Que é o Correlingua?
Desde a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, A Mesa pola normalización Lingüística, e os concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense, vimos organizando unha actividade de carácter nacional que transita a través dunha a outra localidade cun denominador común que é a dinamización lingüística da mocidade.CORRELINGUA, denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país, é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
O Correlingua, que xa vai pola súa sexta edición, alcanzou ao longo destes anos unha alta participación dos centros de ensino e do alumnado, así como o apoio de persoeiros e organizacións de todo tipo.
Por que naceu o Correlingua?
O interese que ten a dinamización lingüística entre a mocidade é evidente se temos en conta a importante perda de falantes que se está a producir entre a poboación máis nova, situación que confirman os diversos estudios que se teñen realizado, e recentemente o censo de poboación de 2001. É preciso, xa que logo, chamar a atención de todas as instancias político-sociais a respecto da necesidade de intervir de maneira efectiva no mantemento e difusión do idioma e facelo, pola súa vez, coa participación activa dos propios destinatarios: a mocidade.De cara a esta nova edición que agora se presenta, establécense máis elementos comúns que se explican a seguir, deixando asemade a cada comarca ou localidade a posibilidade de ampliar a oferta de actividades en función dos recursos dispoñíbeis. Isto vai mellorar os aspectos organizativos e dar maior difusión á mensaxe sen que se perda a iniciativa propia de cada lugar para facer conxuntamente unha verdadeira Correlingua nacional.
Obxectivos
- Propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións en prol dela.- Sensibilizar a sociedade, a través da poboación xuvenil, da importancia da defensa da lingua.
- Asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas e amenas e interdisciplinares.
Destinatarios/as
Prioritariamente diríxese ao alumnado dos centros de ensino secundario –en especial as actividades preparatorias-, aínda que tamén poden participar nenos e nenas de primaria e infantil. A través de fórmulas de colaboración varias, participan tamén entidades asociativas e ámbitos diversos.Coa difusión en medios de comunicación e coas propias actividades difúndense tamén mensaxes de defensa e promoción do idioma na sociedade en xeral.Actividades
A nosa intención é que esta actividade non sexa só un acto puntual que coincide coa celebración do Día das Letras Galegas, senón unha actividade extensa no tempo que serve de pretexto para a dinamización lingüística nos centros de ensino. De aí a importancia que lle concedemos á elaboración de material e á proposta de actividades que se inicien co curso e culminen na carreira datada en maio.Despois do traballo realizado en edicións anteriores os centros contan hoxe xa con algún material elaborado especificamente para esta actividade:
Concursos escolares
Hai tres modalidades: elaboración do manifesto, dirixido ao alumnado de Secundaria, banda deseñada, dirixido ao alumnado de Educación Infantil e Primaria, e vídeo para o conxunto do alumnado.
No inicio do curso , convócanse os concursos entre todos os centros escolares que desexaron participar. A convocatoria destes concursos ten o obxectivo de oferecer aos centros actividades preparatorias que permiten a reflexión sobre o idioma e serven de preparación para a participación na recta final do Correlingua.
Os gañadores dos Concursos reciben como premio a participación ben no proxecto Terra, organizado polo Colexio de Arquitecto de Galiza xunto coa AS-PG, ben unha visita á Eira da Xoana, espazo de xestión medioambiental impulsado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, onde acompañados/as de monitores/as cos realizarán diversas actividades sociolinguísticas, e de coñecemento do medio natural do Alto Ulla.
Carreira
En torno ao Día das Letras ten lugar o acto central de Correlingua, unha carreira non competitiva que percorre dez localidades. Cada localidade escollerá unha ou varias persoas do ámbito artístico, cultural, deportivo, ... que destaquen no uso e defensa do noso idioma, para ser portadora do testemuño e que lerá o manifesto gañador do concurso escolar.
Festa final
Ao rematar a carreira ten lugar un acto festivo coa presenza de todas as organización convocantes e participantes, con actuacións musicais, teatrais e a participación directa do alumnado.
PARA SE INSCRIBIR
http://www.correlingua.org/
Ningún comentario:
Publicar un comentario