luns, 23 de setembro de 2013

NOTA INFORMATIVA DO SNL DE VIGO

O Servizo de Normalización Lingüística estavos ofertando aos centros de ensino unha ampla variedade de actividades dinamizadoras do galego. Oferta que fomos ampliando curso tras curso grazas á vosa acollida e colaboración, e por crermos que é unha maneira axeitada de achegar o alumnado á lingua propia.
O obxectivo destas accións é pór á disposición dos equipos de dinamización lingüística actividades que mesturen o lúdico co educativo, que complementen áreas e temas do curriculum escolar sempre fomentando o coñecemento da lingua de noso, propiciando espazos para a comunicación en galego, facendo aniñar no alumnado sentimentos cara á lingua de noso.
Dirixímonos aos equipos como interlocutores pois compartimos un mesmo desexo: que os cativos e cativas, que as mozas e mozos coñezan, usen, valoren e sintan como de seu a lingua propia de Galicia.
Tras a realización da actividade solicitamos a vosa avaliación e suxestións e, asemade, pedímoslles ás empresas que realizan as accións unha memoria avaliativa e suxestións.
Xa daquela, cando analizamos as memorias non chegamos a comprender certos comentarios que reflicten actitudes, ausencias e pouca colaboración que mostra o profesorado nalgunhas (afortunadamente as menos) actividades solicitadas a este SNL.
Comentarios que se repiten por parte das distintas empresas o que nos leva a consideralo non só como algo puntual, e na que "reinciden" certos centros de ensino.
Dende o curso pasado indicamos que teriamos en conta estas memorias á hora de achegar aos centros novas actividades, e que a actitude do propio profesorado ía pesar moito, sen esquecer o máis importante: son actividades dende o SNL co fin de dinamizar o uso do galego.
Para este novo curso, seguiremos cos criterios do pasado ano, que vos lembramos:
1.- As actividades teñen o obxectivo de fomentar o uso e coñecemento do galego por parte do alumnado. Que o profesorado non media palabra ningunha en galego durante a actividade pouco -por non dicir nada- favorecen este obxectivo.
2.- As actividades desenvólvense en horario escolar e, na súa maioría, nos centros de ensino. Entendemos, daquela, que o profesorado ha estar na aula durante a realización da actividade. O feito de deixar o alumnado só co monitor ou monitora e ausentarse durante toda a actividade pouco ou nada axuda ao normal desenvolvemento da actividade.
Os e as monitoras non son persoal docente, van realizar a actividade e contan -ou cren contar- co profesorado. Mais a ausencia deste leva a que non poidan realizar a actividade nas mellores condicións ou mesmo teñan que, deixar de facela, por ter que mediar en leas entre o alumnado ou pasar case todo o tempo pedindo orde e colaboración.
3.- A colaboración, o interese, a participación do profesorado durante o desenvolvemento da actividade leva, xeralmente, implícito un maior interese por parte do alumnado.
4.- Cómpre tamén sinalar que:
a) As fichas de inscrición que se remiten para informar e apuntarse ás actividades deberán achegar todos os datos solicitados.
b) Han de se respectar os horarios para o envío das solicitudes.
O uso da lingua galega -sobre todo por parte do profesorado-, a presenza durante a actividade por parte do profesorado (non sendo que nun intre o monitor ou monitora pida expresamente que saia), e a implicación deste (ao cabo, a actividade tamén vai dirixida a vós), van ser tamén considerados á hora de outorgar as actividades, sen esquencermos a orde de chegada da solicitude e que esta estea completa.
E sempre valoramos as vosas avaliacións e suxestións; así tentaremos ofertar novas actividades, repetir aquelas que contan coas mellores valoracións e proporcionarvos material complementario.
As actividades realízanas diferentes empresas, polo que queremos facer fincapé que sempre vos indicamos o número de teléfono de contacto da empresa, xa que vos pode solventar certas dúbidas ou proporcionar máis información puntual.
Somos conscientes de que resultan escasas as sesións ante as vosas demandas, mais os nosos medios e recursos -humanos e orzamentarios- son reducidos. E o noso labor non só abrangue o ensino nin a poboación infantil e xuvenil, malia iso temos dedicado a maior parte do noso orzamento ao ensino.
Con todo agardamos seguir traballando e contar co compromiso e colaboración que nos estades brindando.
Marta Souto González
Técnica do SNL
mc/
Vigo, 12 de setembro de 2013

Ningún comentario:

Publicar un comentario