Resulta unha evidencia que no mundo actual, o deporte, especialmente o profesional, constitúe unha das manifestacións sociais máis coñecidas, recoñecidas, pero tamén máis influíntes na conformación de modelos de comportamento. Moitos dos nosos rapaces e rapazas aspiran a acadar a posición social, fama ou prestixio, dos mitos do século XXI, grandes futbolistas, baloncestistas, tenistas, deportistas en xeral.
Non é Galiza un país excedente e modelos deportivos de primeiro nivel mundial, pero tamén conta cos seus, especialmente en disciplinas deportivas de un "segundo nivel" ou "minoritarias". E os nosos e as nosas deportistas falan. E non son poucos os que utilizan como vehículo máis ou menos habitual de relación, a lingua galega. Son logo un espello en que a sociedade, e a mocidade en concreto, pode retratarse. Escoitar falar en galego a un medallista olímpico, ou a unha xogadora de fútbol de Champions ten un certo poder simbólico, que sen dúbida contribúe a reforzar a nosa autoestima lingüística, tanto individual como colectiva.
O compromiso lingüístico dos deportistas galegos e galegas merece premio. Por iso, neste curso, o premio
Leixaprén será para un deles, ou unha delas.
--------------------------------------------------------------------------------
O Premio Leixaprén, de recoñecemento á defensa e promoción da lingua galega, foi creado no ano 1999 a iniciativa do IES Poeta Añón de Outes e asumido pola Coordinadora Leixaprén de Equipos de Normalización Lingüística, que integraba distintos centros educativos das comarcas de Muros-Noia, Barbanza e arredores.
A partir do curso 2011-2012, o premio pasa a ser organizado pola CGENDL, como unha actividade aberta á participación de todos os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de Ensino de Galicia, coa intención de lle dar continuidade ao obxectivo central co que naceu.
A Coordinadora Galega de ENDL (CGENDL) convoca o premio Leixaprén, que se rexerá polas seguintes
bases
O premio Leixaprén, de recoñecemento á defensa e promoción da lingua galega, concederase cada curso académico e non poderá quedar deserto.
1 Ámbito do premio
O consello directivo da CGENDL proponlle ao Xurado, cada curso académico, o ámbito de actuación do premio.
Os destinatarios do premio serán persoas, entidades ou institucións que se caractericen por unha defensa activa da lingua galega en calquera dos seguintes ámbitos de actuación:
1 Económico e empresarial
2 Xurídico e administrativo
3 Cultural e artístico
4 Deportivo
5 Relixioso
6 Medios de comunicación, márketing e publicidade
7 Educativo
8 Mocidade e lecer
9 Asociacionismo
10 Internet e novas tecnoloxías
Calquera outro ámbito, non recollido nos anteriores que, por razóns específicas de eficacia normalizadora, mereza o recoñecemento do xurado; así mesmo, por decisión do consello directivo da CGENDL poderase modificar ou concretar calquera dos ámbitos nomeados atendendo á evolución da realidade social.
2 Xurado
O xurado está composto polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino adscritos á CGENDL que votará entre un mínimo de tres e un máximo de cinco candidaturas que previamente vai establecer un Comité de selección que estará formado cada curso por:
a dous membros do Consello Directivo,
b dous membros en representación das Comarcas que compoñen a CGENDL, que con carácter rotatorio se escollerán por orde alfabética e deben pertencer a provincias diferentes, e
c unha persoa convidada que conte con especial coñecemento do ámbito seleccionado
en cada edición.
Será función do Comité de selección presentar candidaturas de persoas, entidades ou institucións que se caractericen por unha defensa activa da lingua galega no ámbito correspondente e que teñan unha especial incidencia social, ben pola súa continuidade e eficacia ao longo do tempo, ben pola exploración de novas vías para a normalización do idioma e que atendan á maioría dos seguintes requisitos:
1 Fomentar unha imaxe positiva da lingua libre de tópicos e prexuízos.
2 Contribuír á extensión do uso do idioma, especialmente no sector correspondente
3 Reforzar a dignificación da lingua
4 Manifestar unha actitude coherente e sólida na súa aposta pola lingua
5 Apostar pola creatividade, a orixinalidade e a proxección cara ao futuro.
3 Prazos
O comité reunirase no 2º trimestre
Os equipos votarán ata o 25 de abril
O premio entregarase no 3º trimestre
4 Sistema de votación
Os Equipos votarán os candidatos a através da páxina web da CGENDL
5 Entrega
Farase un acto público de entrega do galardón.
6 Interpretación
O xurado queda facultado para interpretar as presentes bases.
PODEDES ACCEDER PINCHANDO NO TÍTULO DO POST OU NO ENDEREZO
Ningún comentario:
Publicar un comentario