mércores, 25 de xaneiro de 2012

II ENCONTRO DOS EQUIPOS DOCENTES POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Prezados/as amigos/as,

A Coordinadora Galega de ENDL convida aos coordinadores/as e membros de Equipos de Dinamización da Lingua Galega e demais docentes interesados na normalización lingüística no ensino a participar no  II Encontro de equipos e de docentes pola normalización , que terá lugar o  sábado 11 de febreiro no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela .
Esta xornada organízase como un espazo de encontro do grande colectivo dos profesionais do ensino que traballan pola normalización do galego para crear e fortalecer canles de colaboración, para intercambiar experiencias de institutos e colexios a través de encontros simultáneos, para reflexionar sobre as linguas no sistema educativo e para coñecer as actividades elaboradas pola CGENDL para o que resta de curso.
PROGRAMA E INSCRICIÓN
- Podedes consultar o programa na nosa páxina: http://ir.gl/fdf0b9
- A inscrición é gratuíta e formalízase a través de correo@coordinadoraendl.org sinalando nome e apelidos e centro de ensino.
EXPOSICIÓN DE MATERIAIS ELABORADOS POLOS EQUIPOS
Nesta edición haberá a posibilidade de mostrar os diferentes materiais que se realizan nos Equipos dos centros educativos para compartilos e facer visible moitas das actividades que levaron e levan a cabo. Ao carón do salón de actos, haberá un espazo para mostrardes aquilo que consideredes: calendarios, marcapáxinas, revistas, trípticos, camisolas, produtos audiovisuais... Agradecemos a vosa colaboración para que a experiencia resulte enriquecedora para todos as persoas asistentes. Precisamos que nos confirmedes a vosa achega de materiais antes do mércores 8 de febreiro.
CONVOCATORIA DE AXUDAS
A convocatoria rexistra unha diminución drástica do orzamento dedicado a este programa. Por iso mesmo, cómpre estreitar a colaboración e o traballo en rede. Nos próximos días enviaremos máis información e propostas de actividades para que poidades incluír nos vosos proxectos.
Por último, pedímosvos que nos axudedes a difundir esta información nos vosos centros e entre os vosos contactos así como a través das páxinas e outros sitios web.
Saúdos normalizadores
Consello Directivo
Coordinadora Galega de ENDL

Ningún comentario:

Publicar un comentario