Presentamosvos unha nova publicación da Coordinadora Galega de ENDL, A letra miúda, unha revista dixital orientada especialmente para todos/as nós, o profesorado dos centros de ensino non universitario de Galicia, para facilitar a autoformación en aspectos de sociolingüística básica aplicada ao ensino.
A letra miúda non busca ser unha publicación academicista, senón que ten vontade de cubrir as nosas necesidades formativas do profesorado, contribuíndo a capacitalo para a toma de decisións metodolóxicas, pedagóxicas e didácticas de maneira crítica e reflexiva e a axudarlle no deseño de modelos de intervención encamiñados á normalización do galego no ámbito educativo. A través dos seus artigos tratará de achegar información e datos imprescindibles en materia sociolingüística para os/as docentes que traballan nese ámbito e axudarlles no deseño de modelos de intervención encamiñados á normalización do galego no ámbito educativo.
A revista ofrece artigos inéditos de cualificados especialistas nos que se tratan temas moi variados que van desde fundamentos teóricos sobre ensino de linguas ata experiencias educativas desenvolvidas en situación de contacto entre linguas. Achéganse tamén descricións e análises de modelos lingüísticos educativos e información significativa sobre a situación sociolingüística de Galicia e doutros territorios con linguas minorizadas.
Ademais, conta cun apartado de "Recomendacións" que se vai ir enchendo artigos xa publicados que se poden consultar na rede, recensións de publicacións básicas e ligazóns de interese, todo relacionado co ámbito mencionado.
Dende o Consello Directivo da CGENDL agardamos que A letra miúda sexa de utilidade e nos facilite o traballo neste camiño colectivo que andamos entre todos/as. Para facer calquera suxestión, consulta... relacionada coa revista, non dubidedes en poñervos en contacto con nós en aletramiuda@gmail.com.
Saúdos normalizadores
CGENDL
Ningún comentario:
Publicar un comentario