que mudar a lingua da materia de xeito automático e global.
Ademais recomendamos mudar a redacción dos seguintes parágrafos:
Na introdución noméanse os requisitos que o Decreto 79/2010 taxa como causas que xustifican a exención, entre os que está
2. Que o alumnado de nova incorporación proceda doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro
É preciso diferenciar entre os países estranxeiros lusófonos e non lusófonos, polo tanto propoñemos engadir “país estranxeiro non lusófono”.
Artigo 2º Principios xerais.
2. Tampouco terá dereito á exención o alumnado que, realizados estudos en Galicia, curse fóra da comunidade autónoma tres cursos completos ou menos e se reincorpore ao sistema educativo galego.
Se un alumno ou alumna cursa en Galicia toda a Educación Primaria, pode perfectamente seguir os estudos de 4º ESO; polo tanto, consideramos que se debería aumentar a CATRO os cursos que permitan pedir a exención, considerando para este alumnado as medidas de apoio precisas.
Artigo 3º Requisitos para a obtención da exención temporal
2. A exención poderá concederse en dous cursos non consecutivos.
Consideramos que esta exención NON TEN SENTIDO; recomendamos ELIMINAR xa que o que se busca é que o alumnado adquira competencias, polo que a exención se utiliza ata que as adquira, algo que non se consegue en cursos non consecutivos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario