As instrucións da Consellería de Educación para os centros de infantil converten a promoción do galego en papel mollado.
Ante a ausencia de medidas pedagóxicas realistas e concretas non se garante a formación en lingua galega do alumnado de infantil.
A aplicación do Decreto do Plurilingüismo ten como resultado un precario coñecemento do galego na primeira promoción de nenos e nenas que veñen de rematar Ensino Infantil baixo esta norma.
A CGENDL esíxelle á Consellería de Educación e á SXPL que faga unha análise da situación da lingua nos centros de ensino para verificar a competencia real do alumnado en lingua galega.
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) estima que as instrucións que a Consellería de Educación vén de enviar aos centros educativos para adaptar o Decreto 79/2010 ás sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), publicadas no momento en que o corpo docente está de vacacións, non van pasar dun lavado de cara do citado decreto xa que a Consellería de Educación non mostra unha verdadeira sensibilización coa promoción do galego no ensino. A este respecto, hai que lembrar que despois de que se publicasen as reiteradas sentenzas que declararon ilegal a enquisa ás familias en Educación Infantil, centros das provincias da Coruña e de Ourense recibiron circulares que os instaban a seguir efectuando esta consulta.
A organización que representa os Equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino non universitario afirma que o alumnado sabe menos galego agora ca hai tres anos, xa que a primeira promoción que saíu da aplicación do novo Decreto do Plurilingüismo na etapa infantil non recibiu formación na lingua propia de Galicia debido, fundamentalmente, aos dous artigos que o TSXG declarou nulos no devandito texto legal e que provocou que a Consellería fixese unha rectificación a través dunhas instrucións insuficientes e imprecisas.
A CGENDL valora as rectificacións que a Consellería vén de facer, mais lamenta que as novas instrucións para a aplicación de decreto non signifiquen un verdadeiro compromiso nin intencionalidade cara á mellora das competencias lingüísticas do alumnado en lingua galega.
O colectivo de docentes teme que, unha vez máis, estas instrucións da Consellería se convirtan en papel mollado, xa que os Proxectos lingüísticos de centro (PLC) deben contar, para seren efectivos, con recursos suficientes e proxectos de formación, ademais dunha rigorosa avaliación das competencias do alumnado, sobre todo no plano oral. Así mesmo, o deseño dos devanditos proxectos debe basearse en datos reais sobre a necesidade de mellora das competencias lingüísticas, sendo responsabilidade da administración educativa a súa obtención e difusión.
Se a Consellería se implicase realmente na promoción do galego debería adoptar medidas pedagóxicas de reforzo positivo para a lingua propia de Galicia, como as “liñas de galego”, que funcionaron con grande éxito até que este goberno as eliminou, e outras medidas que leven a unha dignificación do idioma a través da eliminación de prexuízos.
No tocante ao outro artigo eliminado polo TSXG, referido á lingua que pode empregar o alumnado nas materias non lingüísticas, desde a CGENDL pídese que se dean instrucións claras e precisas de como conseguir que os discentes adquiran competencias en lingua galega sen condicionantes do tipo "respecto ás circunstancias persoais" e "con caracter xeral" indicados pola Consellería.
A CGENDL reclama que a Consellería de Educación se implique de facto e non só de palabra e que comece por avaliar a competencia lingüística da primeira promoción de alumnado que vén de rematar a educación infantil baixo esta norma legal para que se dea conta das consecuencias nefastas que leva provocado este Decreto na formación do alumnado galego
Ningún comentario:
Publicar un comentario