" TODO OK" DE DIEGO AMEIXEIRAS
Logo de algo máis dun mes nas librerías e aínda cun par de recensións críticas publicadas, Todo OK, a nova novela de Diego Ameixeiras, esgota a súa primeira edición e reedítase, seguindo os pasos do éxito que tivo Asasinato no Consello Nacional (2010). Como é habitual en Ameixeiras, Todo OK é unha novela negra, e está protagonizada polos perdedores do lumpen da droga, conformando unha «historia tráxica de narcos e xentes atrapadas nun destino que non lles ofrece saída», en palabras de Xosé Manuel Eyré. Para este crítico, a novela funciona tamén como metáfora da sociedade actual. Os protagonistas son «pobre xente, que forma parte dos últimos elos do tráfico», puntualiza o crítico Manuel Rodríguez Alonso. Ramón Nicolás subliñou na súa recensión en La Voz de Galicia que desde esta novela «non é difícil albiscar as fendas dun sistema xudicial e policial que en tantas ocasións se serve de procedementos ilícitos; por outro lado goza doutros méritos como é o ritmo narrativo áxil que exhibe e ao que contribúe unha estrutura fragmentaria, a xeito de círculos concéntricos que se expanden tensionando o argumento». Trátase, segundo o propio Diego Ameixeiras declarou nunha entrevista do programa Zig Zag, dunha novela que navega polas novas tendencias da novela negra, esa que se abre a outros espazos de indagación, procurando as causas e motivacións dos crimes e as súas circunstancias. Con Todo OK, Diego Ameixeiras consolida a súa consideración entre os lectores e lectoras galegos e sitúa a súa novela entre as obras que máis van dar que falar neste novo 2013, xusto nun momento en que, ademais desta nova novela, coinciden as reedicións doutras tres da súa autoría: Tres segundos de memoria (2006) 3ª edición, Baixo mínimos (2009) 2ª edición e Asasinato no Consello Nacional (2010) 4ª edición con prólogo de Xosé Manuel Beiras. Sen dúbida ningunha, a narrativa de Diego Ameixeiras está en plena forma e ten ante si un futuro expléndido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario