luns, 23 de setembro de 2013

BENVIDA DA CGENDL

Prezados/as amigos/as,

Dende a CGENDL retomamos a comunicación con vós co novo curso 2013-2014 para dar continuidade a este labor necesario que desenvolvemos entre todos/as. Un ano máis, a Coordinadora proponse canalizar as demandas dos Equipos e de todos/as os/as docentes que apostamos polo galego no ensino, así como partillar recursos, actividades e experiencias; por iso, animámosvos a seguir con ánimos e forzas renovadas na mesma liña de traballo.
Neste primeiro correo, aproveitamos para incidir nunha cuestión de suma importancia da que, independentemente de que haxa ensino infantil no noso centro, podemos informar nos nosos círculos máis próximos (familiares, amizades, outros centros e compañeiros/as, etc.).
Lingua Galega en Educación Infantil
A Consellería enviou aos centros en pleno verán unhas instrucións nas que pretendía poñerlle solución aos dous artigos que o TSXG declarou nulos no Decreto 79/2010. No primeiro punto indicaba que a lingua predominante do alumnado na etapa de educación infantil deberá determinala o centro educativo, mediante a súa fixación e posterior aprobación no proxecto lingüístico de centro. Co fin de levar a cabo tal resolución, teranse en conta os seguintes parámetros:
a) Resultado da pregunta aos pais, nais, titores/as ou representantes legais do/a alumno/a antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna do seu fillo ou filla.
b). Realidade sociolingüística do contorno.
c). Garantía da presenza das dúas linguas cooficiais como vehiculares na programación anual do centro e, polo tanto, da adquisición de coñecementos nas dúas linguas.
Por este motivo, é conveniente que desde os EDLG nos dirixamos aos equipos directivos para instalos a que, seguindo a devandita instrución, tomen medidas coa finalidade de que o galego teña presenza nas aulas de infantil.
A realidade sociolingüística das áreas urbanas esixe que se tomen medidas para que o alumnado adquira os coñecementos necesarios en galego, algo que non se vai producir se simplemente se imparten as aulas na lingua inicial da maioría do alumnado. Polo tanto, débense introducir, desde este momento, as estratexias que cada docente considere (falarlles en galego en días alternos, a metade de cada xornada…) para que o galego teña a necesaria presenza nestas contornas e así conseguir que os nenos e nenas adquiran a competencia precisa.
Igualmente, en ámbitos rurais galegofalantes é necesaria unha presenza constante do galego nas aulas para evitar o abandono da lingua que se produce coa escolarización, e sobre todo o asentamento de prexuízos cara á lingua propia que ademais reverte nunha escasa competencia da mesma, afastada do resto dos ámbitos nos que se moven os nenos e nenas.
Dado que este curso aínda debería estar vixente o PLC feito en 2010, habería que incluír as medidas que decidades adoptar xa na Addenda que hai que presentar neste mes de setembro e, o máis importante, poñelas en práctica xa neste comezo de curso.
Varios 
Na páxina web da CGENDL podedes descargar o  calendario escolar 2013-2014 ( anual e  mensual) e consultar as suxestións da CGENDL á orde de  exención da materia de lingua galega.
 
Saúdos normalizadores

CGENDL 

Ningún comentario:

Publicar un comentario